Crónica fotográfica do acto de Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio, na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto de Lectura de textos de Xela Arias na Coruña, que tivo lugar o 16 de maio, organizado pola AELG xunto á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Helena Villar Janeiro: “Comecei a escribir nos Ancares, alumeando con carburo polas noites”

Entrevista a Helena Villar Janeiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como comezou a súa paixón polo mundo literario?
– Helena Villar Janeiro (HV): Meu pai falaba moito de literatura, era un gran coñecedor. Eu recitaba cousas con el. Quería que fose xornalista e miña nai, secretaria. Por ela aprendín a escribir a máquina, para compracela. Como non tiña máquina, poñía o teclado pintado no cu dunha cadeira.
– LVG: E cando empezou a escribir?
– HV: Na universidade máis que literatura estudei a súa historia. Pasoume en Lugo e tamén en Santiago. Daquela era lectura forzada da que saquei pouco. Cando comecei a ler por libre atrevinme coa poesía. Lía a Juan Ramón Jiménez. Por el comecei a escribir, aló por 1968. Foi en Vilar de Cancelada, nuns tempos nos que non había luz. Alumeábamos con carburo para dar unhas clases de noite aos rapaces que o necesitaban. Comecei a escribir nun caderno o que vivía nos meus días, pero sen maiores pretensións. Falaba tamén da paisaxe, que me influenciou moito. A terra é o que máis me gusta, prefíroa a un museo. Cando me din de conta tiña xuntos uns cantos poemas. Estaban en castelán porque aínda non tiña adquirido o galego como lingua de cultura, era só a lingua de comunicación. (…)
– LVG: Atopouse con moitas pedras no camiño por ser muller?
– HV: Tiven a sorte de nacer desexada muller, meu pai quería cativa polas consecuencias da represión franquista. El era un feminista sen sabelo e falábame de moitas mulleres. Ao seu lado foi fácil estudar porque mo permitiu. Fíxome autónoma e libre. Iso si, non tiña moitas mulleres ao lado ás que seguir nin coas que estar no plano intelectual.
– LVG: Que figuras a marcaron como muller?
– HV: O meu home axudoume moito, a entender que eu tiña que facer cousas. A partir de aí fun rompendo barreiras, non sufrín moitísimo castigo, pero hai episodios que me pasaron moi desagradables que seguro a un home non lle pasarían. Non podo dicir que a vida das mulleres fose doada, pero eu planteille cara.
– LVG: Cal foi a situación machista máis evidente?
– HV: Cando casamos, comezamos unha colaboración xuntos. Estivemos separados un ano e escribiámonos cartas. Delas saíu un libro. Iso escandalizou, e pensaban que el era un señor xeneroso que lle deixaba escribir á muller catro poemas, que el escribía outros 60 e que me deixaba firmar o libro. Chegáronmo a dicir, e a deixarme fóra moitas veces.”

Arantza Portabales gaña o Premio Novela Europea na categoría de novela galega

Desde Galaxia:
Arantza Portabales foi galardoada no Día das Letras Galegas, co Premio Novela Europa Casino de Santiago na modalidade de novela galega. Un prestixioso recoñecemento á traxectoria da escritora.
Trátase dun certame no que se ten en conta o voto dos lectores, e que se suma ao ditame do xurado. Desde o Casino sinalaron que Deixe a súa mensaxe despois do sinal foi a novela máis apoiada polo público, destacando “a profundidade dos personaxes” e a “facilidade para conectar co lector; son historias moi próximas á vida diaria”.
Portabales preséntanos a catro mulleres que loitan por saír adiante, contando os seus problemas ante un contestador automático. Marina, Carmela, Sara e Viviana, as nosas protagonistas, comparten as súas historia a través das mensaxes que deixan no aparello, tecendo así unha única trama. Historias que imos construíndo a medida que escoitamos as gravacións no trebello. Historias narradas en capítulos curtos, que non deixarán indiferente a ninguén.”

A Coruña: conferencia-presentación de Quando os grupos vulneráveis são feridos. A figura jurídica dos crimes de ódio, de Xoán Antón Pérez Lema

O 20 de maio, ás 19:30 horas, na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (“Circo de Artesáns”) da Coruña, na Rúa Santo Andrés, número 36, terá lugar a conferencia Quando os grupos vulneráveis são feridos. A figura jurídica dos crimes de ódio, por Xoán Antón Pérez-Lema, que servirá de presentación do seu libro homónimo, publicado por Através Editora. No acto participa tamén Teresa Moure. O acto será público, aberto a toda a cidadania, sendo obrigatório o uso de máscara FFP2. Tem praças limitadas. Para reservar, chamem ao telefone da sociedade: 981-222976.