O cuarto de Arantza Portabales

Artigo de Arantza Portabales na Sega:
” Benvidos ao meu cuarto propio. Si. É este. O único onde sempre estou soa. Sen ninguén a petar á porta. Sen teléfonos. Sen fillos. Sen amigas. Sen pais. Sen xefa. Sen recados pendentes, sen listas de tarefas por facer, sen expedientes administrativos agardando por min.
Soa.
Escribir é un acto fundamentalmente solitario. E non necesariamente físico. O de darlle a tecla, vén despois. É lóxico. O primeiro é saber que contar. E como contalo.
Non vos estrañedes se me atopades a falar soa nun semáforo. Estou escribindo.
Si. Mentres conduzo, a miña mente vai de cero a cen en dous segundos. Aínda non inventaron algo así os da Fórmula Un. E teño que confesar que con frecuencia supero as cento vinte ideas por hora.
Tampouco inventaron na DXT un radar para atrapar as ideas. Nin falla que fai.
Ás veces río coas ideas que se lle ocorren aos meus personaxes.
Ás veces choro, e abro a ventá para comprarlle os panos ao rapaz que está no semáforo.
Ás veces teño medo de que os pensamentos se esvaezan coma as pingas de choiva sobre o asfalto nunha tarde de verán. Entón paro, activo a gravadora do móbil, e aprisiono os meus pensamentos.
E despois está o outro cuarto. O cuarto onde me sento diante do portátil e realizo o acto físico de teclear, de ordenar e de dar forma as ideas. Iso que algúns chaman escribir.
Non serei eu a que diga que non.
Pero que queredes que vos diga. Para min, escribir, é outra cousa.”

Pontevedra: actos destacados do venres 8 na Feira do Libro

O Feira do Libro de Pontevedra 2016venres 8 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Xesús Constela asinará exemplares das súas obras na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Arantza Portabales presentará a súa novela Sobrevivindo, publicada en Galaxia. No acto estará acompañada por Xosé Monteagudo.

Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 5 no Culturgal

DoCulturgal 4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horario de 11:00 a 21:00 horas o sábado 5, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, terá lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 5 son:
11:45 h. O recuncho do ebook. Espazo Foro.
12:15 h. Presentación revista cultural A Pedreira. Concello de A Lama. Espazo Libro.
12:30 h. Concerto presentación do disco libro Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
12:45 h. Presentación de Romaría de historias, de Xosé Neira Vilas, publicado por Galaxia. Espazo Libro.
13:15 h. Recital e conversa con María do Cebreiro (autora de O Deserto) e Gonzalo Hermo (autor de Celebración), promovido por Apiario. Espazo Libro.
13:30 h. Presentación dos especiais da Revista Luzes sobre política e cultura. Espazo Foro.
16:15 h. Os modos do mármore + 3 poemas, de Ondjaki, publicado por Através Editora. Espazo Foro.
16:45 h. Mesa redonda: Literatura de fantasía en galego, promovida por Urco Editora. Espazo Libro.
17:00 h. Sinatura de exemplares de O Deserto, de María do Cebreiro e de Celebración, por Gonzalo Hermo. No stand de Apiario.
17:00 h. Sinatura de exemplares de De paseo con Crunia e De paseo con Paulo, de Cristina Corral Soilán. No stand de Edicións Embora (81b).
17:30 h. Recital poético de Isaac Xubín co poemario Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, publicado por Kalandraka. Espazo Libro.
19:00 h. Recital poético A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. Espazo Foro.
19:00 h. Presentación da Axenda Feminista 2016. Elas na ciencia, por Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo Libro.
19:00 h. Sinaturas de Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville. No stand de Xerais.
19:30 h. Conversa con Marcos Calveiro, autor de Fontán (Premio de Narrativa Breve Repsol), Manuel Portas, autor de Lourenço, Xograr (Premio García Barros) e Arantza Portabales (Premio de Novela por Entregas de La Voz con Sobrevivindo), publicados por Galaxia. Conduce o xornalista Tino Santiago. Espazo Libro.
19:30 h. Sinatura de Manuel Rivas. No stand de Xerais.
20:15 h. Conversa con Érica Esmorís, autora de Nena e o mar (Premio Merlín), Andrea Maceiras, autora de Europa Express (Premio Jules Verne) e Héctor Cajaraville, autor de De remate (Premio Xerais). Conduce o xornalista Tino Santiago. Xerais. Espazo Libro.
21:30 h. Dar de contar a quen pasa. Con Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, María Lado e Lucía Aldao. Espectáculo de pago. Auditorio.

Arantza Portabales Santomé gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2015

OArantza Portabales Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia xa ten gañador: unha historia de intriga, cun ritmo áxil que se move con soltura entre diversos planos temporais, e que tece unha engaiolante trama arredor dunha non menos fascinante protagonista, a vencedora dun programa de telerrealidade. No transcurso dunha cea literaria celebrada o 9 de xullo no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre desvelouse a identidade do autor da obra, presentada co título de Sobrevivindo e baixo o lema Xoabela: a autora resultou ser Arantza Portabales Santomé, escritora de microrrelatos. Sobrevivindo impúxose por maioría ás outras dúas novelas finalistas, Sempre navegar e A virxe das areas.
A obra vencedora saca partido á estrutura característica do galardón, é dicir, unha narración que, capítulo a capítulo, capta a atención do lector: cada entrega remata cun convite a seguir o fío da historia ao día seguinte, ata a sorprendente conclusión do seu remate. Sobrevivindo ten como protagonista principal a Val Valdés, unha muller que no ano 2000 se presentou a un programa de telerrealidade, do que saíu vencedora e rica. A partir deste intre, convértese nunha empresaria da que apenas se coñece a súa vida privada. A novela vai alternando pasado e presente, así como diferentes personaxes, para tecer unha trama de intriga arredor do personaxe, cunha serie de secundarios de trazos ben definidos: o seu fillo, a súa sogra, o avogado que traballa para ela, unha antiga relación adolescente, un profesor daqueles tempos… todos eles gravitan arredor de Val Valdés nun suspense que medra a medida que se coñecen máis datos da historia e que non exclúe un asasinato.
A autora da novela recibirá un premio de 6.000 euros e a súa obra será publicada no xornal durante o mes de agosto, a razón dun capítulo diario, e tamén na súa edición dixital. Cada entrega estará ilustrada, como xa é habitual, polo traballo de Juan Carlos Abraldes.