O sector editorial acusa de desleixo á Xunta polas axudas á tradución

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“O sector editorial vén sendo moi crítico desde hai anos coas axudas da Xunta de Galiza á tradución de obras literarias, por mor dos criterios utilizados para conceder subvencións ás obras que se traducen desde outras linguas ao galego e desde o galego a outras linguas. A censura chegou a un punto álxido o ano pasado, cando se soubo que a segunda empresa máis beneficiada polas axudas á tradución -a Editorial Tegra- era propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só vinte títulos, dezanove deles en castelán. A empresa recibiu, precisamente, axudas para traducir eses dezanove libros ao galego.
A convocatoria de axudas deste ano volve incorrer nalgunhas das incongruencias que o sector denuncia exercicio tras exercicio. Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, especializada en tradución, fixo público un documento no que debulla algunhas das eivas que se detectan na Orde de axudas públicas á tradución de 2022.
Entre os defectos sinalados por Tobar destacan algunhas medidas que a Administración implementou como presunta solución a carencias anteriores. Por exemplo, o ano pasado deuse a circunstancia de que até tres editoriais diferentes recibiron axudas para traducir a mesma novela –O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett. Este ano, a Xunta mostra a vontade de non recuncar nesa falta de rigor, mais faino sen valorar ningún tipo de mérito na realización do traballo, senón priorizando, simplemente, a orde de chegada da solicitude.
“Hai uns dez anos que as axudas son outorgadas desde criterios moi pouco comprensíbeis desde un punto de vista profesional”, declara Tobar a Nós Diario. “Pero creo que o máis inxustificábel da convocatoria deste ano é a desaparición dun criterio que se aplica universalmente, o da extensión das obras cuxa tradución se subvenciona. Se concorren dúas obras, unha de 40 páxinas e outra de 800 e ambas teñen a mesma puntuación, recibirán a mesma axuda, o que desvirtúa completamente o sentido destas axudas “.
Tobar acrecenta que o que sucedeu o ano pasado coa Editorial Tegra podería volver ter lugar: “Non se valora a traxectoria das empresas e iso propicia a aparición dunha picaresca que a Administración non debería estimular”.
Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), cre que a solución pasa por que unha representación da asociación estea presente na comisión que determina cales son os títulos aos que se lles conceden as axudas, ou mesmo na redacción da propia convocatoria. “Nós somos quen coñecemos as dinámicas de traballo das editoriais e o noso único desexo é ser útiles ao sector e á sociedade en xeral. Creo que coa nosa presenza se solventarían moitos dos problemas que se veñen repetindo ano tras ano”.
Até o de agora, o diálogo que a AGE estabelece coa Administración dáse a distancia. “Nós enviamos propostas e eles contéstannos que aceptan algunhas e outras non. Ás veces por motivos puramente administrativos e outras, por razóns que descoñecemos. É posíbel que se ese diálogo se estabelecese desde unha mesa de traballo conxunto, poderiamos aproximar posturas dunha forma moito máis fluída”.
Unha das reivindicacións históricas do sector é que se fagan convocatorias diferentes para a exportación e a importación de textos literarios, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades diferenciadas, con condicionantes moi diferentes. Coa intención, presuntamente, de difundir no exterior a literatura galega, a convocatoria estabelece que se o orixinal é dunha autora ou autor galegos recibirá máis puntuación que se é do resto do Estado ou doutros países. Mais o que se propicia é que algúns dos máis beneficiados sexan proxectos que traducen ao galego obra de autores nacidos na Galiza e que escriben en castelán. “A convocatoria está ateigada deses pequenos desaxustes que estimulan o intrusismo e a picaresca”, resume Tobar.”

Carlos Penela gaña o 25º Premio de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido gañador da 25ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado Trono e caléndula.
O xurado salienta do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico. (…)
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame, no que inaugurará unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas luces públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, Os puntos do impacto de Álex Mene, e o espectáculo poético e musical O idioma da tinta de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.”

Charlas de Berta Dávila en Perugia e Roma (Italia)

“Esta semana a escritora Berta Dávila estará presente en Italia para falar da súa obra con motivo da tradución da novela O derradeiro libro de Emma Olsen ao italiano que publica Aguaplano (L’ultimo libro di Emma Olsen), moi ben acollida pola crítica. Alén doutros encontros, participará en charlas que se enmarcan dentro da actividade cultural dos Centros de Estudos Galegos de Roma e Perugia. O luns 23 estará no Instituto Cervantes de Roma ás 18:00 (Piazza Navona 91), onde será entrevistada polo profesor Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos de Roma. O martes 24 dialogará en Perugia con Ginevra Amadio, Giovanni Dozzini e Marco Paone no Museo Arqueolóxico Nacional de Umbria ás 18:00 h.”