Xosé Carlos Caneiro: “Sigo escribindo sobre personaxes límite que viven en situacións límite”

Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que reunir textos tan diversos [A máscara de Ulises]?
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): Hai dous motivos, o primeiro é xuntar a narrativa breve que fun facendo e ver como encaixa. O outro é que moitos deses textos corrían o perigo de perderse se non acaban nun libro.
– LVG: ¿Que encontrou ao colocalos xuntos nun volume?
– XCC: O primeiro foi unha evolución estilística. Hai unha gran diferenza de xeito de escribir aínda que os argumentos sobre os que escribo vanse mantendo: personaxes límite que viven en situacións límite. No libro evitei a orde cronolóxica para situar os relatos porque quería esa mestura de épocas e de estilos. (…)
– LVG: ¿Cales son os cambios?
– XCC: Estou escribindo con menos adxectivos, con menos cualificativos. Creo que é unha escrita menos barroca, máis simple. Facendo un pouco de autocrítica diría que a miña literatura anterior tiña ouropel de máis. No que estou traballando agora é en eliminar ese exceso. Pero non é fácil.
– LVG: A súa relación cos lectores ou co mundo cultural parece difícil. ¿Por que cre que é así?
– XCC: É unha relación de amor e odio. Hai xente que me quere ben e xente que me desquere moi ben. Como se non houbera termo medio. Pasa tanto cos libros como cos artigos. Co mundo cultural pásame igual, tamén é de amor e odio. Pero xa o teño asumido, parece que ten que ser así e non me preocupa.”

Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía celebrada o 7 de xuño nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita. (…)
O acto foi presentado e conducido pola escritora Fina Casalderrey e acolleu tamén as intervencións de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Á igrexa de San Domingos de Bonaval acudiron asemade o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, e a Xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, entre outras autoridades e representacións. (…)”

Vídeos da Gala das Letras 2013 (VII): entrega dos premios Bos e Xenerosos e Mestres/as da Memoria

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Intervencións na entrega dos premios Bos e Xenerosos. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervencións na entrega dos premios Mestres/as da Memoria, con Antonio Reigosa. Pode verse aquí.

Ourense: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9 na Feira do Libro

O sábado 8 e domingo 9 de xuño remata a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 8
13:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.
20:00 h. Presentación do libro A máscara de Ulises, de Xosé Carlos Caneiro, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Víctor Freixanes, director da editorial.

Domingo 9
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:30 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.
A partir das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Vigo: mesa redonda sobre Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas

O sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), de Vigo, terá un novo acto da xeira de Sábados Culturais organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá nunha mesa redonda co título Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas, na que participarán Xosé Carlos L. Bernárdez e Antón Castro, profesores e críticos de arte, e Antón Pulido, pintor e vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia. Os tres ponentes debaterán sobre cuestións como: O novo artista; a evolución do mercado da arte; o papel da crítica de arte; o coleccionista e o coleccionismo; os museos e as institucións; as exposicións; e o novo espectador. Ao remate do acto, servirase na Cafetaría Cosmos (Praza da Princesa) un viño galego.