Pontedeume: presentación de A ira dos mansos, de Manuel Esteban

Omanuel-esteban mércores 30 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, terá lugar a presentación do libro A ira dos mansos, de Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela, 2016. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo Eumés, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Manuel Esteban: “Eu non tiña a intención de escribir unha novela, e naceu da experiencia persoal co meu fillo”

Desdemanuel-esteban Xerais:
Radio Marca Vigo emitiu unha entrevista con Manuel Esteban, autor de A ira dos mansos, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2016. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón a partir do minuto 92:10.”

Presentación en Librouro d´A ira dos mansos de Manuel Esteban, por Manuel Bragado

Desdemanuel-esteban Brétemas, de Manuel Bragado:
“Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán do venres 7 en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético. (…)
Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de Down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de José Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».
Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».”

Vigo: presentación de A ira dos mansos, de Manuel Esteban

O manuel-esteban-a-ira-dos-mansosvenres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12), en Vigo, terá lugar a presentación do libro A ira dos mansos, de Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela, 2016. No acto participan, xunto ao autor, Marta Gómez González e Manuel Bragado.

Entrevistas á gañadora e gañadores dos Premios Xerais 2016

DesdeDavid Pérez Iglesias, Manuel Esteban e Iria Misa o Diario Cultural da Radio Galega:
“David Pérez Iglesias con Todo o tempo do mundo e Iria Misa Peralba con Xa non estou aqui gañan os premios Merlín de Literatura Infantil e Jules Verne de Literatura Xuvenil. A entrevista pode escoitarse aquí.
Manuel Esteban Domínguez gaña o premio Xerais coa novela A ira dos mansos. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

Tamén se realizaron entrevistas para o Zig-zag da Televisión de Galicia.

Manuel Esteban: “A novela xorde como un berro a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual”

EntrevistaManuel Esteban Premio Xerais a Manuel Esteban en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Non podiamos comezar a entrevista doutro xeito, Manuel. Como recibe un a noticia de que foi recoñecido co Premio Xerais [por A ira dos mansos]?
– Manuel Esteban (ME): Pois… a verdade é que resulta un impacto, un shock… Unha sorpresa. De feito, aínda non cheguei á fase de alegrarme, aínda estou na fase de sorpresa, sobre todo porque non escribín a novela como un fin en si mesmo -imaxino que un escritor ao uso aborda a escrita con esa perspectiva-, senón que, no meu caso, escribín a obra como un medio. Tamén é certo que cando un presenta unha novela a un premio faino pensando na posibilidade moi remota de recoñecemento pero iso non o contemplaba… pois eu non teño táboas como escritor, non creo que a novela brille nin que a súa virtude sexa unha prosa literaria fantástica. A obra sae das tripas, dunha necesidade concreta, a raíz do nacemento do meu fillo maior. Ten unha finalidade terapéutica e non literaria. Por iso, a sorpresa, se cabe, é dupla.
– SG: Que o levou a escribir?
– ME: A min levoume a escribir a necesidade de expresar certo sentimento de inxustiza. Era unha especie de berro gritado entre nós, da miña xente, a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual. Un cae do cabalo a través do que lle vai pasando na vida, e eu cheguei á discapacidade intelectual co nacemento do meu fillo. Entón, comprendín a situación que sofre ese colectivo, un exilio amábel, pero un exilio ao fin e ao cabo. Hai unha tendencia ao paternalismo e, no mellor dos casos, ao ninguneo deste tipo de persoas. E iso, cando o vives co teu fillo cando nace, é moi duro. Quería, en definitiva, facer de altofalante de quen ten dificultades para facer valer a súa voz.
– SG: Como definiría a obra?
– ME: Amais de médico, son docente. Non quería resultar demasiado ofensivo ou sesudo e tiña certo afán didáctico. Quería presentala nunha armazón atractiva e interesante. Son lector compulsivo e gosto moito da novela negra. Pensaba que podería ser interesante a vía de abordaxe a través da narrativa e, en concreto, da novela negra. Pareceume bo xénero para irmos á fronteira da moralidade da sociedade. Contar unha historia cotiá para resaltar aspectos da hipocrisía a respeito dun colectivo era difícil. Con todo, na novela negra, onde os matices contan e onde o bo ten que facer cousas malas, nesa sopa moral máis ambigua e gris, pareceume máis fácil contar o que eu quería contar, que non deixa de ser a miña visión, sobre unha situación asimétrica. (…)”

Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016

“NaDavid Pérez Iglesias, Manuel Esteban e Iria Misa illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo