Arquivos da etiqueta: Anxo Moure
Carballo: actividades do 7 de xullo na Praza dos Libros 2022
“A arte de contar contos reclama o seu sitio cunha xornada festiva por toda a Galiza”
Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Deixouno dito Peter Handke: “Se un país perde os seus narradores, perde a súa infancia”. Se cadra, hoxe son o contacontos ou a narradora oral; mais antes foron as avoas, as actrices e actores, os trobadores e as soldadeiras, os xamáns… Que alguén se levante, tome a palabra e comece a contar un relato ten un significado que vai moito máis aló do entretemento ao que adoitamos asociar a palabra “conto”: ese contar está creando comunidade, transmitindo valores e saberes, estimulando un imaxinario colectivo que forma parte da nosa identidade.
O sábado 20 de marzo, os narradores e as narradoras da Galiza xúntanse para conmemorar o Día Internacional da Narración Oral, para celebrar un xénero cada vez máis popular e tamén para reclamar o posto que o seu oficio merece dentro da sociedade. Os festivais Atlántica de Compostela, Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, ademais dos integrantes do Colectivo Noga (Narración Oral Galega), desenvolven máis de vinte espectáculos por múltiplas vilas e cidades do país.
“A celebración do Día da Narración Oral conmemórase desde o ano 1991”, explica Xacobe Rodríguez -membro da compañía Pavís Pavós e un dos organizadores do festival Sete Falares-, “por iniciativa dos contadores suecos, a partir dun proxecto moi semellante ao que estamos a desenvolver nós agora: organizáronse para celebrar sesións de contos por todo o país. Aquilo foi medrando e agora está estendido por todo o mundo. Entre os festivais que organizamos isto e o Colectivo Noga, decatámonos de que somos un país de grandes contadores de historias, de que temos unha tradición moi fértil e de que, ademais, temos unha identidade moi marcada na forma de contar e, xa que logo, tiñamos que darlle algo de relevo a esta data”.
O acto, sen deixar de ser festivo, ten tamén a súa dose de reivindicación nun ano en que, como lembran desde a organización, os profesionais da narración oral perderon máis do 60% do seu volume de traballo. “A pandemia e as medidas de restrición derivadas da alerta sanitaria están provocando unha situación moi grave no mundo da cultura”, relata Rodríguez, “e dentro do sector da cultura, os contadores de historias somos un pouco o irmán pequeno, e xa se sabe que os pequenos son os que acaban sufrindo máis”.
“O ano foi malo para todo o mundo pero para o noso sector foi brutal, houbo xente á que lles suspenderon practicamente o 100% das funcións contratadas. Tratamos de subsistir, mais as axudas sempre acaban indo para os máis grandes. Sen negar o dereito que teñen estes a ter apoios, cremos que hai un desequilibrio moi evidente, como se pode ver no Plan para a Cultura que acaba de presentar a Consellaría. Por iso queremos facer visíbel esta situación que estamos a vivir”, engade.
Para a ocasión, a escritora Fina Casalderrey escribiu un manifesto no que tamén se lembra que a Galiza ten unha forma de contar propia, un código narrativo que responde ás peculiaridades da súa identidade. Xacobe Rodríguez explícao cunha imaxe moi ilustrativa: “Todo o mundo ten moi clara a imaxe dunha tribo africana, perdida no medio da sabana, arredor dunha fogueira e cunha persoa contándolle historias ao resto do grupo. E para nós, a imaxe dun grupo de xente arredor dunha lareira cunha vella ou un vello contando os seus contos de lobos é igual de precisa”.
As veces, é o universal o que se manifesta, prosegue: “É curioso que, en moitas ocasións, descobres que un conto –que levas contando durante anos e que cres que pertence exclusivamente á tradición galega- existe practicamente igual, coas variantes lóxicas, en Romanía, en Noruega ou na Patagonia. Historias que veñen contándose desde hai séculos, existen nas partes do mundo máis afastadas”. Mais outras veces, é o particular o que destaca: “A visión da morte que se intúe nos nosos contos, por exemplo, chama poderosamente a atención no resto do Estado; é impensábel para eles contar historias que se enfronten así ao reino dos defuntos. Hai unha cosmovisión propia que forma parte da nosa forma de ser”. O universal manifestándose no particular, como proclamaban desde a revista Nós.
Superamos esa etapa na que se pensaba que a narración oral era un xénero infantil, e agora os adultos préstanlle tanta atención como a cativada. “Nese sentido, creo que os festivais fixemos un labor importante dándolles relevo –e, até certo punto, priorizando- as funcións para persoas adultas. E atreveríame a dicir que a estas gústalles tanto ou máis que ás crianzas escoitar un conto: cando vas ver un espectáculo no que se conta unha historia que ti xa escoitaches, tes a mesma reacción infantil de ‘atende, que esta está moi ben’; volves a ese comportamento de querer que che conten sempre a mesma historia unha e outra vez. O que sucede é que nós non o recoñecemos”.
Ese espazo para, dalgunha maneira, recrear a infancia é preciso para asentarnos no que somos e albiscar o que podemos chegar a ser. Xacobe Rodríguez resume: “Os contos axúdannos a revivir o pasado, a crear o imaxinario colectivo e, a fin de contas, a crear o futuro”.
Lorena Pinheiro, Raquel Queizás, Dani Blanco, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Chus Álvarez, Anxo Moure, Ramiro Neira, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento son algunhas das compañías e artistas que participan nesta xornada de celebración e reivindicación da narración oral galega.
Ducias de historias percorreron os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, As Neves, O Porriño, Mondariz, Fene, Brión, Ribeira, Ourense, A Coruña e Pontevedra.
Ademais, o manifesto asinado por Fina Casalderrey circulou por centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar a importancia de “contar un conto”.”
Lugo: Muralla de letras, do 11 ao 13 de decembro
Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras, o 12 de outubro
A Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración do Concello de Taboada e Casa do Romualdo.
Historias de cabezóns e loitadoras
Casa do Romualdo, Vilar, Vilela, Taboada (como chegar)
Sábado, 12 de outubro de 2019 | 17:00 horas | Entrada libre
Coas intervencións de:
Ana Rey Gay
Xosé Manuel Vázquez
Ana Vila Portomeñe
Francisco Almuíña
Anxo Moure e…
veciñas e veciños da contorna
Música:
Francisco Almuíña
Alén da Polafía, é posíbel gozar do seguinte Programa previo:
11:30 Acollida en Casa do Romualdo
12:00 Saída cara a Ralle para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados, guiados polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez
14:00 Xantar en Casa do Romualdo Con reserva previa. Prazas limitadas. Ao facer a reserva comunique intolerancias alimentarias
Prezo por persoa: 16€
Reservas para o xantar: 982 455 010 / 650 226 646
As polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado por Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.
Parada (O Courel): V Festival dos Eidos
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para o 16 de agosto
O 16 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Contada de contos a cargo de Anxo Moure co proxecto Cuco. Contos para coidar a Terra.
– 20:00 h. Presentación cruzada de Remexido de patacas, de Eli Ríos e As fauces feroces de Emma Pedreira, publicados por Baía Edicións. Con Belén López, da editora.
– 20:45 h. Presentación de O paraugas na raiola, de Paco Rivas, publicado por Baía. Con Bernardo Penabade e Belén López.
Carballo: actividades destacadas do 11 de xullo na Praza dos Libros 2019
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o 11 de xullo, destacamos os seguintes:
– Toda a mañá. Pasarrúas infantil arredor do libro A música da auga, de Anxo Moure, con Servando Barreiro.
– 12:30 h. Pregón a cargo de María Reimóndez. Coa actuación da Banda de Gaitas de Carballo.
– 18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Conversa de autoras. María Canosa e Concha Blanco falarán sobre as súas obras Caderno de lúas (Bululú) e Macedonia de versos (Aira). Modera Santiago Garrido.
– 21:00 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Presenta Manuel Rey Pan.