Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos en Mariñán

Desde a Deputación da Coruña:
Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos no marco das últimas Residencias Artísticas Mariñán deste exercicio 2022. Trátase das Residencias dedicadas a Literatura e Pensamento, que lles permitirá ás catro persoas seleccionadas traballar sobre os seus respectivos proxectos e desenvolver o plan de traballo que presentaron nas súas memorias de selección.
Ao igual que na estadía do mes de xullo destas mesmas Residencias, tamén nesta ocasión se programan dúas actividades complementarias e abertas ao público en Betanzos. A primeira terá lugar o venres 9 de decembro na Libraría Biblos ás 19:30h e estará encabezada pola escritora Teresa Moure; mentres que a segunda terá lugar o mércores 14 na Fundación CIEC e o escritor convidado será Xesús Fraga. (…)
No mes de xullo xa desenvolveran a súa estadía en Mariñán Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Agora, e ata o vindeiro 16 de decembro, está a ser a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, na modalidade de Literatura, e de Abraham Pérez Fernández e María Marco –en substitución de Xerardo Pereiro Pérez, que renunciou por motivos laborais– na de Pensamento.”

Roteiro pola vila de Porto do Son. Da metáfora ao oxímoro, con Patricia Torrado Queiruga, o 17 de decembro

O Roteiro pola vila de Porto do Son. Da metáfora ao oxímoro, guiado por Patricia Torrado Queiruga, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Porto do Son.
Con esta actividade a AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro será publicado para a súa descarga libre na propia páxina web da AELG.

O roteiro terá lugar o sábado 17 de decembro, a partir das 11:00 horas, tendo como punto de saída o peirao de Porto do Son, baixo a estacada. Será gratuíto para todas as persoas interesadas, ás que animamos a inscribirse previamente enviando un correo electrónico co seu nome e apelidos a oficina@aelg.org, dado que as prazas son limitadas.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.