Diego Conde, gañador da IX edición do premio de ensaio Manuel Murguía

Desde a Deputación da Coruña:
“Diego Conde é o gañador do IX Premio de Ensaio Manuel Murguía coa obra Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia. O traballo de Conde alzouse co premio do xurado despois de estudar os 24 exemplares presentados este ano, o que supón unha nova marca de participación multiplicando por dous a anterior marca.
O xurado, cuxo comisario é Elisardo López Varela, reuniu a Rosario Sarmiento, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Xosé Ramón Freixeiro Mato. O tribunal sinalou na súa acta que o traballo premiado “ofrece unha información completa sobre o papel que cumpre a vaca na historia social e económica galega. Por tanto, a temática que trata é de grande interese para o conxunto da comunidade”.
O premio de Ensaio Manuel Murguía está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. “A obra destaca pola súa boa estruturación e polo rigor metodolóxico, cunha ampla documentación bibliográfica”, explicou o xurado, para engadir que “destaca a boa presentación, enriquecida coa incorporación dun amplo abano de gráficas e imaxes ilustrativas”. Outro dos puntos destacados polo xurado foi “o estilo áxil e fresco co que está escrita a obra, de grata e amena lectura para un público amplo, sen perder o rigor investigador”. (…)”

A AELG inicia o programa de actividades do Día de Rosalía de Castro

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou convocar un ano máis á celebración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, recollido oficialmente pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
A AELG promoverá unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora.
Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, este ano convocaranse aos centros de ensino de toda Galiza para realizaren nos propios centros de ensino, ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, actividades como murais, graffitis, debuxos de poemas, iconografía da nosa escritora…, para despois seren gravados ou fotografados e pendurados na web e redes sociais da AELG.
A AELG vén solicitando desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 28, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña. A AELG seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda. Así mesmo pediralles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
A AELG convocará a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Ponteceso: actividades do Outono Pondaliano 2013

A Coruña: presentación de María Balteira. A soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio, de Manuel Romay López

O mércores 16 de outubro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Provincial da Coruña (Rego de Auga, s/n.), preséntase o libro María Balteira. A soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio, de Manuel Romay López, publicado pola Deputación da Coruña. no acto, xunto ao autor, participa Demetrio Fernández López.

Reo, de Xesús Fraga, recibe o IX Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Reo de Xesús Fraga gaña o IX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Este recoñecemento ten coma obxectivo destacar as mellores obras de literatura infantil e xuvenil escritas en galego e está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada.
O tribunal destacou a obra de Fraga entre os 34 traballos presentados por “escoller unha temática actual e unha linguaxe directa para rescatar valores”. Ademais, o xurado valorou a forma elixida polo autor autor para “falar da identidade dun rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana”.
Os membros do xurado tamén deixaron constancia de que a obra gañadora está de plena actualidade: “Reo contén interesantes reflexións sobre a realidades dos xoves dos nosos días”. O equipo de profesionais encargados de decidir o fallo reuniuse esta mañá na sede provincial co comisario do premio, Pedro Ramos, e estivo formado por Mercedes Uría, Begoña Llamosas, Javier Pintor, Paz Castro e Fernando Molezún. (…)”

Xosé Manuel Pacho Blanco e Zé Paredes, gañadores do premio Rafael Dieste coa obra Teatro, ou Xeitos de Cargar Unha Arma

Desde a Deputación da Coruña:
Xosé Manuel Pacho Blanco e Zé Paredes, coautores da obra Teatro, ou xeitos de cargar unha arma, son os gañadores da XVI edición do premio de teatro Rafael Dieste convocado pola Deputación da Coruña.
O xurado, reunido esta mañá na sede da institución provincial, salientou que o texto gañador “traballa con argumentos do presente con dous planos nos que incorpora a ironía e o sarcasmo”. Ademais, segundo se reflicte na acta, “é unha obra en clave xeracional con personaxes que parodian actitudes da vida cotiá”. Ademais, tamén destacan o feito de que a obra “establece un contrapunto entre as instrucións de montar unha arma e a comedia dos protagonistas”.
Os dous gañadores, afincados en Ourense e Santiago, respectivamente, recibirán unha dotación económica de 6.500 euros e a posterior edición da novela.
Pacho Blanco acumula con este dous premios culturais da Deputación, xa que no ano 2007 foi o gañador do Torrente Ballester de narrativa, premio decano da institución provincial coruñesa, coa obra A choiva do mundo.”