

O Obradoiro de creación literaria A cegueira intrépida (achegamentos ao texto poético), impartido por Carlos Negro, cunha sesión especial con Tamara Andrés, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Bandini de Bertamiráns.
Non se trata de establecer coartadas sobre as motivacións variables da escrita, senón de arrodear o espazo en que o poema se impón ao establecido e logra que a linguaxe sucumba, saia fóra de si mesma e mereza a pena como experiencia, en forma de irradiación ou asombro.
Non se trata tampouco de entender a poesía, senón de aceptar que o poema, en canto forma de apalpamento, nos guíe a través do escuro e nos diga: velaquí o fulgor, o lugar onde acontece a incandescencia da miniatura sobre un fondo en branco.
Non se trata de saber escribir, senón de deixar de pensar que sabemos para que algo inesperado aconteza.
– Terá lugar na Libraría Bandini, en Bertamiráns (Ames) (Avenida da Peregrina, 3).
– Hai 15 prazas para persoas maiores de 16 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, no correo electrónico oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada.
Calendario e horarios
– Sábados 20 e 27 de setembro; 4, 18, e 25 de outubro; 8, 15, 22 e 29 de novembro; e 13 de decembro de 2025, de 11:00 a 13:00 h.
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
O escritor, editor, publicista e ilustrador Carlos Taboada faleceu o 13 de agosto en Pontevedra. Autor de diversas obras individuais e colectivas, levou adiante tamén un importante traballo en proxectos como o colectivo de actividades artísticas Polo Correo do Vento e Lela Edicións.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz.
Quédanos a súa obra e o seu exemplo vital como persoa de creatividade multidisciplinar e grande humanidade.
Desde a AELG adherímonos ás palabras que Míriam Ferradáns nos transmite sobre Carlos: “Ser bo. Ser bo e esforzarse por selo. Escoller entre moitas posibilidades aquelas que permiten seguir alimentando un corazón limpo e nobre. Posuír a bondade sen limitarse ao xesto. Traballar con talento, alegría, visión e profundísimo compromiso cara á cultura, á lingua, á infancia e á sociedade. Traballar con amor. Cunha sensibilidade incuestionable. Con ansia. Ser bo e trazar as cores dos murais, as cores dos libros, as cores das palabras e as cores da risa das persoas queridas que resoarán, co pasar do tempo, coma unha melodía vibrante e feliz. Ser bo e que este silencio inesperado atravese centos de estratos ata o centro exacto da vida que ti nos deixas.”