Miguel Sande: “Comezar o camiño de volta na vida é toda unha descuberta”

Entrevista a Miguel Sande no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Chorar sen memoria, como cando chuviña sen brisa sequera nin tampouco desmasiada luz; a avoa chora a así. Deses pequenos detalles, deses pequenos momentos prodúcese Brinde e desespero, un poemario co que Miguel Sande gañou o premio Johan Carballeira. O cotián no poemario de Miguel Sande ten tamén algo de performático: un brinde pola imposibilidade; o desespero como algo doce na nosa inmobilidade. A entrevista pode verse aquí.”

Sue Camaño: “Os poemas non son unha lectura fidedigna dos clásicos, son unha versión persoal e introspectiva”

Entrevista de Laura Veiga a Sue Camaño en Nós Diario (foto do mesmo medio):
“Sue Camaño, filóloga e profesora, foi galardoada co Premio de Poesía de Vilalba polo seu poemario As feridas dun amor efémero. Camaño aborda as obras e mitos clásicos que inspiraron os seus versos así como os temas máis presentes na historia da literatura que, como ela di, “autoras e autores intentamos replicar en maior ou menor medida”.
– Nós Diario: Como xurdiu As feridas dun amor efémero?
– Sue Camaño (SC): Comecei a escribir sen ningún tipo de pretensión, simplemente por facer algo. Parecíame mellor escribir que estar mirando a televisión e cando vin o anuncio do Premio de Poesía de Vilalba decidín intentalo, tamén co pensamento de que se daba escrito o texto estaba ben, e se non era quen, non pasaba nada.
Eu estudei Filoloxía hispánica e o que fixen durante os dous meses que durou a escrita do poemario foi unha reelaboración deses clásicos e dos temas de sempre: o amor e o desamor, a morte, o paso do tempo, a angustia existencial… Unha sorte de literatura comparada. E por iso tamén bebe moito de Federico García Lorca, de Rosalía de Castro, de Antonio Machado, de Garcilaso de la Vega, de Francisco de Quevedo, de Jorge Manrique… E podería seguir até o infinito.
É o que me gusta ler e por iso penso que é o que me gusta escribir, o que me sae. Claro, como digo, eu escribino sen maior pretensión, nunca pensei que fose gañar nin que se publicaría o libro. Agora, se o penso, vexo que hai moita introspección e subxectividade. Non sei se escribiría algo así agora, xórdenme sensacións como de vergoña porque parece que é espir a alma, falar de sentimentos moi profundos. (…)”

Marta Dacosta: “Hai que desmitificar o de que a poesía é elitista e pouco accesible”

Entrevista a Marta Dacosta no Zig-zag da Televisión de Galicia:
A liberación. Colle esta esponxa, borra horizontes pois estás perdida, é preciso para chegar a algures, colle esta esponxa, frégate, faite aparecer. Son os versos de Rebeca Baceiredo que abren Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero), un percorrido que Marta Dacosta nos propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Un bo xeito desde logo de celebrar o día da poesía e xa postos, o día dos internacional dos bosques que tamén é hoxe. A entrevista pode verse aquí.”

Ourense: presentación de Cunqueiro e Otero Pedrayo. Historia dunha amizade e epistolario, de Patricia Arias Chachero