“O pasado 23 de setembro conveniáronse actividades de promoción da literatura, visibilización de autores e autoras, celebracións anuais ou recompilación da tradición literaria oral. Estas son algunhas das actividades da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ás que a área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe con 30.000 €.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, asinaron o acordo de colaboración para o desenvolvemento do programa de actividade da entidade, centrado na promoción da literatura galega.
A Deputación financia o desenvolvemento dun programa que se realiza ao longo do ano e que, entre outras iniciativas a actualización de contidos na web de autores e autores, a asesoría laboral e fiscal ou o mantemento das infraestruturas tecnolóxicas de comunicación da entidade. Ademais, o convenio anual das dúas entidades, aprobado por unanimidade no pasado pleno, recolle o desenvolvemento de novas actividades da “Escola de escritores e escritoras” como un obradoiro de creación ou a incorporación de novos materiais da recollida de tradición literaria oral que a entidade está a promover.
Como conmemoracións literarias anuais, a Deputación apoia a realización da homenaxe anual “O/A Escritor/a na súa Terra- Letra E” ou a Gala do Libro Galego en que se entregan os premios que, desta volta con outras entidades profesionais do sector, recoñecen autores e autoras dos distintos xéneros ademais doutras iniciativas arredor do libro.
De especial relevancia teñen tamén as actividades encamiñadas á difusión das novidades editoriais e literarias que a AELG realiza a través da rede e, de maneira especial, por medio da súa axenda cultural, actualizada con convocatorias e actos de socios e socias ademais de premios literarios ou congresos que forma parte do programa de actos que se recolle no acordo. Finalmente, a Asociación comprométese a elaborar, por medio de socios e socias, roteiros literarios pola provincia para a sección “O Territorio da/o Escritor/a“.”
Arquivos da etiqueta: Deputación da Coruña
A Coruña: VII Lúas de outono, Manuel María 2016
Pontevedra: inauguración da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!
Na presentación de Atlántida, peza escénica creada no obradoiro Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernández Rial
Desde a Deputación da Coruña:
“A Escola de Escritores-as da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) clausurou hoxe martes o obradoiro de creación literaria Hibridar o imaxinario, impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial cun acto en que, ademais da propia autora, participou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da entidade promotora, Cesáreo Sánchez Iglesias. Ademais das intervencións, no acto desenvolveuse unha proposta performática por parte de persoas que participaron no obradoiro. (…)
Goretti Sanmartín quixo, na súa intervención, destacar o esforzo realizado en iniciativas como a da AELG para contribuír a que as bibliotecas sexan “centros dinámicos” e felicitou de maneira especial o que denominou un “recitado contemporáneo, isto é, o feito de que a poesía sexa fundamentalmente un espazo coral de encontro arredor da creatividade”. (…)
Pola súa parte, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, destacou a importancia da poesía nun “tempo de sobreinformación paralizante xa que nos achega a territorios do humano, da propia capacidade de escoitar”. (…)”
Vigo: inauguración da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!
Escola de Escritoræs: Obradoiro de creación literaria a cargo de Rosalía Fernández Rial, Hibridar o imaxinario (do 2 de agosto ao 6 de setembro)
A Escola de Escritores-as da AELG presenta un novo Obradoiro de creación literaria co título “Hibridar o imaxinario”, nesta ocasión impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial e con Paco Souto como autor convidado.
Este obradoiro é posíbel grazas ao patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Carballo e a Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa.
Comezará o 2 de agosto e desenvolverase ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha os días 2, 4, 9, 11, 18, 23, 25 e 30 de agosto, e o 1 e 6 de setembro.
Ata o 26 de xullo está aberto o proceso de inscrición para as 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (biblioteca@carballo.gal / 981 758 580).
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Compostela: inauguración da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, no Museo do Pobo Galego
A Escritora na súa Terra: Helena Villar Janeiro. Rianxo, 2016, o sábado 25 de xuño
A
Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.
Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire.
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Programa
11:30 h. (Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
– Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo.
– Helena Villar Janeiro.
Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello) Interveñen:
– Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo.
– Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELG.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
– Marica Campo: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro.
Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro.
14:00 h. Xantar no Pazo de Rianxiño
Esta actividade conta co apoio de CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos), Deputación da Coruña, Consellaría de Cultura e Concello de Rianxo.
Nota: O traxecto desde o Peirao de Sete Fogas até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos.
A Coruña: visita guiada á exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, por Pepe Barro, o martes 28 de xuño
O martes 28 de xuño, ás 19:30 horas, Pepe Barro creador do proxecto, deseño e coordinación da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, realizará para a A. C. Alexandre Bóveda unha visita guiada. A exposición organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala está aberta na Fundación Barrié da Coruña até o 30 de xuño.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como gravacións musicais e discursos e artigos de persoeiros da época. Pódese contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas a acción das Irmandades e dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
A través de dez espazos, faise un achegamento á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”.
Se desexas vir a esa visita guiada debes anotarte no correo acab@mundo-r.com ou chamando por tfno ao 981200869 (de 19:00 a 21:00 h.) antes do vindeiro xoves 23 de xuño.