Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
“Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea. Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.
Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.
“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.”
Arquivos da etiqueta: Arturo Casas
“As outras poesías”
Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Nos nosos días a poesía máis rupturista e innovadora vén da man das distintas modalidades da poesía experimental, sintagma baixo o que se acubilla unha moi ampla serie de propostas creativas que fincan as súas raíces nas vangardas históricas de primeiros do XX. (…)
En Galicia algunhas destas tendencias máis experimentais de poesías outras levan xa o seu camiño andado. Neste sentido, eu distinguiría tres momentos: un inicial, case que fundacional, coas xentes do Grupo Rompente (Avendaño, Reixa, Romón), que a finais dos setenta incorporaron á textualidade dos seus poemas códigos propios das artes visuais e sonoras e do universo pop art; un segundo momento cos poetas dos oitenta, que se achegaron, con distintas intensidades, á poesía visual e outras fórmulas hibridadas (X. Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer); e o presente, onde salientan creadores de poesía semiótica e Mail Art como Lois Magariños (Corporación Semiótica Galega) ou Pedro Gonzálves e todos aqueles que exploran as vías da poesía visual (Arturo Casas), a audiopoesía (Rosalía Fernández Rial), o poemic (Yolanda Castaño), a videopoesía (Celia Parra), a ciberpoesía (Fran Alonso) ou outras.”
Compostela: presentación de Draga, de Claudio Pato
Compostela: presentación de Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes
Compostela: presentación de Corpo, de Antón Lopo
Compostela: presentación de Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa
Compostela: Filocafé con Arturo Casas
O domingo 3 de decembro, de 18:30 a 20:00 horas, na cafetaría do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2), en Santiago de Compostela, terá lugar un novo Filocafé, coa presenza de Arturo Casas. A entrada será libre e gratuíta. Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.
Compostela: festa-presentación de Nierikate, de Xoán Abeleira
O xoves 6 de abril, ás 19:30 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural), en Santiago de Compostela, terá lugar unha festa poético-musical arredor de Nierikate, obra que recolle traducións para o galego de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao autor, Arturo Casas, Antón Lopo, Verónica Martínez Delgado, Uxío Novo, Baldo Ramos e Ramiro Torres, entre outras persoas.
Entrevista a Arturo Casas no Día Mundial da Poesía
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““A poesía recupera os espazos públicos”. No Día da Poesía falamos co profesor e escritor Arturo Casas sobre a lectura e as expresións do poético. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arturo Casas fala sobre Todorov
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Ten un peso moi forte na elaboración do canon teórico-literario do estruturalismo que é decisivo a partir dos anos 60 ata hoxe”. Pode accederse á entrevista con Arturo Casas aquí.