A Coruña: presentación de Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo, de Xurxo Martínez González
Compostela: inauguración da exposición Bebedeira de ensoños, de Florencio Delgado Gurriarán
A Coruña: conversas arredor de venecia abandonada, de Eduardo Estévez
Xosé Monteagudo: “Cara a unha renovación da materia literaria”
Artigo de Xosé Monteagudo en Euseino?:
“No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (A montaña máxica) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.
Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.
A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores. (…)”
Compostela: presentación de A nación dos mil viños
A AELG lamenta o pasamento de Saleta Goi
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente o pasamento de Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e Casa-Museo Manuel María, grande persoa e cunha vida de compromiso coa nosa lingua e cultura.
Das fotos que conservamos no Arquivo fotobiográfico de autor@s deixamos aquí estas dúas enviadas no seu momento por Manuel López Foxo:
Compostela: presentación de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. Tomo II, de Francisco Rodríguez
A Coruña: presentación de Lobos doentes, de Antonio Tizón, o 1 de outubro
Desde Radiofusión:
“Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o sábado 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast Lobos doentes, dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. A cuarta novela negra da serie de Tizón -xa se publicaron libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis– desenvolvese nesta ocasión en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.
Este é o programa previsto:
– 12:00 h. Libraría Berbiriana. Cidade Vella. Rúa Santiago, 7. A Coruña. Intervencións de Antonio Tizón, Henrique Sanfiz e as libreiras Alejandra e Cristina.
– 12:15 h. Diante da Academia Galega, Rúa Tabernas, 11. Intervención de Xosé Luís Axeitos, membro da Academia.
– 12:30 h. Praza de Azcárraga (antiga Praza da Fariña):
Eugenia Sanmartín canta “Adiós ríos, adiós fontes”.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Eugenia Sanmartín canta “A xusticia pola man”.
– 12:45 h. Viño na Leonesa, Rúa de Santo Domingo, 2.
Intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
– 13:15 h. Xardín de San Carlos.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Xurxo Souto.
– 13:45 h. Hotel Finisterre.
Intervención de Anxo Angueira.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Cándido Barral.
Antonio Tizón interpreta a Gustavo Gallego.
Eugenia Sanmartín canta “Cal lobos doentes”.
– 14:15 h. Xantar no hotel Finisterre.
Inscricións: sonradiofusion@gmail.com
609828743 / 722118925
As persoas colaboradoras de Son Radiofusión poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluíndo o correspondente seguro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com “