“O
escritor Alberto Ramos foi elixido polo xurado do XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria como o gañador da nova edición deste tradicional galardón que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. A obra Todos os días foi escollida entre os orixinais presentados a concurso por reflectir a novela «a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal». O xurado tamén salientou da novela que na mesma «van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais e a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia». O xurado do premio, que está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, estivo composto por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño.” Desde Sotelo Blanco Edicións.
Sempre perden os mesmos, de Pere Tobaruela, novela por entregas na rede
Pere Tobaruela irá
publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”
Santiago: recital Con dez poemas por barba, de María Lado e Lucía Aldao
Allariz: concerto de César Morán musicando poemas de Álvaro Cunqueiro
Anmistía Internacional Galicia convoca un concurso de microrrelatos en prol da liberdade de expresión
Desde
Fervenzas Literarias.
“Que pensas cando ves esta imaxe? Esa é a pregunta á que terán que dar resposta os microrrelatos que participen no I Concurso de Microrrelatos de Amnistía Internacional Galicia, un certame que nace co obxectivo de fomentar a reflexión da cidadanía galega achega do labor de promoción e defensa dos Dereitos Humanos levada a cabo por Amnistía Internacional.
O tema do microrrelato deberá estar baseado nesta imaxe e ter relación directa co dereito á liberdade de expresión. Este microrrelato, que será orixinal, terá unha extensión máxima de 250 palabras (sen incluír o título) e poderá redactarse en galego ou castelán. O prazo para enviar os microrrelatos será desde o 10 de novembro ao 29 de novembro de 2012 (ambos incluídos) e cada autor só poderá enviar un microrrelato. A inscrición pódese realizar desde aquí.
Haberá dous premios: Premio ao microrrelato mellor valorado por un xurado e premio ao microrrelato máis popular. Os microrrelatos colgaranse no Facebook oficial dos Grupos Locais de Amnistía Internacional Galicia (Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo) durante un prazo dunha semana desde a súa recepción, durante a que as/os seguidoras/es poderán votar mediante a opción “gústame”. Aquel relato que máis votos obteña será o ganador. As/os ganadoras/es obterán como obsequio unha escultura en bronce realizada para a ocasión pola artista Cuqui Piñeiro e un lote de libros.” Desde Fervenzas Literarias.
Barcelona: conferencia O novo e o vello na literatura, por Miguel Anxo Murado
Manuscritos: Manuel Lueiro Rey (I)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Compostela verá unha acción de poesía mural
“Encher
as paredes de Compostela de carteis con poemas. Esta é, basicamente, a proposta de A Compostelana, un proxecto de poesía mural que comezou este martes na Cidade do Apóstolo e que se vertebra con outras iniciativas deste tipo en Madrid, Bos Aires e París. A proposta nace da man de Picaversos, iniciativa de Branca Novoneyra e Olalla Cociña que desde hai algo máis dun ano está a levar recitais ao pub Modus Vivendi de Compostela. Un texto de Estevo Creus e outro de Lupe Gómez serán os primeiros que se poderán ler nas rúas da cidade.” Desde Cultura Galega.
A Coruña: paseo literario con Xurxo Souto Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes
O
sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Vigo: presentación de O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz
O
venres 23 de novembro, ás 20:00 horas, na libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Isabel Soto e Manuel Bragado.



