“Nace
en Compostela a Asociación Roberto Vidal Bolaño, co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo, que formaliza a súa inscrición como asociación cultural despois de postular con éxito o dramaturgo compostelán para a conmemoración do Día das Letras Galegas, está integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
Baixo a denominación de RVB 2013, a asociación proponse impulsar un programa de actividades nas que o teatro sexa protagonista fundamental, nas que se evidencie o valor literario da obra do dramaturgo e nas que se dean a coñecer os seus aspectos menos divulgados. Outro dos obxectivos que se propón esta asociación é realizar labores de orientación ou asesoría sobre a obra e a figura do escritor, fornecer de materiais para o ensino e canalizar as necesidades que poidan ter colectivos e particulares arredor de RVB, en especial no sector da educación. Tamén é intención da asociación realizar un labor de coordinación entre entidades organizadoras de actividades para evitar duplicidades nas celebracións.
Para todo isto, a Asociación Roberto Vidal Bolaño traballa xa na confección da web, que se presentará xunto coa propia asociación no Culturgal o domingo 2 de decembro ás 18:00 h. Mentres, a asociación anima ás persoas e colectivos que queiran achegarse á figura do dramaturgo a contactar con eles a través da dirección de correo-e: info@robertovidalbolano.org.” Desde Praza.
O Consello da Cultura Galega inaugurou en Sâo Paulo a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil
“O
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurou na Casa Guilherme de Almeida, en Sâo Paulo (Brasil) a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil, en colaboración co Governo do Estado de São Paulo e a Secretaria de Cultura paulista. A mostra poderá contemplarse ata o 30 de decembro. A exposición repasa a actividade de Valentín Paz-Andrade (1898-1987), avogado, xornalista, especialista en economía pesqueira, poeta, ensaísta e político activo no compromiso democrático, republicano e galeguista. Figura sobranceira da Galicia do século XX, á quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi tamén dos primeiros en tender pontes coa lusofonía, e nomeadamente co Brasil, reivindicando a Guimarães Rosa e Guilherme de Almeida como autores que valorizan a literatura galega. Sobre os contidos da exposición, a biografía de Valentín Paz-Andrade e as relacións entre Galicia e Brasil falou despois na Casa Guilherme de Almeida o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen describiu ao autor de Galicia como tarea como “persoa de reflexión pero tamén de acción, unha figura singular no panorama da cultura e da política galegas do século XX, autor dunha inxente e innovadora obra”.” Desde o Consello da Cultura Galega.
Na lembranza de Xoán González-Millán, por Dolores Vilavedra
Artigo
de Dolores Vilavedra en Galaxia:
“Hai dez anos falecía en New York, víctima dun accidente de tráfico, Xoán González-Millán. O 2002 foi un ano duro: recén encetado perdíamos Carlos Casares e, cando case lle puñamos cabo, veu mancarnos esoutro pasamento inesperado. Os camiños vitais de Xan e Carlos cadraron moito máis do que a simple vista poida parecer, e por iso quero lembralos hoxe aquí. Alén desa morte súpeta e prematura que disque o destino lle ten reservada aos eleitos, ambos eran moi semellantes no vital e no intelectual: moi amigos dos seus amigos e amantes incondicionais da tertulia, os parrafeos nocturnos na casa de Vilariño eran unha competición de enxeño, e para os convidados un espectáculo ver faiscar senllas intelixencias. Carlos foi o mellor cómplice que Xan puido atopar para botar adiante os seus proxectos, tanto tempo soñados, para unha Galicia mellor, máis culta, crítica, lúcida e competente. Procurar o talento alí onde estivese, e darlle ocasión de desenvolverse, foi tamén unha teima común, que axiña deu froitos logrados: se o Anuario de estudios literarios galegos se fixo realidade a partir de 1992 foi polo apoio incondicional de Carlos, que lle abriu a Xan, de par en par, as portas de Galaxia. Carlos e Xan combinaban un don singular que era a capacidade de exercer a crítica sincera cunha dose de cordialidade que anulaba calquera efecto colateral non desexado. Conscientes de que a este país lle sobraba compracencia e lle faltaba madurez cívica, ambos entenderon esa práctica crítica como unha faceta máis do seu compromiso íntimo con Galicia. Se no caso de Carlos ese compromiso se encarreirou máis polos vieiros institucionais (do Parlamento á dirección de Galaxia e logo á presidencia do Consello da Cultura), Xan concretouno nun mangado de libros que renovaron radicalmente os estudos literarios galegos, aínda moi ancorados nuns modelos historicistas que nin sequera o pulo estruturalista e as contribucións feitas nos 80 dende eidos como a narratoloxía conseguirán actualizar en plenitude. (…)”.
Lugo: xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego
Martes 27 de novembro
– 18:00 h. Presentación a cargo de Mario Outeiro, deputado delegado da Área de Cultura e
Turismo da Deputación de Lugo.
– 18:10 h. Táboa redonda con Xoán Carlos Garrido Couceiro e Pilar García Negro: VIXENCIA DE CASTELAO: NA ARTE, NO PENSAMENTO GALEGO.
– 19:00 h. Debate.
– 19:30 h. A restauración da obra en papel de Castelao no Museo Provincial de Lugo, por Blanca Besteiro García.
– 20:00 h. Visita técnica guiada á nova disposición da sala monográfica de Castelao a cargo da directora do MPL, Aurelia Balseiro García.
– No Museo Provincial de Lugo.
– Aforo: 80 asistentes.
– Información e contacto: direccion@museolugo.org Tlfno: 982 242 112 (Museo Provincial de Lugo).
Lugo: presentación de 22 documentos do feminismo galego
O
martes 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase o libro 22 documentos do feminismo galego, publicado pola Fundación Galiza Sempre. No acto participan Isabel Rodríguez Mate, Xesús Veiga e Mario Outeiro.
Santiago: presentación de Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila
O
mércores 28 de novembro, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro O mundo secreto de Basilius Hoffman. Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, publicado por Urco Editora. O programa de actos é o seguinte:
– De 19:00 a 20:00 h. Firmas e ilustracións
– De 20:00 a 20:30 h. Presentación, charla e preguntas.
– De 20:30 a 21:00 h. Sinaturas.
Branca Novoneyra: “Nada que non me transforme con intensidade ten espazo hoxe nos meus poemas”
Entrevista
de Montse Dopico a Branca Novoneyra en Dioivo:
“Hai un movemento cara á luz nos dous poemarios de Branca Novoneyra, Dentro do labirinto e Cristal escuro. Unha procura da saída, unha viaxe a través dos simbolos. Pero é no segundo onde todo se concentra. En poemas de poucos versos. Algúns como haikus. Nos que só queda o esencial.
– Dioivo: No caso de Dentro do labirinto, había unha peza de danza creada a partir do poemario. Con Cristal escuro tamén é así?
– Branca Novoneyra: Si. Presenteino na Galería SCQ con Linde, unha instalación sonora que materializa a poesía fóra do papel. Para a produción da peza contei con Mónica de Nut no espazo sonoro e con Jesús Andrés Tejada nos visuais. Linde é un espazo simbólico onde a palabra procura unha última fronteira. (…)”.
Vídeo da presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro da Coruña de 2012
Vídeo da presentación na Feira do libro da Coruña 2012 de Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicado en Galaxia. Acompañan o autor Víctor F. Freixanes, Vicente Araguas e Tati Mancebo. Desde o blogue do autor.
Convocado o IV Certame de Poesía María Mariño, 2013
BASES
1. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que o desexen calquera que sexa a súa nacionalidade sempre que o seu traballo sexa escrito en galego.
2. Os poemas que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados noutros concursos, sendo libres o tema e maila forma.
3. O IV Premio María Mariño de Poesía estará dotado cun: Primeiro Premio de 300 € e un Segundo Premio de 200 €.
4. Cada concursante participará cun só poema, que non deberá exceder os CEN versos mecanografados a dobre espazo en formato DIN-A4, por una soa cara e por quintuplicado.
5. Os poemas deberánse presentar baixo lema, indicando no sobre: PARA O IV PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO. No interior do sobre que conteña o traballo , achegarase en sobre aparte, pechado e lacrado cos seguintes datos: nome, apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo e teléfono, da persoa autora do traballo así coma un resumo dos seus datos biográficos que non deberá exceder as quince liñas.
6. O Xurado cualificador estará integrado por cinco personalidades das letras e da cultura galegas actuando coma secretari@ con voz e sen voto una persoa, elixida pola directiva da asociación.
7. O fallo do Xurado será inapelable, a súa composición así como o nome dos galardoados, darase a coñecer a través dos medios de comunicación. Os galardoados recibirán comunicación directa por parte da organización.
8. A entrega dos Premios terá lugar nun acto poético en día a sinalar dentro da Semana das Letras Galegas 2013.
9. O prazo para a entrega dos traballos é improrrogable, rematando ás 12 horas do 16 de Abril do 2013.
10. Os poemas remitiránse a:
ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE
ESCOLA DE VILANOVA, 1º ANDAR. RECESENDE.
15895- TEO- A CORUÑA
11. Os traballos gañadores quedarán en poder da Asociación Teenses pola Igualdade, que se reserva os dereitos sobre os mesmos.
12. Os traballos presentados non premiados deberán ser retirados polos autores previa identificación, no prazo de dous meses, dende a entrega do Premio. Transcorrido dito prazo procederáse a súa destrucción.
13. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes Bases. Tódalas incidencias non previstas nas mesmas serán resoltas pola Directiva ou polo Xurado cando éste quede constituído.
São Paulo: conferencia de Iolanda Zúñiga sobre Periferia
“A
escritora Iolanda Zúñiga impartirá o luns 26 de novembro unha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo, Brasil, sobre a súa novela Periferia. A actividade, promovida polo Consello da Cultura Galega, devolve a escritora ao escenario do que partiu a novela, que foi gañadora do Premio Xerais en 2010. Periferia foi considerada pola crítica unha das novelas máis innovadoras da literatura galega dos últimos tempos. (…)”. Desde Xerais.
