Mª Goretti Fariña Caamaño gaña o III Premio de Poesía Victoriano Taibo

O xurado do III Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns-Gondomar decidiu premiar o poemario titulado Devastacións dispoñibles, de Mª Goretti Fariña Caamaño, do que valorou especialmente o seu lirismo así como un manexo elegante e eficaz da lingua. Mª Goretti Fariña Caamaño naceu en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965. Na actualidade reside en Vilagarcía de Arousa. É licenciada en Bioloxía e profesora de Ciencias nun colexio de Vilagarcía. A gañadora recibirá o premio co que está dotado este certame (3.000 € en metálico e unha peza escultórica de Fino Lorenzo) no transcurso dun acto que se celebrará na primeira metade de novembro, en cuxo momento será tamén presentado o libro gañador editado polo Instituto de Estudos Miñoranos. Nesta terceira edición do certame presentáronse un total de 43 orixinais. A participación non só foi abundante senón tamén de gran calidade, como sinalaron unanimemente os membros do xurado (formado por Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Elvira Riveiro Tobío, Mª Carmen Caramés Gorgal, Araceli Gonda Cabreira, e no que actuou como secretario -sen voto- en representación do Instituto de Estudos Miñoranos, Miguel Anxo Mouriño Fernández, e presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez -tamén sen voto-) que decidiron seleccionar os dez finalistas. O veredicto completo pódese consultar aquí.

A tradución ao galego de Reckless, de Cornelia Funke, participará simultaneamente no lanzamento internacional da obra

O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa da novela Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá, catalana e a galega, traducida por María Xesús Bello Rivas e publicada por Xerais, sendo a primeira vez en que a nosa lingua se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo. Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) é unha das autoras máis lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).

Santiago: participación de autores galegos no IBBY nas xornadas do sábado 11 e domingo 12 de setembro

Dentro das actividades para o sábado 11 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autores galegos:
– 14:00 – 15:30 h. Sala Santiago: Mesa redonda sobre Minorías lingüísticas, presentada por Mingzhou Zhang (China) e coordinada por Elizabeth d’Angelo Serra (Brasil), coa participación de Fina Casalderrey, Miriam G. Möllers (Alemaña) e Jant van der Weg-Laverman (Holanda).

Para o domingo 12, derradeiro día deste Congreso, esta é a participación galega:
– 09:30 – 10:45 h. Sala Santiago: Conferencia plenaria de Manuel Rivas: A literatura infantil e xuvenil dende (como) insurxencia poética, coa presentación de Asun Agiriano.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Santiago: Obradoiro Developing Literary Understanding across International Lines. A Readers Theatre Performance in Five Acts, impartido por Elizabeth Poe (Estados Unidos). Participan: David Almond (Reino Unido), Marcos S. Calveiro, Ana Maria Machado (Brasil) e María Reimóndez.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Obradoiro: Panel de editores, coordinado por Víctor F. Freixanes, coa participación de Jacqueline Kergueno (Francia), Catherine Mitchell (Canadá), Akoss Ofori (Ghana) e Dolores Prades (Brasil).
– 14:00 – 15:30 h. Sesións de comunicacións na Sala 12 coa temática: Promoción lectora – Internet, presentada por Blanca-Ana Roig, con autores de diversas procedencias.

A Coruña: homenaxe a Manuel María en Monte Alto

Dentro das Festas do barrio de Monte Alto, organizadas pola Asociación de Veciños, onde viviu os seus últimos anos na Coruña Manuel María, este sábado 11 a partir das 12:00 h. celébrase unha homenaxe popular ao poeta, que inclúe o descubrimento dunha placa conmemorativa e un recitado de poemas ao pé da casa onde estivo vivindo (na rúa Javier Fonte, 1).