Noia: programa da VII semana da Historia de Noia. Homenaxe a Manuel Fabeiro Gómez

CARTEL_FABEIRO

Compostela: presentación de O traxe tradicional galego, de Clodio González Pérez

O venres 4 de abril, ás 19:30 horas, na Asociación do Traxe Galego (Rúa Hórreo, 19, Galerías Viacambre, local 57-58), de Santiago de Compostela, preséntase O traxe tradicional galego, de Clodio González Pérez, publicado por Nigra.

Xosé Antonio López Teixeira gaña o Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“A Casa da Cultura do concello de Porto do Son acolleu o acto do fallo do Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013, que organizan conxuntamente a editorial Toxosoutos e os Concellos de Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son dende o ano 2001.
O xurado do premio, formado por Henrique Monteagudo, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo, Ana Isabel Boullón, Pedro García Vidal e Olga Novo, decidiu por maioría entregar o premio á obra presentada baixo o lema Códice Calixtino, de Xosé Antonio López Teixeira. A obra gañadora deita unha ollada na historia de Galicia baseada nos documentos e afastada da visión habitual da historiografía española asentada por Menéndez Pidal. Salientan o coñecemento e a crítica da bibliografía existente e mais a exposición argumentada e documentada dunha tese que refuta o lugar común de considerar a Xelmírez como o principal axente político do sei tempo, para outorgarlle este papel a Pedro Froilaz, o conde de Traba, como cabezaleiro dunha clase aristocrática que tivo un maior protagonismo no desenvolvemento do reino de Galicia do que é adoito outorgarlle. (…)”

Olga Novo gaña o XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal

Desde Toxosoutos:
“O xurado do XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, composto por Henrique Monteagudo, Clodio González, Xerardo AgraFoxo, Pedro G. Vidal e Antonio Rey concedeu o premio a Olga Novo polo seu traballo Leda m’ and’ eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria, centrado nos textos líricos da escola trobadoresca, que aborda os contidos de xeito multidisciplinar, manexando instrumentos da historia social, do dereito e da antropoloxia histórica. Trátase dunha obra que busca coñecer a alma da Galicia medieval, enmarcada no Occidente europeo, por medio da súa concepción do mundo erótico e da realidade das súas prácticas. Analiza a historia da sexualidade desa época, a súa repercusión socio-política e mental, a oposición de xéneros nos diferentes grupos da poboación, a participación do pracer transgresor e das súas formas e códigos na cultura dun pobo, incluídas a marxinalidade e a obscenidade. Falamos dunha cultura de dobre moral, de intención relixiosa e controladora, que este estudo explica de maneira interdisciplinar, politemática, ampla e seria, pero detallada nas ideas (mesmo filosóficas) e documentada con especial precisión nos textos líricos galego-portugueses con toda a súa diversidade.”

Noia: entrega do XI Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal

O sábado 28 de abril, ás 13:00 horas, na Igrexa de Santa María a Nova (Carreiriña do Escultor Ferreiro s/n) de Noia, terá lugar o acto de entrega do XI Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal correspondente ao ano 2011. Presentarase a publicación do traballo gañador, A nobreza na lírica medieval galego-portuguesa, de Antonio Rey Somoza, acto en que o autor estará acompañado polo académico Henrique Monteagudo, presidente do xurado e os demais membros: Pedro García Vidal, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo e Marcos F. Ferreiro.