O
xoves 5 de xullo, na Capela do Hospital de Cangas, dentro da 29 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, realizaranse dous microespectáculos a partir dunha das Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá (publicadas en Laiovento). Un da actriz e performer María Roja, que conta coa colaboración no espazo sonoro de Berio Molina, e outro da actriz Paula Pier, con dirección e dramaturxia de Diana Mera.
Arquivos da etiqueta: Afonso Becerra de Becerreá
Seminario Dramaturxias e Novas Linguaxes Escénicas, impartido por Afonso Becerra de Becerreá
A
Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro. Non hai teatro nin espectáculo sen unha dramaturxia que o estruture e lle dea sentido. Nos métodos e modelos de composición dramatúrxica radica a efectividade dun espectáculo. É nese ámbito onde se toman as decisións fundamentais e onde sen marcan os retos que despois haberá que realizar na posta en escena. O teatro emprega unhas linguaxes escénicas, cun léxico e unha sintaxe específicas, que están en constante evolución, como acontece con outras linguaxes no resto das artes. A dramaturxia, entendida como enxeñaría teatral, ocúpase desta evolución das linguaxes e dos estilos, investiga e propón retos aos escenarios. Así pois, para facer teatro é importante coñecer os elementos e os procedementos básicos de análise, creación e composición dramatúrxica, tamén algúns dos referentes históricos e contemporáneos que cambiaron e cambian a concepción das artes escénicas. E isto non é só necesario para quen se dedique a facer teatro, senón tamén unha oportunidade de afondar na percepción que temos da arte do teatro e afinar aínda máis o goce do noso padal, porque o gusto tamén se educa e é cultural (Non só somos o que comemos ou o que lemos, en teatro tamén somos o que vemos). Máis información aquí: CONVOCATORIA CURSO AFONSO BECERRA.
Temario:
– A composición de accións no modelo dramático clásico e na dramaturxia posdramática.
– Análise dramatúrxica de espectáculos.
– A evolución das linguaxes escénicas. A educación do gusto e os hábitos de recepción (L’école du spectateur).
– Tipoloxías de acción. Composición e análise da acción. Tipoloxías de personaxe / actriz, actor / performer / figura, silueta. Composición e análise do personaxe.
Exercicios:
– Exposición e debate dos temas.
– Análise de documentos audiovisuais e gravacións de espectáculos.
– Composición e análise de casos prácticos.
O Docente: Afonso Becerra de Becerreá.
Datas e duración:
– 15 horas lectivas co seguinte calendario:
– Do 3 ao 7 de Xullo: 11:00-14:00 horas.
– Día 7– Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.
Lugar: Auditorio Municipal de Cangas. Avenida de Lugo nº 25-27 36940 Cangas.
Prazas: 15 prazas.
Prezo: 50 Euros para socios de AAAG , A.C Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros
Inscrición:
Do 8 ao 22 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou mediante o formulario ao pé.
A organización comunicará a selección de candidatos o día 25 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 27 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre.
Santiago: presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro
O
martes 27 de marzo, ás 10:30 horas, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, terá lugar a presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro, con traballos de Joan Giralt, Roberto Pascual, Manuel Lourenzo, Pedro Pablo Riobó, Afonso Becerra e Abel González Melo.
Vigo: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra
O
mércores 15 de febreiro, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19), de Vigo, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Marta de Sinllán e Manuel F. Vieites, contando tamén coa actuación teatral de María Roja, Roberto Cordovani e Javi Toste.
Publicado o número 69 da Revista Galega de Teatro
“A
Revista Galega de Teatro saca á rúa o seu número 69, correspondente ao inverno 2011-2012 e faino mantendo as súas seccións habituais e achegándose á dramaturxia portuguesa coa edición do texto Padam Padam, de Jose Maria Vieira Mendes (Lisboa, 1976). Deste xeito, a publicación consolida a súa aposta por tender pontes de intercambio co mundo da lusofonía despois de editar hai un ano Nunca estive em Bagdad, de Abel Neves. Dentro das diferentes seccións deste número 69 da RGT, destaca o traballo Sexo e Teatro asinado por Afonso Becerra de Becerreá incluído no apartado ESPAZOS. O propio Becerra é tamén autor do artigo Escenarios do corpo que xunto coa experiencia de Metátese e Alentía Teatro en Guatemala pechan esta sección.
O apartado TEMAS está reservado ás protestas que o sector das artes escénicas levou a cabo durante o outono en Crónica dunha rebelión que asina Xosé Manuel Pazos, a desaparición da Feira Galega das Artes Escénicas que realiza Zé Paredes con Non houbo Feira, e a conversa con diferentes axentes de distribución de artes escénicas en Galicia. Por outra banda, a sección ENTREVISTAS está adicada as compañías Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures, que vén de cumplir 25 anos de traxectoria. Por último, xunto coas seccións habituais de FESTIVAIS, LIBROS, AXENDA e FICHEIROS, destaca o apartado ESPECTÁCULOS coas críticas das montaxes Oeste solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, O florido pénsil, de eme2 producións e Uno de Nabeirarrúa Danza.”
Barcelona: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra
O
mércores 4 de xaneiro, na Galería Sargadelos de Barcelona (Carrer Provença, 272), preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Joan Casas, dramaturgo e profesor do Institut del Teatre e actriz Laura Cuervo, que realizará unha acción teatral cun dos textos do libro.
Becerreá: entrega de premios do XX Certame Literario A Pipa 2011
O
mércores 28 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Becerreá, terá lugar a entrega de premios do XX Certame Literario A Pipa 2011 da Alta Montaña Luguesa. O acto será presentado por Amparo Becerra, Alicia Chao, Xavier Fernández e Rafa Ramos, e posteriormente celebrarase a XX Noite poética A Pipa 2011, con María Lado e Lucía Aldao, co seu show Moita poesía e pouca diversión, presentadas por Marta de Sinllán e Afonso Becerra.
Becerreá: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra
O
martes 27 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Becerreá (Rúa Eulogio Rosón, s/n.) preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan María do Cebreiro e Marta de Sinllán. Durante o mesmo, a artista e actriz María Roja realizará unha acción teatral cun dos textos do libro.
Santiago: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra
O
xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Francisco Pillado e Marta de Sinllán. Durante o mesmo, haberá dúas intervencións teatrais coa actriz Luísa Merelas e o actor Roberto Leal.
A Coruña: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá
O
venres 25 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Enrique Dequidt, 12) da Coruña, preséntase Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, participa Francisco Pillado Maior e a actriz Luísa Merelas poñéndolle voz a unha das dramatículas.