Arquivos da etiqueta: Berta Cáccamo
Falece aos 71 anos o escritor Alfonso Álvarez Cáccamo
Desde Nós Diario:
“O escritor e profesor vigués Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo, 23 de outubro de 1952 – 4 de marzo de 2024) faleceu na tarde da segunda feira aos 71 anos de idade no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde, segundo puido saber Nós Diario, levaba semanas ingresado por mor dunha enfermidade. Salientou como autor cultivando diferentes xéneros como a novela, o relato ou o ensaio, destacando especialmente como narrador, e no seu haber contaba con múltiples distincións como o Premio Xerais de Novela, o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa ou o Premio de Novela Café de Catro a Catro.
Álvarez Cáccamo cursou os estudos de Filoloxía e Maxisterio e exerceu como profesor no CPI de Panxón, en Nigrán (comarca de Vigo), até que se xubilou hai xa unha década após 35 anos dedicados á docencia. Era fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, de quen traduciu ao galego dúas obras —Na vila hai caras novas e Enchen as augas— e irmán dos tamén escritores Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, da pintora Berta Cáccamo e mais da asistente de clínica —xa xubilada— Elena. (…)
Nunha entrevista gravada no museo MARCO de Vigo en 2009 e recollida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Álvarez Cáccamo apuntaba ao seu contexto familiar como “decisivo” para decidirse a escribir, mais apuntaba igualmente ao seu gusto polas artes plásticas que tamén cultivou profesionalmente a súa irmá Berta: “Non só comecei a escribir moi noviño, senón tamén a debuxar, dúas afeccións que levo moi intimamente ligadas. Se tivese que escoller, non sei cal me reconfortaría máis”.
“Desde moi pequeno, ademais do pracer de escribir e de contar as cousas que me arrodeaban, tamén era o propio pracer táctil de coller o lapis e facer frases; mesmo facer uns libriños o meu irmán e eu que logo grampabamos”, engadira naquela conversa, incidindo na súa enorme paixón pola escrita.”
Vigo: mesa redonda arredor da exposición Berta Cáccamo: Papeis 1988-2018
O 4 de xaneiro, ás 18:00 horas e ás 19:30 en segunda quenda, na Galería Trinta (Rúa da Virxe da Cerca, 24), en Santiago de Compostela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos López Bernárdez e Juan de Nieves, integrantes do Legado Berta Cáccamo, participarán nunha mesa redonda na que explicarán a tarefa que, como albaceas da obra da artista, asumiron co obxectivo de revitalizar o coñecemento do seu traballo e situalo no panorama galego, estatal e internacional. Así mesmo, manterán unha conversa arredor de diferentes aspectos relativos á obra de Berta.
Juan de Nieves, comisario da exposición Berta Cáccamo. Papeis 1988-2018, aproveitará a ocasión para realizar unha visita guiada da mostra, que supón un percorrido polos trinta anos de traballo da artista e unha reivindicación da importancia que o debuxo e a obra sobre papel tiñan para ela.
A capacidade do espazo é limitada, polo que as persoas interesadas deben anotarse no mail trinta@trinta.net ou Whatsapp / teléfono 657914540.
Vigo: presentación de Enteiramente pintado, sobre Berta Cáccamo
Compostela: homenaxe a Berta Cáccamo, In memoriam
Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (V)
A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Premio na categoría de Literatura Infantil: A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia):
– Premio na categoría de Literatura Xuvenil: Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia):
– Premio na categoría de Libro ilustrado: Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora):
Obras gañadoras dos Premios da III Gala do Libro Galego
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada este sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.
Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporaron novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades diferenciadas, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.
En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.
OBRAS EDITADAS EN 2017
Ensaio e investigación
– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.
Divulgación
– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.
Narrativa
– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.
Infantil
– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.
Xuvenil
– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.
Libro ilustrado
– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.
Libro de banda deseñada
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.
Iniciativa bibliográfica
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.
Tradución
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.
Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.
Teatro
– Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.
Libro mellor editado
– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Viñetas desde o Atlántico.
O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.
Proxecto literario na rede
– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.
Xornalismo cultural
– Ana Romaní.
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.
O xurado quere facer constar que, pese a un escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, brilla, mesmo así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego.
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005.
A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.
A Gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa actuación musical do grupo A Banda da Loba.
O xurado estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.
A Gala do Libro Galego 2018 contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Pontevedra: Teñamos a poesía en Paz, con Lara Dopazo Ruibal, Xosé María Álvarez Cáccamo e Berta Álvarez Cáccamo
Vigo: presentación de Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo e Berta Cáccamo
O sábado 13 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo, con ilustracións de Berta Cáccamo, publicado por Chan da Pólvora.
Compostela: presentación de Tinta de luz, de Pepe Cáccamo
A sexta feira 15 de decembro, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase Tinta de luz, de Pepe Cáccamo e Berta Álvarez Cáccamo, publicado por Chan da Pólvora, co que estrea a colección Udra de poesía para nenos e nenas.