Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra A tribo do mar, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada “por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración”. Tamén anota que A tribo do mar está narrada “cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada”. (…)”

A Coruña: presentación de Últimas tardes con Xohana, de Xohana Torres

O 3 de outubro, ás 19:30 horas, preséntase Últimas tardes con Xohana, de Xohana Torres, publicado por Engaiolarte. No acto participan Pepe Puga, editor de Engaloiarte, e Nuria Vil. Grazas á Deputación da Coruña, as persoas asistentes recibirán como obsequio un exemplar do libro.

A falsa autónoma, de Yolanda Castaño, gañadora do Premio González Garcés

Desde a Deputación da Coruña:
“(…) A obra presentada baixo o título A falsa autónoma, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Yolanda Castaño, é a gañadora do XXI Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.
O xurado, que se reuniu na mañá do 28 de setembro, estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sanches Arins, Ismael Ramos e Daniel Asorey –este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez-, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz.
No seu informe, o xurado valorou “o tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no eido laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero”.
Indica, ademais, que considera “positiva a orixinalidade do tema, escasamente abordado na poseía galega.” No plano formal, salienta “a ironía no discurso, as referencias meta-literarias e a pericia na construción do poema” (…)”