Arquivos da etiqueta: Anxos Sumai
Anxos Sumai: “Custa zafar dos prexuízos: pensamos que a muller independente debe pagar un prezo”
Entrevista de Montse Dopico a Anxos Sumai en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Hai en A lúa da colleita unha volta ao lugar da adolescencia, do mesmo xeito que en Así nacen as baleas hai un regreso ao lugar da infancia, aínda que por motivos distintos. Non creo que esa coincidencia sexa casualidade. Cal é o seu motivo?
– Anxos Sumai (AX): A min acontéceme que o que escribo desvela sempre algo do que eu non son completamente consciente e A lúa da colleita estame a sorprender coas múltiples lectura que ten. Esta que propós é nova tamén para min, non pensara niso. De todas formas, se volvo a esas épocas da vida é porque as personaxes ou a historia que estou narrando o precisan. Esta novela parte dun estraño acontecemento que viviu a protagonista, Nuria, cando era adolescente, que foi sen dúbida o desencadeante da súa persoal percepción sensorial e que nunca se chega a explicar: ese momento campa sobre toda a novela como un enigma máis, dos moitos que ocupan a Nuria. Hai outros personaxes, como Happy, que fala conscientemente da súa nenez, do difícil que lle resultou aceptarse como unha muller. Tamén Lois remexe un pouco na infancia, nunha imaxe luminosa de cando se sentiu músico por vez primeira. Pero só Nuria, Happy e Bet retroceden a eses momentos.
A infancia e a adolescencia, polas descubertas e os conflitos, son sempre lugares fascinantes para min como narradora. Da miña experiencia deses tempos consigo extraer case todo o que preciso para crear, como se metese a man e arrincase unha presada de arxila que podo moldear segundo me conveña. (…)
– MD: Por certo, que non sei se é que só tes publicados os libros que levaron premios, ou que efectivamente libro que escribes libro que premian. Creo que escribiches sempre: en revistas, libros colectivos, para comics, discos… Saberías explicar de onde che vén esa paixón?
– AS: Non, non todo o que escribín foi premiado. Tampouco me presento a premios, simplemente porque non teño obras que presentar. Só escribín dúas novelas e si, enviei unha ao Repsol e a outra ao García Barros e premiáronas.
É certo que aínda que publique pouco, sempre escribín. Quixen pintar, quixen compoñer cancións pero era malísima. Na literatura sempre conseguín desenvolverme ben. Dende nena, quedei atrapada nese poder de evocación que ten a palabra: medrei nunha aldea antes da chegada da televisión e as horas distráianse contando contos. Fascinábanme aqueles contos que contaban as mulleres e os homes que viñan pola casa do meu avó cando había que cocer o pan, esfollar o millo, facer a caña… Foron unha grandísima escola para min como escritora. Ogallá chegase a conseguir narrar coa tensión que conseguía crear en min aquela xente e que me aguilloaba a imaxinación. (…)”
Radiocrítica do 20-01-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Desertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo Rei Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).”
Anxos Sumai: “Nestes tempos, as persoas están disociadas e a sociedade, esquizofrénica”
Entrevista de Alberto Ramos a Anxos Sumai en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha primeira pregunta de periodista folgazán. Como definiría A lúa da colleita?
– Anxos Sumai (AS): É un libro que ten máis lecturas das que fun consciente mentres a escribía. Cando a traballaba, pretendía mostrar unha concepción holística do ser humano, coas súas partes de sombra e as súas partes de luz. E despois do escrito, decateime de que ía reflexionando sobre moitos temas que me interesaban, que me preocupaban… Definilo con maior concreción cústame moito. Tería que escribir un libro enteiro para explicalo. [Ri] (…)
– P: Estamos disociados?
– AS: Estamos disociados en moitos casos. O que busco retratar aquí, levando situacións ao extremo, pouco ten que ver coas persoas con enfermidades mentais. O que procuro falar é de todo o mundo e sobre como todos sufrimos este tipo de disociacións. Por iso Nuria precisa parar e pensar no que se escindiu dentro dela. Eu non intento falar dunha enfermidade psiquiátrica, senón de como somos todos e todas. Vivimos dun xeito tan acelerado que nin nos concedemos ese último momento do día para parar e pensar. Imos ás carreiras e, cando nos decatamos, que nos queda por vivir? Nada. Son as circunstancias do momento actual. Nestes tempos, as persoas están disociados e a sociedade, esquizofrénica. (…)
– P: Nunha entrevista no Zig Zag afirmaba que vostede escribía moito, pero publico pouco. Por que agardou cinco anos entre a súa primeira novela, Así nacen as baleas, e esta segunda?
– AS: Non tiña nada que dicir, nada que fose necesario contar. Eu escribo moito, sigo escribindo relatos en libros colectivos e esas cousas… Pero algo que tivese a entidade dun libro meu? Non tiña nada que contar. Para que facelo? Para que forzar? Eu non teño que publicar un libro cada ano. Por sorte ou por desgraza non vivo de escribir. Malia que me gustaría vivir de escribir nestes tempos, teño un traballo marabilloso. Pódome permitir ser moito máis selectiva. Publico só o que me apetece, son moi autocrítica, quizais excesivamente autocrítica… É que non tiña nada que escribir, é absurdo. [Ri] Eu estiven publicando moito na primeira década do século, na radio, en Anxos de Garda, na prensa, etc. Cheguei a ser consciente de que me estaba aborrecendo a min mesma, a miña forma de escribir xa non me valía, estábame a repetir constantemente. Non tiña nada especial que contar, foi unha vertixe. Había que parar, cumpría pensar. (…)”
Tabela dos Libros de xaneiro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!»
Taboleiro do libro galego (XVIII), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Derradeira entrega deste ano do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes decembro. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Pedreira, Á lus do candil, Carricanta e Libros para Soñar.”
NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Edicións Xerais.
3º-. Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras, Edicións Xerais.
4º-. A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Editorial Galaxia.
5º-. Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello, Editorial Galaxia.
6º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
2º-. Dos tempos sombrizos, Daniel Salgado, Xerais.
3º-. Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xerais.
4º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
5º-. Presente continuo, de María Reimóndez, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Exhortación á desobediencia, Xosé Manuel Beiras, Laiovento.
3º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
4º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-. Caídos do mapa 1. O comezo, de María Inés Falconi (tradución de Rafael Salgueiro), Sushi Books.
3º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
4º-. O elefante branco, de Xesús Fraga, Tambre.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, ilustracións de Xosé Cobas, Biblos.
4º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Os Bolechas fan unha banda, de Pepe Carreiro.
BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Historias de Icía e avoa, de Sabela Arias, Asociación Cultural Eira Vella.
OUTROS
1º-. CoraSons, colectivo CoraSons, Kalandraka.
2º-. Cartas que veñen e van, Susa Herrera/Mamá Cabra, Primerapersona.
Manuscritos: Anxos Sumai
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Pontevedra: Vermú literario con Anxos Sumai
O sábado 14 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Paz de Pontevedra (Rúa Peregrina, 29), terá lugar un Vermú ente libros con Anxos Sumai, que conversará coa xornalista Carme Vidal.
Conversa de Anxos Sumai con Camilo Franco no Culturgal 2013
Culturgal, a feira da imaxinación
Desde Sermos Galiza e Praza:
“Son tempos de agudizar o enxeño para sobrevivir ou buscar novas vías no mundo da cultura e en Culturgal xuntáronse unha morea de iniciativas que sorprenderon a un público que asistiu de forma masiva á feira. Con poucos medios, agudizar o enxeño, era a consigna que se apreciaba en moitos dos proxectos, talvez como a propia organización da feira, que conseguiu manter o nivel de actividades e público cun 55% de apoio institucional. (…)
Cada edición con máis forza, as industrias culturais agardan por Culturgal para mostrar as súas novas producións. Desta maneira, á feira chegaron recén saídas do prelo, algunhas novidades editoriais agardadas e tamén discográficas, en especial para público infantil, aproveitando as datas próximas ao Nadal nas que a Feira se desenvolven. Por Culturgal pasaron nestes días Manuel Rivas -con dobrete coa Revista Luzes, recén impresa e coa venda do primeiro exemplar no Pazo da Cultura, e co seu novo libro para a infancia O raposo e a mestra-, Anxos Sumai, Berta Dávila, Francisco Castro, Manuel Gago, Luís Rei Núñez, Manuel Lourenzo González, Marcos Calveiro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijóo, Anselmo López Carreira e Diego Ameixeiras. Da música fixéronse públicos os novos discos de Caxade, Lydia Botana, o CoraSons promovido por Uxía, o de 2naFronteira ou o novo espectáculo de Davide Salvado (…)”