Obradoiro “Creador@s do mundo que apañamos”, con Antía Yáñez, en Oleiros

O Obradoiro Creador@s do mundo que apañamos é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Oleiros.

De todo se pode facer unha historia. Non fai falla ter a idea máis asombrosa, nin as palabras máis belas, nin a inspiración na punta dos dedos. O cotián como base, as gañas de contar como seguinte paso. Neste obradoiro poderás iniciarte tanto na escrita do relato e microrrelato como no difícil camiño que é a procura da imaxinación. Os mesmos sucesos poden ter mil e unha olladas diferentes. Imos atopar a túa.

– Impartido por Antía Yáñez, e cunha sesión maxistral a cargo de Anna R. Figueiredo.
– Oito sesións de horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:
* 16 e 23 de outubro.
* 6, 13, 20 e 27 de novembro.
* 11 e 18 de decembro.
– Terá lugar na Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo (Rúa Regos, 24, C. P. 15173. Urbanización Os Regos-Oleiros).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
– A inscrición, gratuíta, pode realizarse no correo electrónico oficina@aelg.org

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: Xornada A Cultura é un dereito. Feminismos e creación contemporánea na Galiza

Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual, gaña o XX Premio de Teatro Rafael Dieste

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Sophie non é o meu nome de guerra foi escollida esta mañá polo xurado como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Roberto Pascual Rodríguez. O autor é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
O xurado estivo composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes, e escolleu por unanimidade a obra Sophie non é o meu nome de guerra entre as 54 presentadas. Na reunión tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente do xurado e a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria.
O xurado salienta que “se trata dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina”. Tamén indica que “aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller”. O fallo do premio valora ademais que “a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa”. Doutra banda, á hora de escoller a obra puxeron en valor que “resulta de especial interese por transcorrer a acción na actualidade e nunha cidade galega”. (…)”