No reino da mourindade, por Armando Requeixo

Recensión de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”

Finou José Luis Sampedro

Desde Sermos Galiza:
“Finou o domingo en Madrid, mais a familia optou por non dar a nova até esta terza feira, día no que foi incinerado, pois quería marchar “sen publicidade” nin ”fastos”. José Luis Sampedro faleceu aos 96 anos de idade. Economista, escritor, ensaísta. Un referente para un compromiso e coherencia que nunca se rendeu fronte o pensamento único. (…)
En 2012, Sampedro recibiu o galardón de Escritor Galego Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Esta asociación destacaba a “alta calidade da literatura lúcida, profunda, radical e transgresora” de Sampedro, “impregnada do seu compromiso ético”.
A relación de José Luis Sampedro con Galiza comezou na década dos setenta a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou económicamente cunha mensualidade do seu salario de senador nas primeiras cortes após o franquismo.”

Un souto do Incio levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora

Desde El Progreso:
“O souto do Val do Mao, no municipio do Incio, levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora natural destas terras. O nomeamento farase oficial o vindeiro 15 de xuño no transcurso dun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación de Lugo, a Consellaría de Cultura e o Concello.
A asemblea de socios da AELG acordou por unanimidade outorgarlle a letra E deste ano a Marica Campo e renderlle unha homenaxe na súa terra natal. Será, segundo explica a asociación, «unha celebración múltiple e popular, na que se recoñece a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor».”

Lídia Jorge, o compromiso ético da escritora galega universal

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) entregará o 4 de maio, no transcurso da gala da XIV Edición dos premios que levan o seu nome, o galardón de Escritora Galega Universal á portuguesa Lídia Jorge. A Asemblea da asociación recoñece nesta creadora da palabra á “autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana”.
“Na tradición dos premios a escritores e escritoras universais da AELG hai dúas variábeis que temos en conta”, explica Césareo Sánchez Iglesias, presidente desta entidade, “por un lado que sexa un grande escritor, recoñecido no seu país, cunha traxectoria que se sustente en obras sólidas; por outro lado, que sexa un referente ético diante o deterioro moral que vivimos, con ausencia de valores éticos en determinadas capas desta sociedade”. E Lídia Jorge cumpre con esas dúas facetas. “É unha muller do 25 de abril, un referente non só para os portugueses, senón para todos”, argumenta o presidente da AELG.

Comprometida e cun cariño especial cara Galiza
Carlos Quiroga, responsábel da Lusofonía na AELG, afirma que a escritora homenaxeada “é un nome incontestábel en todos os sentidos, apreciada por crítica e público, un consenso difícil”. Romances, contos, literatura infantil, ensaio, a escritora de Boliqueime conseguiu ser “un caso raro” e chegar ao grande público. Multipremiada, cosmopolita, traducida para moitos idiomas e progresista en todos os aspectos. “Non é unha escritora fácil, de consumo rápido, mais tampouco complica”. Un dos segredos do seu éxito actual foi a adaptación do seu romance A Costa dos Murmúrios ao cinema en 2004 por Margarida Cardoso.
“Sempre tivo un compromiso”, sinala Quiroga, “todos aqueles valores nobres que se lle supoñen a unha intelectual”. Ademais de escritora, muller. “Nunca deixou de mergullar na psicoloxía feminina aplicada a territorios moi diversos”. Compromiso tamén para coa súa paixón literaria. “Puido facer carreira universitaria e foi profesora de instituto para ter tempo para escribir”.
Lídia Jorge visitou Galiza en varias ocasións convidada por institucións como a Universidade, o Consello da Cultura Galega ou a mesma AELG. Concederlle este galardón, recoñece Carlos Quiroga, tamén se fundamenta no “cariño especial” que ten por nós e que atopamos mesmo nalgún ensaio dela.
Na edición deste ano o galardón cumpre co recoñecemento á Lusofonía, algo que o seu responsábel na AELG pensa “debería ser sempre así”. Pon como exemplo os “moitos autores que nos teñen visitado, recoñecendo a raíz común e do pasado que merecen a literalidade de seren escritores galegos universais porque recoñecen na raíz galega a súa propia raíz”.”

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

Publicado por Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado.
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente.
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma.
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súas actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e  Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien.
Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos  retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
Cesáreo Sánchez lerá este manifesto na gala dos XVII Premios María Casares, que se celebrará o próximo mércores 27 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Escritoras e escritores en catalán, euskera e galego escollen Pontevedra para debater sobre literatura infantil e xuvenil

Desde Pontevedra Viva, recollido tamén por Sermos Galiza:
“O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritoras e escritores en linguas catalá, euskera e galega, escolla Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e terá en Pontevedra a súa edición número vinte e nove. Será a finais do próximo mes de outubro.
A elección de Pontevedra é debido, segundo o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a que este ano este congreso xirará en torno á literatura infantil e xuvenil, da que dixo, “Galicia é a comunidade autónoma que máis premios nacionais ten”. Serán en total nove autores, tres de cada un dos idiomas, os que participen como ponentes nestas xornadas.
O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas “se comuniquen sen intermediarios” e se analice de forma conxunta a “similar problemática” que afecta a cada unha delas. Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, celebrarase un acto lúdico-musical e varias visitas para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase de eventos abertos a toda a cidadanía.
Ademais Cesáreo Sánchez sinalou que con este tipo de iniciativas “intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra”, cidade da que valorou positivamente a súa política cultural “da que estamos especialmente orgullosos” e o seu actual modelo urbano. E é que Pontevedra xa foi sede deste congreso hai uns nove anos “e estaba todo en obras, agora que está paseable é marabillosa”.
O presidente dos escritores galegos agradeceu especialmente ao Concello de Pontevedra o seu respaldo para celebrar na cidade este congreso “porque estivo a piques de non celebrarse por falta de recursos”. Unha situación que comparou cos problemas que están tendo as literaturas periféricas “que están permanentemente sendo agredidas” pola política cultural do Goberno central.”

III Maratón de Lectura de Burela, o martes 23 de abril

“O Maratón de Lectura nacía en 2011 da man da Delegación de Cultura do Concello de Burela, mais en 2012 sería o Colectivo Cultural Buril quen collería o relevo na organización desta actividade cuxa finalidade principal é a de promover a lectura en lingua galega. As socias e socios do C. C. Buril estamos moi satisfeit@s pala alta participación acadada na pasada edición, así como polo interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, motivos estes que nos animan a realizar unha nova edición do Maratón de Lectura, que este ano celebraremos o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como ben sendo habitual, aínda que a diferenza de anos anteriores, a presente edición desenvolverase en torno a unha temática literaria específica.
Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e da cultura galegas e por iso desde o Buril queremos dedicar o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e polo asociacionismo cultural de base.
Na medida do posible e de cara a facilitar a planificación e partlcipación dos centros educativos, tentaremos manter unha distribución horaria similar á da anterior edición. Deste xeito, as dúas primeiras horas da mañá (10:00 a 12:00 h.), estarán reservadas para os centros de Educación Primaria (CEIP Vista Alegre e CEIP Virxe do Carme) e as dúas últimas horas da mañá (12:00 a 14:00 h.), reservaranse para os centros de Educación Secundaria (lES Monte Castelo e lES Perdouro). Cada centro educativo disporá de aproximadamente 60 minutos para realizar a lectura da obra ou fragmento escollido, que será lido polos alumnos e alumnas que representen ao centro na orde que estableza o propio profesorado. A nosa proposta é que os centros de primaria lean poemas de Cantares Galegos e os centros de secundaria poemas de Follas Novas, así como o limiar de calquera dos dous libros, segundo estime oportuno o profesorado.
No que se refire a asociacións e clubes deportivos, poderán escoller calquera tramo horario desde as 16:00 ás 20:30 h., en función das súas posibilidades. Unha vez establecidas as quendas de lectura de cada colectivo, poderán anotarse a título individual todas as persoas que o desexen. Tanto para colectivos como para persoas o tempo aproximado de lectura será de 5 minutos por persoa, non excedendo, na medida do posible, de 30 minutos no caso dos colectivos. As persoas e colectivos participantes terán liberdade para escolleren os textos que quixeren, sempre e cando se trate de fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores ou autoras dedicados á poeta de Padrón.
Agradecemos de antemán a súa atención e que nos comunique á maior brevidade posíbel a súa asistencia, a súa preferencia horaria e o texto escollido para a lectura. Poden pórse en contacto connosco a través do noso enderezo electrónico: ccburil@gmail.com ou ben no tfno. 616473366 (Rosana) polas tardes.
Agardando contar coa súa presenza, reciba un afectuoso saúdo.

Burela, a 8 de marzo de 2013″.

Cesáreo Sánchez Iglesias lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro nos XVII Premios María Casares

Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía de Castro para ler un texto propio no que destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano ó presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como “compañeiro de viaxe” nun momento en que a “lingua galega xoga un papel fundamental”. Ademais a xunta directiva subliña a importancia da “colaboración entre entidades vencelladas á cultura nun momento complicado para todos os ámbitos do sector” e agradécelle a Cesáreo Sánchez que acepte o convite para encargarse do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Deste xeito, o presidente da AELG únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o ex presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e, na edición de 2011, o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega.
“O teatro é testemuña e actor-activista da realidade cultural e social da Galiza. É unha arte enchoupada da alma colectiva”, explica Cesáreo Sánchez, quen sinala que no seu manifesto reivindicará o papel da escena no desenvolvemento do país. “O sector sempre participou na identidade de Galicia. Na biografía do teatro está a biografía cultural e social galega”, sinala Cesáreo Sánchez, quen lembra que “toda agresión ao teatro” supón unha “agresión contra a cultura”. Ademais, o escritor incluirá no manifestos referencias ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas. “Este 17 de maio será a celebración do teatro galego”, adianta.
Con estas premisas, Cesáreo Sánchez furará na consolidación identitaria do teatro no seu manifesto, que se poderá escoitar na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, GADISA, a Fundación AISGE ou a Fundación Autor (SGAE) implícanse nos Premios María Casares co seu apoio.”

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asinou un convenio coa Asociación Galiza co Galego

Como asociacións coincidentes no obxectivo dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega, ambas entidades acordaron que Galiza co Galego difunda as actividades, publicacións e propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e esta última porá os seus recursos á disposición de GcG e participará nas actividades educativas promotoras da cultura e lingua, dentro da Rede de Ensino Popular.
As persoas asociadas de ambas as asociacións beneficiaranse das actividades e das actuacións conxuntas que acorden.
Galiza co Galego suma así máis recursos para o ensino en galego, pois este convenio vén xuntarse aos xa subscritos coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega (NEG) e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).