Carballo: actividades do venres 23 na Praza dos Libros
Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal até o 25 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o venres 23, destacamos os seguintes:
– 12:30 h. Presentación e lectura dramatizada da obra O rei portador e outras historias, de Beatriz Fraga, publicada por Euseino?, coa participación de rapazas e rapaces da Escola de Verán Xiria.
– 20:30 h. Recital poético Versus cianuro, sobre o libro publicado pola A. C. Caldeirón. Participan, entre outras persoas, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Roberto Roget, Paco de Tano, etc.
Xabier López López achégase en 1989 á novela xeracional
Entrevista de Xesús Fraga a Xabier López en La Voz de Galicia:
“A finais da pasada década dos 80 por Bergondo correuse a voz da inminente chegada dun home de negocios xaponés disposto a investir na industria da xoiería do concello coruñés. Aínda que non sabe como concluíu aquela historia, a anécdota quedou no maxín do escritor Xabier López López, daquela un adolescente, ata agroma agora como punto de partida do seu libro 1989 (Biblos).
A novela regresa a aquel ano para tecer coas narracións en primeira persoa dos seus cinco personaxes principais unha historia na que conflúen o individual e o colectivo. Trátase dun adolescente, un bibliotecario, un sindicalista, a dona dunha pensión e unha figura que o autor define como un clochard ou bufón. De idades e con experiencias distintas, comparten a pertenza a un momento que une ás xeracións: a transformación dun mundo coñecido noutro novo. «A historia transcorre ao longo de 15 días de decembro de 1989», describe Xabier López: a caída do muro de Berlín e a de Ceaucescu en Romanía sinalan a desaparición da URSS e a ideoloxía do «socialismo real». «É a primeira vez que escribo sobre algo que me resulta tan próximo», admite López, referíndose tanto ao tempo como ao espazo. 1989 está ambientada en O Vilar, unha vila ficticia que toma elementos de Bergondo e Betanzos, que o escritor coñece ben, xa que naceu no primeiro e reside no segundo, onde ademais foi concelleiro.
A historia está narrada en clave de comedia, aínda que López cita a Celestino Fernández de la Vega -«o humor é froito da desesperación»- para advertir de que 1989 tamén contén «algunhas cargas de profundidade» que tamén poden ter unha lectura actual. «Fálase moito da xente que deixou os estudos por un traballo na construción, pero en Bergondo iso tamén pasara con moitos mozos que cambiaran o instituto polos obradoiros de xoiería», lembra. (…)”
Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 75
Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.
Monforte: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga
O venres 23 de agosto prosegue a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), coa presentación, a partir das 20:00 horas, do libro Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. Xunto ao autor, participan no acto César Lorenzo e Manuel Bragado.
Carballo: actividades do xoves 22 na Praza dos Libros
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 22 ao 25 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 22, destacamos os seguintes:
– 13:00 h. Inauguración da Praza dos Libros, con pregón a cargo de María Canosa. No acto participan tamén Mar Eirís, Evencio Ferrero e a Banda Municipal de Música.
– 20:30 h. Concerto de Najla Shami e a súa banda, baseado no libro-disco Na lingua que eu falo, sobre poemas de Rosalía de Castro, publicado por Galaxia.
Monforte: Antón Patiño lerá o pregón da Feira do Libro
O mércores 21 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas). A partir das 20:00 horas terá lugar a inauguración oficial, no que destaca, despois das intervencións institucionais, o pregón de Antón Patiño.
Betanzos: presentación de No balouçar do vento, de Antom Laia
O xoves 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario No balouçar do vento, de Antom Laia. No acto o autor estará acompañado por Xurxo Souto e a violonchelista Mabel Carro.
O venres 23, ás 20:00 horas, a obra presentada será Ardalén, de Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
Teo: homenaxe a Avelino Pousa Antelo
Desde Fervenzas Literarias e o Concello de Teo:
“O Salón de Plenos foi o centro de congregación na mañá deste martes, 20 de agosto, desde as 12:00 horas para aquelas persoas que quixeron lembrar a persoa de Avelino Pousa Antelo. A esta hora os participantes nos actos do cabodano foron recibidos na Casa do Concello, onde a partir das 12:30 h. comezou un acto no que se recordou a figura de Avelino Pousa Antelo con música, recitais e ofrendas. A sesión continuou ás 13:00 horas coa presentación da revista-libro monográfica Avelino Pousa. Nesta presentación participaron Alfonso Blanco Torrado, Héitor Picallo, Carlos Mella, Mini e Mero, Xosé Mª Lema Suárez, Martiño Noriega, alcalde do municipio, e representantes da familia de Avelino Pousa.
Posteriormente amigos e familiares que participan nesta xornada aproveitaron a hora de comer para compartir lembranzas e recordos nun xantar de irmandade no Restaurante Pórtico de Cacheiras.
Tras o xantar e tamén no Salón de Plenos do Concello de Teo, a xornada retómase pola tarde a partir das 18:30 h. cunha mesa redonda baixo o título Avelino Pousa, mestre galego normalizado, na que interveñen Antón Costa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Mini e Mero, María Blanco Corral e Maca Arca, xunto co recitado de Xoán Xosé Fernández Abella.
E xa para rematar a xornada, a partir das 20:00 horas, realizase un último acto de afectos e recordos a Avelino Pousa no paseo Avelino Pousa, situado na Urbanización Os Verxeis, residencia habitual de Avelino Pousa nos últimos anos. Neste acto terá lugar unha ofrenda floral conxunta, na cal intervirán as fundacións e colectivos, e haberá intervencións poéticas, lecturas de textos e as actuacións musicais de Mini e Mero, Raúl Galego e Manoele de Felisa.
Xa para rematar, intervén a familia de Avelino Pousa e clausura o acto unha representación do Concello de Teo, xusto antes do peche co Himno Nacional Galego.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Xermolos, xunto coa Irmandade Manuel María e a Irmandade Avelino Pousa e conta coa colaboración do Concello de Teo.”
Gondomar: curso de creación literaria impartido por Elvira Riveiro
“Dende o Instituto de Estudos Miñoranos andamos a darlle voltas a novas iniciativas culturais para ofrecerllas ás persoas asociadas ou non, na nosa teima de potenciar, divulgar e participar na creación da cultura de noso. Andamos agora a argallar varios cursos dos que vos iremos informando sucesivamente. Para comezar pretendemos darlle forma a un Curso de Creación Literaria (poesía e prosa) que se desenvolvería os xoves de 18:30 a 19:30 horas na nosa sede (Aula de Cultura Ponte de Rosas, situada en Avda da Feira,nº 10 (Gondomar).
O curso empezaría o xoves 19 de setembro, cunha duración de 8 sesións.
O custo da matrícula sería de 20 euros e admitiríase un máximo de 25 participantes.
O curso sería impartido pola escritora Elvira Riveiro.Xa que logo, animámosvos a reservar praza canto antes mediante correo a oficina@minhor.org, chamada telefónica ao 986360575 (luns a venres de 18:00 a 22:00 horas), ou persoalmente na sede en horario de 18:00 a 22:00 horas.”