Vigo: Recital de Poesía Figurante, con Verónica Martínez Delgado, Eli Ríos e Marta Dacosta

O venres 11 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, terá lugar un Recital de Poesía Figurante. No acto, presentado por Alberte Momán, participan Verónica Martínez Delgado recitando poemas de Lusocuria, Eli Ríos de Maria e Marta Dacosta Alonso de Argola.

Taboleiro do libro galego (XXI), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Transcorrido o mes de marzo ofrécese aquí a terceira entrega do 2014 do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de marzo. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Librouro, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Cartabón, Á lus do candil, Carricanta, Suévia, Libros para Soñar, sumándose por vez primeira outra nova libraría como é Abrente, de Bueu.

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
3º-. O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, Editorial Galaxia.
4º-. O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro, Editorial Galaxia.
5º-. Maternosofia, de Inma López Silva, Editorial Galaxia.

POESÍA
-. Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Edicións Xerais.
2º-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
3º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
4º-. Argola, de Marta Dacosta, O Figurante Edicións.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Ed. Alvarellos.

ENSAIO-TEATRO
-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.
3º-. Cantares gallegos, hoxede María Pilar García Negro, Alvarellos.
4º-. Vida e obra de Xosé María Díaz Castro, de Armando Requeixo, Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Edicións Xerais.
-. O raposo e a mestra, de Manuel Rivas, Xerais (ilustracións de Jacobo Fernández).
-. Bágoa de Lúa, de Sabela González, Editorial Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. Na cociña de noite, de Maurice Sendak (tradución de X. M. González), Kalandraka.
4º-. A Burra Ramona, de Paula Carballeira, ilustracións de Xosé Tomás, Baía Edicións.
5º-. Maruxa, de Eva Mejuto & Mafalda Milhões, Oqo.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Davila, Edición do autor.
2º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
3º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
4º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Revista Luzes, nº 4.”

Marta Dacosta: “Patriarcado, colonialismo e imperialismo son o mesmo, desde a Antigüidade ata hoxe”

Entrevista de Montse Dopico a Marta Dacosta en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MDo): Argola é o teu poemario máis narrativo. Vainos contando unha historia.
– Marta Dacosta (MDa): Si. Foi unha idea que xurdiu, e probei. Quixen experimentar. Quería relatar unha historia, por iso o libro ten esa unidade. Traballei nel dunha maneira na que non traballara nunca antes. Tentei seguir sempre a liña argumental do que xa tiña escrito. Foi, nese sentido, unha escrita metódica, case planificada. Penseino moito tempo antes de escribir. Xa viña, así, cun obxectivo moi marcado.
– MDo: A historia que nos contas é a dunha vestal romana. Non é a primeira vez que recorres a figuras da Antigüidade, da mitoloxía…(Penélope, Antígona…) Por que?
– MDa: En realidade é unha escusa, un pretexto para falar da muller. É verdade que sempre me impactou a realidade das vestais: polo menos ata onde sabemos delas. Porque eran mulleres utilizadas, dominadas, sen vontade propia, malia pertencer ás clases dominantes. E esa dominación das mulleres prolongouse durante milenios. Hoxe, no século XXI, non todas as mulleres poden tomar as súas decisións sobre as súas propias vidas. Por iso traio unha figura do pasado ao libro. Non quixen situar, así, a historia nun tempo concreto. Porque segue a estar aí esa falta de que as mulleres sexan donas do seu corpo e das súas vidas.
– MDo: A vestal do teu libro rebélase, como pode, contra a dominación. Nos teus libros As amantes de Hamlet e Acuática alma había xa unha Ofelia á que convidabas a erguerse…
– MDa: A protagonista é, si, unha muller que se rebela contra a dominación. Que é a dominación do patriarcado, do colonialismo e do imperialismo. Porque patriarcado, colonialismo e imperialismo son o mesmo, desde a Antigüidade ata hoxe. A ela póñena ao servizo do Imperio Romano. Ao servizo do Imperio, como estrutura de dominación do pobo. E hai unha contraposición, nese sentido, coa figura das mulleres liberadas, que son as afogadas, inspiradas nas lendas das pozas de Mougás. Que xa estaban en As amantes de Hamlet. É unha maneira, así, e falar de identidade, da tradición propia, pois son figuras da nosa tradición literaria oral. As mulleres afogadas que se levantan, as donas das pozas. Mesmo hai tamén un certo sentido de vinganza… En canto a Ofelia, é unha figura que me interesa moito. Eu entendo que é unha muller maltratada. E por iso lle pido que se erga. Que non actúe como o que querían daquela e o que queren hoxe de nós: que sexamos obxectos fermosos, quietiños, caladas… (…)”