A Coruña: recital de Ramón Caride e Elsa López no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 26 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Ramón Caride e a poeta canaria Elsa López. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos outubro 2020.

Lugo: presentación e sinatura de A marcha de Anxo, de Pablo Veiga

O 23 de outubro, ás 18:00 horas, Pablo Veiga asina exemplares da súa novela A marcha de Anxo, publicada por Pasarela Provisional, na Libraría Balmes de Lugo (Rúa do Progreso, 6). De non haber modificacións pola situación derivada pola Covid-19, presentarase o mesmo día ás 20:00 horas no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n.).

Xosé Luna: “A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra”

Entrevista a Xosé Luna en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): De novo o seu nome ligado ao Premio de Poesía Avelina Valladares. Como senta?
– Xosé Luna (XL): No meu pobo e por segunda vez, é unha satisfacción, unha honra moi grande gañar o premio literario que leva o nome dunha muller adiantada ao seu tempo.
– FV: Faino cun poemario intimista, elaborado dous anos atrás. Que foi o que o levou a mirar cara dentro?
– XL: Ás veces na vida cómpre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. O resultado desa reflexión é O tempo entre as mans. (…)
– FV: É biógrafo de Avelina e Marcial Valladares e merecedor do premio que leva o nome da poetisa de Vilancosta por partida dobre. Como foi esa muller para moitos descoñecida?
– XL: Avelina Valladares contribuiu coa súa obra poética en galego a construir o noso país. Ela foi unha muller loitadora, unha das protagonistas do noso rexurdimento.
– FV: A poesía, conseguiu librarse desa sombra que a debuxa ás veces como a irmá pequena da narrativa?
– XL: A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra. E nese senso sei que vivo nun pobo onde a xente consume poesía, le poesía, ama a poesía e, polo tanto, non creo que sexa a irmá pequena. (…)
– FV: Canto hai de Xosé Luna Sanmartín nestes poemas? É unha biografía en verso?
– XL: Hai moitísimo de Xosé Luna aí. Hai todo. Pero non se pode considerar unha autobiografía porque en O tempo entre as mans hai outras moitas vidas reflectidas que, dun xeito ou doutro, marcaron a miña existencia. (…)”

As Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós

Desde a Xunta de Galicia:
“As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.”

Manuel Esteban: “O inspector Manso volve ser xuíz, verdugo e vítima da súa consciencia nesta nova novela”

Entrevista a Manuel Esteban no Zig-zag da Televisión de Galicia:
A vinganza dos homes bos é unha novela que abrangue dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros e que se desenvolve no Sáhara Occidental, Fuerteventura e nos túneles baixo a cidade de Vigo. A entrevista pode verse aquí.”