Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte arredor de Rastros con enrugas, publicado por Corsárias. A entrevista completa pódese escoitar aquí.”
Arquivos da etiqueta: Corsárias Editora
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía ten que proclamar alto e claro que nos están aniquilando”
Entrevista de Carme Vidal a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A que responde o título Rastros con enrugas (Corsárias, 2014)?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Rastros fala dun protagonismo colectivo, da explotación laboral desde a perspectiva das vítimas. Co concepto rastros fronte a rostros quérese sinalar a invisibilidade das vítimas. Só hai dous nomes propios no libro, o da percebeira Mercedes Veiga que morreu por non ser atendida a tempo e o do indixente O Pichón que apareceu morto na súa casa. Do resto, todos son sen nome. Se nun hospital, de repente, desaloxan os enfermos; se un comercio ou unha fábrica pecha… esa xente desaparece. Para enfatizar a invisibilidade das vítimas emprego o concepto de rastros, como as marcas sobre a terra, que tamén fala do asoballamento por parte do capital que trata ao ser humano coma unha lesma. Son as pequenas pegadas das vítimas que se invisibilizan mais están aí. (…)
– SG: A poesía cumpre, ao seu ver, ese papel de denuncia?
– XCDA: Defendo que a poesía cumpre unha función moi acaída nese sentido, para min é como unha inxección de adrenalina en vea que ten unha dobre particularidade. A primeira é o seu efecto inmediato, unha carga de profundidade directa á intelixencia e a segunda é o seu valor duradeiro. O libro de poesía permíteche múltiples lecturas e relecturas e non se esgota nunca. Unha novela remata cando se le, a poesía é distinta en cada nova lectura. Se me pediran que escollera só un libro para levar a unha illa deserta sería, seguro, de poesía, por esa condición de obra de multitude de lecturas. (…)
– SG: A literatura ten, en certa medida, obriga de transparentar o sofrimento da súa época?
– XCDA: A función do escritor é ser testemuña do seu tempo. No libro aparecen moitas citas de autores e autoras aos que sigo e estimo. Son autores que, sen dúbida, están comprometidos coa realidade do seu tempo desde Sarrionandia ate Mahmud Darwix e en todos eles dase esa mesma vontade. Quedan aínda escritores qu enon fuxen desa realidade aínda que haxa tamén moitos que se evaden en torres de cristal ou que se deixan suavizar polos bálsamos e pequenas tentacións que lle ofrece o poder. Para min, o intelectual ten que estar comprometido e ser crítico, se non non é intelectual. (…)
– SG: Malia iso, o libro non é pesimista. É a vontade de reaxir a que o impide?
– XCDA: Non comparto a visión desde a nostalxia, o paraíso perdido que é como aceptar a denuncia, a derrota. Dado o meu carácter vital e comprometido non podo compartir esa posición. Son contraposto á rendición e, nese sentido, unha máxima que teño sempre presente é a de “denantes mortos que escravos”. O compromiso é loita e movemento e non pode claudicar, renunciar, ningún intre da nosa existencia.”
Vigo: presentación de Rastros con enrugas, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Compostela: presentación de Rastros con enrugas, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
A Coruña: presentación de Crónica do chan, de Alberto Lema
Taboleiro do libro galego XXVII (outubro 2014), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis chegan as referencias ás novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo do pasado mes. O meu agradecemento ás once librarías colaboradoras que, cos seus datos, constrúen estas listaxes: Paz, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Librouro, Aira das Letras e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, Xerais.
4º-. 55, de Xavier Queipo, Xerais.
5º-. Olympia Ring, 1934, de Xabier López, Galaxia.
6º-. Jude o escuro, de Thomas Hardy, Hugin e Munin (tradución Mª Fe González).
POESÍA
1º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
2º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar, Tirar do fío Edicións.
4º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
5º-. Crónica do chan, de Alberto Lema, Corsárias.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
2º-. Bibliotecarias e bibliotecarios infames, de F. X. Redondo Abal, Laiovento.
3º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
XUVENIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais.
2º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
3º-. O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, Xerais.
4º-. O Gran Reino, de Eduardo Santiago, Xerais.
5º-. Debuxos no muro, de Aurora Ruá, Galaxia.
INFANTIL
1º-. Miau, de Antonio Rubio e Óscar Villán, Kalandraka.
2º-. Nicomedes o pelado, de Pinto & Chinto, Kalandraka.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera e María Noel Toledo.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Cidade de Cristal, de Paul Auster, El Patito Editorial (adaptación ao cómic: Paul Karasik; debuxos: David Mazzucchelli; tradución: Xavier Queipo).
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
Samuel Solleiro: “Teño, co punk, unha relación de amor-odio. Se cadra foi unha cultura sobrevalorada”
Entrevista de Montse Dopico a Samuel Solleiro en Magazine Cultural Galego:
“Que escritor sería quen de publicar un libro vello que, ao revisalo despois de anos na neveira, lle parece, nalgunha das súas partes, horrendo? E ademais de editalo sen volver a escribilo, como unha polaroid do que foi unha etapa creativa pasada? Non moitos. Pois Samuel Solleiro é un deles. Punk (Corsárias), é un poemario que escribiu hai tempo. Dun xeito que hoxe non o faría nunca. Pero que adianta moitas cousas que despois desenvolveu Gran tiburón branco. Ademais, non hai nada máis punk que publicar un libro no que o autor se cuestiona a si mesmo dese xeito. Falamos con el desta obra, chea de humor.
– Montse Dopico (MD): Punk é, segundo explicas no propio texto, outro libro sobre o paso do tempo. Con algo de parodia sobre os libros sobre o paso do tempo.
– Samuel Solleiro (SaS): É un libro que escribín, na súa maior parte, cando tiña 25 anos. Falaba sobre iso, sobre o paso do tempo, sobre a nostalxia de envellecer, visto desde a perspectiva de cando tes 25 anos. Claro que, enfocado desde hoxe, pode facerse unha lectura paródica. Pero non por iso deixa de ter, creo, algo de verdade. (…)
– MD: Falar do paso do tempo non é máis que volver a un dos grandes clixés da literatura clásica, o do “tempus fugit”. Ao final vas ser un clásico.
– SaS: Non é que queira eu asumir iso de que só existen uns poucos temas universais. Sempre é todo máis complexo. Pero si creo que hai temas que interesaron sempre e que van seguir interesando. E eu quixen tratar o tema do paso do tempo, pero sen o patético. Facelo da forma máis emotiva posible, pero o máis afastada posible do sentimental. Poden parecer o mesmo termo, pero para min non o é. O problema destes temas é cando se solidifican, se converten en só estereotipos, e se pasan ao patético. É como o tema do sexo, que xerou o seu propio léxico e as súas propias expresións, de maneira que é moi difícil saír delas e hoxe en día parece que non funciona xa como tema: en realidade non poden non funcionar temas como eses, pero hai que saber desprenderse dos lugares comúns e non é nada fácil. (…)”
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.