O Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos terá lugar en Bos Aires en abril de 2015

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) celebrará a XI edición do seu congreso en Bos Aires os días 6, 7 e 8 de abril de 2015. (…)
A AIEG vén de tomar a decisión despois dun debate entre socios e socias buscando as datas máis acaídas para a organización do importante evento que convoca a especialistas en estudos galegos de todo o mundo.
A Asociación organizou os seus tres primeiros congresos nos Estados Unidos. Pasaría logo a Europa ao escoller Reino Unido e Alemaña como sedes. Habana e Bahia serían citas relevantes do encontro de especialistas en estudos galegos en Latinoamérica e Barcelona, a única sede estatal do congreso, cando asume a presidencia Basilio Losada. En 2009, o Congreso desenvolveuse por única vez na Galiza, con sedes na Universidade da Coruña, Santiago e Vigo.
Desta volta, a presidencia de Débora Campos, profesora na Universidade de Bos Aires e coñecida xornalista e dinamizadora dos estudos arredor de Galiza e a cultura da emigración e o exilio debeu pesar á hora de inclinar a balanza cara a capital arxentina. Ámbito de desenvolvemento dunha parte relevante da cultura galega creada por tantas persoas que tiveron no país americano o seu destino.
O traballo de investigación arredor dos estudos galegos desenvolvidos nos Estados Unidos con especialistas como Kathleen March ou González-Millán está na orixe da asociación que logo se expandiu a través dos Centros de Estudos Galegos máis os lectorados que existen ao longo do mundo.”

Salvador García Bodaño e Miguel Anxo Fernández, entre os Premios da Cultura 2012

“Un xurado formado por representantes da Xunta de Galiza, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, ademais de catro persoas do mundo da cultura, escolleron como premiados nesta edición dos Premios da Cultura Galiza a Salvador García Bodaño na categoría das Letras; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; Manuel Quintana Martelo na das Artes Plásticas; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández na modalidade de Creación Audiovisual. Estes galardóns crearonse no ano 2008 co nome de Premios Nacionais da Cultura Galega. Desde a chegada do PP ao goberno da Xunta non levan o nome de “nacionais” e non dispoñen de dotación económica algunha.” Desde Sermos Galiza.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos manifestou o seu malestar coas políticas lingüísticas e culturais

“O presidente en funcións da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), Craig Patterson, pechou o seu mandato cun informe de xestión no que sinalou a boa saúde dos ámbitos nos que se analiza a realidade galega polo mundo adiante e no que, ademais, declarou publicamente o malestar da entidade coas políticas lingüísticas e culturais de Galicia. Foi durante a celebración da décima Asemblea Xeral de Socias e Socios da entidade, que tivo lugar no marco do X Congreso Internacional da AIEG que tivo lugar na capital galesa, Cardiff-Caerdydd, entre o 12 e o 14 de setembro e no que participaron 150 investigadoras e académicos de todo o planeta, ofrecendo 120 comunicacións sobre as máis diversas temáticas.
“Cun novo clima político e nun contexto de recurtes xeralizados e menos apoio institucional, fixemos intentos infrutuosos por chegar a acordos de colaboración en diversas materias e con propósitos concretos, para o que se mantiveron reunións en San Caetano co Secretario de Política Lingüística e co Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura”, comezou o seu informe o entón presidente en funcións. Nesa liña, salientou e agradeceu o forte e permanente compromiso de colaboración do Consello da Cultura Galega e doutras institucións que funcionan tanto dentro como fóra do Estado Español, entre as que listou á Embaixada de España en Londres, o Instituto Cervantes de Londres ou a Asemblea Nacional Galesa, entre outros. Entre os logros da súa xestión, Patterson salientou a creación dunha nova páxina web para a AIEG e as posibilidades que este espazo ofrece aos máis de 150 asociados que a entidade ten en todo o mundo (…)
“Tentamos sempre manter cando non fortalecer as nosas relación institucionais. Os fortes vínculos que a AIEG mantén co Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e as universidades galegas vense nitidamente reflectidos na presenza de representantes destas entidades durante este congreso en Cardiff”, sinalou o profesor inglés. Outro panorama é o que se debuxa coas institucións oficiais. “Xa falamos da realidade que nos tocou vivir e como os xestores da única asociación de estudos galegos no mundo, unha realidade negativa tanto económica como política”, contextualizou. E engadiu: “Quede notado, entón, que non tivemos outro remedio, dadas esas circunstancias tan prexudicais para a lingua, cultura e realidade galegas que son o obxecto e enfoque da nosa disciplina tan multifacética, ca o de declarar publicamente o noso malestar coas políticas lingüísticas e culturais do goberno actual”. Patterson, que é académico correspondente da Real Academia Galega, salientou o profundo compromiso da AIEG con Galiza que “tamén serviu para xerar máis conciencia arredor da nosa organización”. “No tocantes a nosa relación coa Xunta de Galicia, mandamos varias solicitudes pedíndolle apoio económico ao congreso, e convidamos ao presidente, Alberto Núñez Feijoo, e ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a asistir a ese acto en Cardiff. Se chegaron a responder, lamentaron non poder asistir”, relatou. Aínda que a AIEG mantivo varias reunións nas que sempre atopou moi boa predisposición, “lamentablemente para a entidade, estas xuntanzas non se materializaron en apoio económico nin de outro tipo”, sinalou Patterson.
O X Congreso da AIEG desenvolveuse entre o 12 e o 14 de setembro e contou con 150 asistentes chegados de Galicia e España ademais de 11 países e 4 continentes distintos: Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Polonia, Portugal e Estados Unidos. “Quixera sobrancear a gran variedade de enfoques, perspectivas e disciplinas que se poden ver con botar unha ollada polo programa e que reflicten o estado dinámico dos estudos galegos”, compartiu. Ademais, e por vez primeira, o Congreso acolleu a celebración dun Obradoiro sobre Estudos Rosalianos, que coordinou a escritora e teórica da literatura María do Cebreiro e que contou coa participación das máis importantes expertas e expertos na obra da autora de Padrón. Durante a celebración da Asamblea Xeral saíu elixida tamén a nova xunta directiva da AIEG para o período 2012-2015, encabezada pola xornalista e profesora da Universidade de Bos Aires, Débora Campos. O XI Congreso da AIEG celebrarase en Bos Aires en 2015, ano no que se cumprirán 30 anos de AIEG.”

Débora Campos, nova presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos

“A xornalista e profesora da Universidade de Bos Aires, Débora Campos, é a nova presidenta da Asociación internacional de estudos galegos (AIEG) despois de que fose elixida na asemblea da entidade celebrada en Cardiff (Gales). Na nova dirección desta institución figura, entre outr@s, a tamén xornalista, tradutora e profesora da Universidade de Aston (Birmingham), Olga Castro. Estes días a institución que coordina os centros de estudo galegos no mundo celebrou o seu X Congreso Internacional ao redor do tema da Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Débora Campos foi membro da executiva da Asociación internacional de estudos galegos de 2009 a 2012 e en 2011 foi elixida académica correspondente da Real Academia Galega. Ademais leva o blog Fios invisibles.” Vía Sermos Galiza.

Gales: participación de María Reimóndez en dous congresos

Esta semana María Reimóndez participará nunha das conferencias plenarias do congreso internacional Tradución e culturas sen estado: perspectivas desde Gales, que se celebra o 10 e o 11 de setembro na Universidade de Bangor (Gales). A súa conferencia leva o título de: Challenging Peripheries, Minorities and Centres in Translation. Theory and Practice (Unha ollada crítica ás periferias, minorías e centros na práctica e teoría da tradución). Por outra banda, o 14 de setembro, dentro do X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, María Reimóndez participará coa conferencia Silencios que non son: o continuum lesbiano nas narradoras galegas.

Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
– 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
– 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
– 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”