O Escritor na súa Terra: Nacho Taibo. Oleiros, 2018

O Escritor na súa Terra: Nacho Taibo. Oleiros, 2018.
Co apoio do Concello de Oleiros, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

SOCIO DE HONRA DA AELG. Letra E 2018 – Oleiros

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Nacho Taibo, que será homenaxeado en Oleiros, terra na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Alejandra Sampedro), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido polo propio autor) e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA DE ACTOS

SÁBADO 16 DE XUÑO
11:30 Rúa María Soliña, Santa Cruz (Oleiros)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólica do escritor)
12:30 Salón de actos do Castelo de Santa Cruz (Oleiros)
Acto de entrega da “Letra E”
14:30 Hotel As Galeras (Rúa Antonio J. de Sucre, 17, Bastiagueiro-Oleiros)
Xantar de confraternidade.
Pode descargarse o programa completo aquí.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VI)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións nos premios ás seguintes traxectorias:

Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.

Premio ao Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/

Xornalismo Cultural: Ana Romaní

Isabel-Clara Simó: “En Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid”

Entrevista de Daniel Salgado a Isabel-Clara Simó en Sermos Galiza (foto de Laura R. Cuba):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que lle di recibir un premio que se chama Escritora Galega Universal?
– Isabel-Clara Simó (ICS): Déixame patidifusa, atónita e dáme moita seguridade en min mesma. É estupenda.
– SG: E o feito de que a declaren Galega Universal?
– ICS: Iso paréceme moi normal. Os galegos por definición sodes universais, uns dos grandes emigrantes do mundo.
– SG: Mantén relacións coa literatura galega?
– ICS: Antes si.
– SG: Na época do semanario Canigó?
– ICS: En Canigó e tamén en Galeusca. Pero cando rematou Galeusca, os contactos fixéronse menores.
– SG: Con que escritores ou escritoras?
– ICS: Eu son moi antiga e son moito da Xeración Nós. Encántame. Este home gústame [sinala o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, que asiste á entrevista]. Pero non quero dicir máis nomes.
– SG: As literaturas non castelás do Estado español parece que teñan que pasar sempre por Madrid para se relacionar…
– ICS: Xa non, iso é antigo.
– SG: Vostede cre?
– ICS: Polo menos desde a literatura catalá. Antes, se te traducían ao francés ou ao inglés, tiñas que pasar polo castelán. Agora xa non. Tes contactos directos. Non sei que está pasando na Galiza nin en Euskadi. Pero en Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid.”

Crónica fotográfica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

Estas son algunas das fotografías da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018, que tivo lugar o pasado sábado 26 de maio en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 terá lugar o sábado 26 de maio, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.

No acto, conducido por Antonio Reigosa, participan Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Marica CampoLois Pérez que lerá a laudatio de Luz Fandiño, e Antonio Reigosa, quen será o encargado de ler a laudatio de Manuel Pazos, Pazos de Merexo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos, Pazos de Merexo. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións terá lugar na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Luz Fandiño

Fotografía: Nós Televisión/YouTube

Nacida en Compostela en 1931, boa parte da súa vida pasouna na emigración, primeiro na Arxentina, país no que residiu desde os 21 anos ata 1952, e logo en Francia ata 1979. É escritora e activista social e cultural en permanente compromiso coa lingua, co feminismo e coas causas dos desfavorecidos, amais de autora de dous libros de poemas: Farangulliña de neve (1998) e O pracer de envellecer (2014).
Na emigración en Arxentina, a pesar de seren anos duros para ela, descobre a poesía de Rosalía de Castro e a de Cabanillas, e o galego como lingua literaria.
En París descobre un país, o seu, e toma conciencia e participa nos movementos sociais da convulsa Europa daqueles anos. Todas esas experiencias están reflectivas na súa obra de creación e no seu afán por divulgar o que sente pola matria e pola lingua.

Manuel Pazos, Pazos de Merexo

Fotografía: Turismo de Carballo

Naceu o 9 de maio de 1926 en Merexo, concello de Muxía. Acaba, por tanto, de facer os 92 anos. Pazos é o último grande músico do acordeón diatónico da Costa da Morte, o grande mestre tamén da memoria de todas as “palilladas”, bailes e pandeiretadas que aconteceron nesa banda do mundo dende as primeiras décadas do século XX.
A súa memoria abrangue tamén todos os saberes da cultura tradicional, e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio (ao que se dedicou como todos os veciños da zona) durante a II Guerra Mundial. Ë protagonista do libro-disco Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, e recibiu varias homenaxes.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (II)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe esta intervención:

Premio á Escritora Galega Universal: Isabel-Clara Simó:

Entrevistas con Isabel-Clara Simó no Zig-zag e no Diario Cultural

“Nesta Gala do Libro, a escritora catalá Isabel-Clara Simó recollerá o Premio de Escritora Galega Universal. Ela declarouse moi feliz con este recoñecemento que, segundo os seus promotores, pretende ser un acto de amor fraterno coa lingua e co compromiso ético que encarna a escritora premiada.
Aquí pode verse a entrevista á autora no programa Zig-zag, e nestoutra ligazón a entrevista no Diario Cultural.

IES Xosé Neira Vilas, Perillo (Oleiros): Programa das xornadas dedicadas a Nacho Taibo, o 24 e 25 de maio

O IES Xosé Neira Vilas de Perillo, Oleiros (Rúa Xosé Neira Vilas, 3), vai homenaxear a figura de Nacho Taibo, con motivo da próxima edición do Premio Escritor na súa terra – Letra E. O programa é o seguinte:

Xoves 24 de maio
11:20 a 12:10 h. Mesa Nacho Taibo, a historia que agroma nos relatos. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Xosé Manuel Martínez Oca, María Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 4º e 1º de Bacharelato.
12:30 a 13:20 h. Mesa De narrador a narrador: Xián Alcayde Dans entrevista a Nacho Taibo. Interveñen Xián Alcayde Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 1º ESO.

Venres 25 de maio
10:30 a 11:20 h.. Mesa “Encontro de Nacho Taibo cos lectores de As boas familias”. Intervén Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 3º ESO.
11:20 a 12:10 h. Mesa Encontro do profesor cos compañeiros. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Pepe Couce, Ana Crego, Eduardo Álvarez, Xosé Manuel Fraguela e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 2º ESO.

Escritora Galega Universal 2018: Isabel-Clara Simó

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con motivo da súa estadía, terá lugar un encontro cos medios de comunicación a sexta feira, venres, 18 de maio, a partir das 12:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela. Posteriormente, ese mesmo día 18, ás 19:00 horas, manterá un coloquio aberto ao público en xeral na propia Libraría, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.

Pontevedra: presentación do monográfico Renacer á descuberta das palabras. María Victoria Moreno