Compostela: presentación de Nas rúas de Compostela, de Rosalía Morlán

O sábado 4 de febreiro, ás 16:30 horas, no Centro Sociocultural da Rocha Vella (Rúa do Beado, 1, baixo), en Santiago de Compostela, Rosalía Morlán presenta Nas rúas de Compostela. No acto participan, xunto á autora, Armando Requeixo, Valentín García, Luís Reimóndez e Carlos Delgado. Lerán poemas do libro Irina García Caeiro e o grupo Palabras Vivas.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2016

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibimos 420 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as dez edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para Os fillos da fame, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia das historias de Galicia, coordinado por Isidro Dubert.
– Mellor libro de teatro para A filla de Woody Allen, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para Presas fáciles, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido para público adulto para Festa no xardín, de Katherine Mansfield, por Estela Villar Nogueira.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou, traducido por Manuela Rodríguez.
– Autor do ano para Diego Giráldez.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor capa de libro para adultos para Galería de saldos, de Diego Giráldez, feita por Iago Sánchez Losada.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de Agustín Fernández Paz.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”

Tabela dos Libros de xaneiro de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e con el chega a primeira Tabela dos Libros da xeira. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”

Compostela: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O martes 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Armando Requeixo, Ana Salgado e Manuel Bragado.

Escrita ignota, por Armando Requeixo

ArtigoArmando Requeixo 2015 de Armando Requeixo en Criticalia:
“Para os amantes da escrita, poucas cousas producen máis fascinación que os libros indescifrables, ignotos ou escuros. Eses volumes que semellan ideados por mentes no límite da tolemia lúcida, individuos nos que a procura do Alén, do descoñecido ou dos saberes máis recónditos favorecen un estado superior na contemplación do Universo. (…)
Na literatura galega tamén habería algúns exemplos de textos ficticios, imaxinados ou mixtificados. Entre os máis enigmáticos ou de discutida interpretación atópase a expresión edoi lelia doura que aparece nunha cantiga de amigo do trobador Pedr’Eanes Solaz, unha das que, aínda hoxe, seguen a espertar máis curiosidade ¿É unha mestura de vello romance ibérico e adaptación árabe que significa algo así como “¡que noite!, é a miña oportunidade” ou incluso “a noite é longa” ou é tan só un xogo exclamativo e puramente onomatopeico? O misterio permanece.”

Tabela dos Libros de decembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste ano coa lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2016_decembro_tabela

Cadáveres exquisitos, artigo de Armando Requeixo

DesdArmando Requeixo 2015e Criticalia, blogue de Armando Requeixo:
“(…) Para o caso galego o antecedente histórico máis notorio é o telúrico “Poema a tres voces”, escrito por María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Ramón Regueira na Casa Grande de Parada do Courel o 26 de novembro de 1966 e hoxe publicado nas páxinas da revista A trabe de ouro, un texto do que se cumpre agora medio século da súa creación. Con posterioridade, practicaron abondosamente este xénero os poetas de Rompente, quen asinaron numerosos textos colectivos nos seus libros grupais.
Alén diso, pode considerarse unha iniciativa parella a levada adiante por Camilo Franco en Por conto alleo, libro no que recolleu medio cento de relatos que a fins de 1999 escribira baixo a proposta en cada caso dun tándem de palabras que os internautas suxeriron ao autor para que as fose incluíndo en cada conto.
A última gran proposta nesta liña veu da man do poeta Igor Lugris, quen tamén a través da Rede convidou á participación nun cadáver exquisito cibernético que dende a primavera do 2007 se multiplicou ata chegar a máis de medio cento de versións, que foron recitadas e amosadas nun Expo-Cadáver celebrado en Ponferrada. Naquel cibercadáver exquisito participaron, entre moitos outros, poetas galegos como Elvira Ribeiro, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Antía Otero, Daniel Salgado, Alberto Lema, Séchu Sende, Celso Álvarez Cáccamo, Mario Regueira, Oriana Méndez ou Estíbaliz Espinosa. Ningunha proba mellor para demostrar que o cadáver está moi vivo e segue a ser un exquisito artefacto literario.”