Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“”Os dous, da terra lonxe / andamos e sufrimos, ¡ai de min! / Mais ti tan sóio te recordas dela, / i eu, dela e mais de ti. // Ambos errantes polo mundo andamos / i as forzas acabando van. / Mais, ¡ai!, ti nela atoparás descanso, / i eu tan sóio na morte o hei de atopar”, escribe Rosalía de Castro no poema Tan sóio, case na fin do impresionante Follas Novas (1880). Deste poema extraeu Daniel Asorey a idea e a inspiración para redactar o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2020. Ao longo desta fin de semana, o texto lerase en innúmeros actos de conmemoración do 183 aniversario do nacemento da poeta.
“Eu sempre escribo das mesmas cousas, e obsesióname a idea da necesidade do ser humano de marchar”, explica Asorey a Nós Diario, “e neste contexto de persecución dos migrantes, de xenofobia e coa irrupción moi forte da ultradereita, pensei que había que escribir contra ese bulldózer do odio e do medo”. O discurso comeza co verso “ambos errantes no mundo andamos” -escollido como palabra de orde para a programación da AELG na efeméride- e afirma: “Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra”.
“Aproveito que Rosalía de Castro é marabillosa e serve para case todo”, sinala Asorey, “e así falar contra o medo que espalla a ultradereita e de que cada un debe escoller a súa identidade”. Esta última cuestión está directamente relacionada co seu primeiro libro de poemas, Transmatria (Xerais, 2019, premio Johán Carballeira o ano anterior).
“Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes no mundo”, continúa o Manifesto, “a súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos”. A errancia e o nomadismo contra o dereito de sangue que adoitou defender historicamente a reacción, vén dicir o escritor, que pretende conxurar a ameaza neofascista.
“Cada un e cada unha debe buscar o seu camiño, e todas somos errantes”, entende Asorey, que no texto di: “Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para semore palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante no mundo”.
A AELG encarga cada ano a escritura do texto polo Día de Rosalía a un autor ou autora. “Para min foi unha honra moi grande que pensasen en min, cando hai xente moito máis valiosa que podería facelo mellor”, asegura. Contra o seu tramo final, o manifesto exprésase así: “É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente […] Errantes no mundo e sempre libres!”.”
Arquivos da etiqueta: Daniel Asorey
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2020
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2020 no Panteón de Galegos Ilustres, que tivo lugar o domingo 23 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Compostela: presentación de Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas
Premios da Crítica Galicia 2019
Pontevedra: Os vermús de Pinto e Maragota, con Daniel Asorey
Daniel Asorey: “Ningún dereito conquistado está garantido para sempre e a vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres”
Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“(…) – Praza (P): As mulleres da fin do mundo e Transmatria apelan, no fondo, ao mesmo: unha (trans)matria sen discriminacións nin violencias de xénero (nin binarismos obrigatorios). Foron escritos os dous libros máis ou menos ao mesmo tempo? En que sentido forman parte dun mesmo proxecto?
– Daniel Asorey (DA): Na verdade, a novela As mulleres da fin do mundo é un proxecto que comezou moito antes, aínda que ambas as dúas obras, novela e poemario, concluíron nun momento semellante no 2018. A novela levoume nove anos, pois comecei a escribila no 2010, ante determinadas cousas que estaban a acontecer, que acababan de acontecer ou que sabiamos que viñan de acontecer. Estou pensando por exemplo en wikileaks, que ese ano adquiriu repercusión mundial ao desvelar certos crimes de guerra dos EUA.
Alén diso, a crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas, lembremos a posible caída do euro ou frases que se atribuíron a Ben Bernanke, daquela presidente da Reserva Federal, nas que afirmaba que no 2008, coa caída de Lehman Brothers, o mundo estivera piques do inferno, facendo súa tamén aqueloutra frase allea de que “un capitalismo sen quebras é como unha cristiandade sen inferno”.
E iso fíxome reflexionar e decidir escribir unha novela coral sobre ese mundo en decadencia, sobre ese precipicio. Sobre a que talvez fose a quebra final do capitalismo. Alén diso, é verdade que nas dúas obras se soña cunha utopía, cun lugar onde se varran as discriminacións de xénero. Tamén se fala das fronteiras e se focaliza a atención en determinadas minorías sexuais ou étnicas.
En certa maneira, eu creo que ás veces certas escritoras ou escritores temos determinados temas sobre os que escribimos, talvez mesmo escribamos a mesma obra durante toda unha vida. E, neste caso, Transmatria e As mulleres da fin do mundo comparten temas e posúen puntos de vista semellantes, independentemente de seren dous xéneros literarios distintos. Para aclaralo, Transmatria foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo. (…)
– P: Transmatria e As mulleres da fin do mundo permiten albiscar un final “feliz”, malia ser finais abertos. Nordeste era máis pesimista…
– DA: Non imos desvelar os finais das obras. Eu son pesimista porque creo naquilo tan repetido de que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez hai unha diferenza entre esas obras, en Nordeste pretendía fabular sobre unha República Galega nacida da Revolta Irmandiña e enfrontar ao lector coas súas posibles contradicións. En As mulleres da fin do mundo e en Transmatria, o proceso é inverso, presento esa realidade que un crítico cualificou como distopía inminente e decido chamar á revolta. Seguramente son demasiado inxenuo, pero escribir tamén é soñar.”
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 2 de agosto
O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Coloquio sobre feminismo coa participación de Inma López Silva.
– 18:00 h. Xavier Seoane asina Threnói na caseta de El reino de Cordelia.
– 18:00 h. Crearte: con Charo Pita, Fábulas no berce.
– 18:00 h. Cándido Paniagua Pousa asina O caderno de erros, publicado por Edicións do Peirao, na caseta da Libraría Nobel A Coruña.
– 19:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Daniel Asorey asina na Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Presentación de Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luísa Martínez Lorenzo, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia. Con Berta Dávila.
– 19:45 h. Presentación de O soño da serpe, de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. Con Andrea Maceiras.
– 20:00 h. El primo Ramón asina Novo Mundo na caseta da Libraría Moito Conto, publicado por Bululú, na caseta de Alvarellos Editora.
– 20:00 h. Aleixandre Lago Barcala asina Cartafol de miraxes
– 20:30 h. Presentación de Extraordinario, de Antón Lopo, publicado por Galaxia. Con Carlos Lema.
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2019
Na Galería das Letras do Festigal 2019, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:
– 17:00 h. Presentación de As Casas, de Carlos Lixó, publicado por Espiral Maior. Participan: Carlos Lixó, autor, e Marta Dacosta, escritora.
– 17:30 h. Presentación da Obra teatral de Manuel María, editada pola Casa – Museo Manuel María. Participan: María do Pilar García Negro, responsábel da edición, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
– 18:00 h. Presentación de Infamia, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. Participan: Ledicia Costas, autora, e Suso de Toro, escritor.
– 18:30 h. Presentación de Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), número 100 da Revista Terra e Tempo, 2019. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: María do Pilar García Negro, Presidenta da federación Galiza Cultura e membro do Padroado da Fundación Terra e Tempo; Pilar Allegue. Ex secretaria de Amigos da Cultura de Pontevedra e do Club de Amigos da Unesco e Nemésio Barxa. Cofundador e Ex presidente da Agrupación Cultural Auriense e Ex presidente da Asociación Cultural de Vigo.
– 19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. Participan: Antía Yáñez, autora, e Miriam Beizana, escritora.
– 19:30 h. Presentación de Transmatria, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Xerais. Participan: Daniel Asorey, autor, e Susana Sanches Arins, escritora.
– 20:00 h. Presentación de Fóra de si, de Suso de Toro, publicado por Xerais. Participan: Suso de Toro, autor, e Ledicia Costas, escritora.
ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
A partir das 16:30 horas con:
– Carlos Callón.
– Ana Pillado.
– Manuel Monge.
Carballo: actividades destacadas do 11 de xullo na Praza dos Libros 2019
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o 11 de xullo, destacamos os seguintes:
– Toda a mañá. Pasarrúas infantil arredor do libro A música da auga, de Anxo Moure, con Servando Barreiro.
– 12:30 h. Pregón a cargo de María Reimóndez. Coa actuación da Banda de Gaitas de Carballo.
– 18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Conversa de autoras. María Canosa e Concha Blanco falarán sobre as súas obras Caderno de lúas (Bululú) e Macedonia de versos (Aira). Modera Santiago Garrido.
– 21:00 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Presenta Manuel Rey Pan.