Alborada para Rosalía de Castro

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…

Arteixo: coloquio sobre o Colectivo Literario Sacou e recital poético

O luns 18 de febreiro, as 21:00 horas, na Libraría A lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, terá lugar un coloquio sobre o Colectivo Literario Sacou coa participación de Ramón Blanco, Anxo Otero e Manuel L. Rodrigues, onde falarán sobre os seus proxectos individuais e colectivos. O acto finalizará cun recital poético.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (XI)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Eu ben vin estar o moucho: IES Pintor Colmeiro, Silleda.
Airiños, airiños aires: CEP Celso Emilio Ferreiro, Vigo.
Ao Sr. D. Camilo Álvarez e Castro, Chantre da Catedral de Salamanca: CEIP Pío XII, Santiago de Compostela.
Pasa, río, pasa, río: CEIP Plurilingüe nº 1 de Tui.
Ora, meu meniño, ora: CEIP A Fraga, As Pontes.

Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (IV)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:

Concello de Poio.
Concello de Ponteareas.
Concello de Pontedeume.

Vigo: presentación de Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena

O venres 15 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.