“Letras Galegas 2021: Xela Arias e a discutible decisión da Real Academia” (Fran Alonso)

Desde o blog de Fran Alonso:
“En circunstancias normais, o nomeamento de Xela Arias para celebrar as Letras Galegas 2021 sería unha alegría enorme. Xela, ademais dunha persoa discreta, foi unha poeta enorme e de obra contida e precisa.
E, non obstante, non podo máis que mostrar a miña perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno, da Real Academia Galega, que se produce, ademais, desoíndo unha maioría de voces do tecido cultural galego.
Pero, sen ánimo de estenderme nin de polemizar gratuitamente, aínda que si de explicar a miña indignación, vou expoñer os motivos destas afirmacións:
1) Habitualmente, a Real Academia toma esta decisión no mes de xuño. A estas alturas do ano (22 de decembro) xa non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero. Nin as circunstancias provocadas pola pandemia permitiron unha celebración normal para Ricardo Carvalho Calero, que ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura, nin o nomeamento de Xela Arias vai poder ser celebrado como correspondería.
2) Para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios. A maiores, o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un grande esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto. En consecuencia, esta declaración tan á destempo evitará que se realicen estudos profundos, investigacións literarias e biográficas precisas, e traerá como consecuencia unha celebración incompleta e precipitada. Ademais, neste caso, Xela Arias é unha escritora con capacidade real para conectar coa sensibilidade da cidadanía, e tras esta decisión da Academia parte cunha enorme desvantaxe marcada pola escaseza de tempo, nun momento ademais en que, por desgraza, a fin da pandemia aínda non está clara.
3) Lamentablemente non podo entender os motivos polos que non se prolongou o ano Carvalho Calero, aproveitando as dinámicas e refluxos xa creados e concedéndolle tamén ao autor de Ferrol a dignidade precisa para entendermos a súa figura, que non se puido traballar nos centros de ensino de primaria nin de secundaria.
4) E, finalmente, se a intención da Real Academia era non prolongar ao 2021 o ano Carvalho Calero non podo entender como se agardou ata o 22 de decembro para facer pública esa decisión de dedicarllo a Xela Arias, decisión que, de facerse pública con anterioridade, proporcionaba unha marxe moito maior para unha celebración apropiada á dimensión dunha poeta e muller como Xela Arias.
De verdade non foi posible tomar esta decisión con anterioridade?
Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, filla dun tempo que soubo comprender á perfección, íntegra e cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude.”

Xela Arias protagonizará o Día das Letras Galegas no ano 2021 (Praza Pública)

Desde Praza Pública:
Xela Arias será a autora homenaxeada na edición 2021 do Día das Letras Galegas. Así o decidiu este martes o pleno da Real Academia Galega, que destaca á poeta sarriá como “unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma”, subliñando ademais “o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora”. Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018). (…)
Entre as súas obras destacan os poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Lili sen pistolas (1986, obra inédita), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003), recollidos no volume Poesía reunida (Xerais), editado por Chus Nogueira. “Oxalá esta Poesía reunida contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”, sinalaba Nogueira no momento da publicación.
Nogueira incidía tamén en que “Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores”, subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións. A homenaxe deste xoves unirase a outras que foi recibindo, entre as que destaca a impulsada pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, así coma a publicación do libro colectivo Xela Arias, quedas en nós, coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. Sobre este volume Chus Nogueira salienta que “a poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica”. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética. (…)
A RAG recoñece igualmente o seu traballo como tradutora. (…)
Ademais, a elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas (coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige) e tomou sempre posición a favor da lingua galega. Así mesmo, traballou en Edicións Xerais entre 1980 e 1996. Igualmente, traballou como mestra no ensino secundario. En novembro do ano 2003 Xela Arias finou dun ataque ao corazón en Vigo, con só 41 anos de idade
En 2019 a plataforma literaria A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras, nunha celebración que incluíu varios actos en Vigo, entre eles un percorrido imaxinario pola súa vida a cargo de Susana Arins. A Sega fixo un convite aberto para que quen o desexase enviase un vídeo, dun minuto como máximo, recitando algún dos poemas de Xela Arias “para (re)descubrila e (re)coñecela”. (…)”

Henrique Monteagudo: “A gran recuperación das Letras sobre Carvalho Calero foi a súa poesía”

Entrevista a Henrique Monteagudo no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Conversamos sobre Ricardo Carvalho Calero con Xosé Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, que celebra tras varios adiamentos o pleno extraordinario do Día das Letras.
Carvalho cultivou todos os xéneros e fixo achegas emblemáticas á gramática e á historia da literatura. O día 22 de decembro decidirase a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. A entrevista pode verse aquí.”

Cesáreo Sánchez: “O escritor como tal é invisíbel”

Entrevista de Irene Pin a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Diario:
“Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante a complexa situación que atravesa o sector cultural galego, conversamos con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Nós Diario (ND): A homenaxe das Letras Galegas 2020 chega inevitabelmente marcada pola actual conxuntura de crise sanitaria. Dentro dela, a pasada semana vía a luz o Plan de reactivación da cultura e o turismo da Xunta. Cal é a valoración da AELG das medidas propostas?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Son medidas que reordenan e redistribúen recursos que xa existían, sumando algo ao xa comprometido. Un sector como a cultura, que representa 2% do Produto Interior Bruto da Galiza, precisa outra estrutura e outro volume de apoio, cuantitativa e cualitativamente, que determinen a boa saúde da literatura e da cultura no seu conxunto cara a unha normalidade. O Xacobeo, que se presenta como única alternativa para o país, non só non soluciona os problemas da cultura, senón que a leva a territorios que non son bos para ela. Neste momento a Galiza está a ser considerada e promovida, máis que como un pobo ou unha sociedade cunha cultura milenaria propia, como un camiño de paso, un lugar por onde unha Santa Compaña de peregrinos percorre un parque temático de sendeiros que levan a Compostela. Acontece que os camiños xacobeos están dentro dos camiños históricos do país. As alternativas teñen que pasar por potenciar a cultura propia, para ser creada e vivida desde a Galiza polos galegos e polas que veñan a nos coñecer. Mais non se pode pretender que se faga cultura en función dos que van vir de fóra, como se fósemos só un escaparate. A respecto disto, nós sempre reivindicamos unha Consellaría de Cultura como tal, mais sempre lle poñen un apelido que acaba por devorar o nome. Neste momento ten máis peso o turismo que a propia cultura, cando podía ser algo complementario na asignación de recursos, por exemplo, para a rehabilitación de patrimonio histórico construído, bibliografico e inmaterial.
O escritor como tal pasou de ser un referente en manter o idioma e a identidade a ser considerado só como subministrador de contidos culturais aos distintos sectores con vocación de ser industria. Porén, a nosa profesión é máis ca iso. O escritor é construtor do idioma, responsábel de que acompañe a historia do propio país. Nestes tempos en que participamos en manter a saúde social, creando contidos, tivemos que implicarnos especialmente en explicar que somos profesionais, aínda que non vivamos da nosa escrita. Sempre vai haber escritoras e escritores empregados noutros eidos, pero cada vez máis, por mor da precarización, o peso en moitas delas de actividades en bibliotecas, librarías, escolas… está a ser máis importante. Iso implica que para poder acceder a determinadas prestacións ou proxectos téñense que facer autónomos, mais non hai liñas de axuda específicas á creación literaria.
O sector editorial, non só porque edita a nosa produción, tamén é un lugar natural de traballo para nós, nos distintos oficios da elaboración dun libro. É moi importante que a industria editorial teña forza, tal como aconteceu no pasado, entre a terceira e a cuarta do Estado. Mais hoxe non é así, é un sector que o está a pasar mal e non ten os medios e as dotacións que merece atendendo ao que significa para a construción dunha identidade, da lingua e de acceso á cultura galega de maneira máis profunda e ampla.
– ND: Nese senso, preocúpalles un incremento da precariedade ante a falla de apoio da Administración, que nin sequera menciona as escritoras no Plan de reactivación?
– CS: A situación laboral vai empeorar porque haberá diminución de empregos que, agás nalgúns casos determinados de traballos que non leve por diante a pandemia económica, os escritores van sufrir moito máis. Preocúpanme especialmente as novas xeracións. Eterna a gratitude ás que, aínda que cada vez haxa menos medios e oportunidades, están aí sendo monolingües e construíndo o idioma. Non buscan lugares onde escribir en español para resolver os seus problemas económicos, senón que manteñen unha fidelidade á lingua na creación que debería ter outro tipo de resposta por parte da Administración, que ten as competencias para resolvelo. Nestes días mandamos as nosas propostas a Madrid, ao Ministerio de Cultura e ao de Facenda, para resolver distintos temas pendentes de mudar. Tamén levamos ao Parlamento o caso dos escritores xubilados. Case o 50% dos reformados están en clases pasivas e iso non foi resolto, aínda hoxe hai quen paga multas por cobrar dereitos de autor.
– ND: Dentro das medidas específicas dedicadas da Xunta ao eido editorial, non se atenden todas as demandas presentadas en conxunto coa Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías.
– CS: Hai aumentos na dotación para actividades dentro de bibliotecas ou librarías, na compra de libros… Pero foi aumentar algo que basicamente xa estaba. Hai problemas estruturais que non permiten achegar todo o necesario. Era o momento ideal para parar as obras da Cidade da Cultura e desviar eses recursos á cultura, ademais de repensar o que significa ese lugar. Faltan tamén as necesarias medidas para a cultura de base, sen ela non hai cultura crítica no país. O asociacionismo ten un peso moi importante na promoción da cultura, e do libro en concreto.
Os escritores, como autónomos, poderemos acceder a un “fondo para creadores culturais”, de 1.500.000 euros, mais a realidade é que os escritores como tal somos invisíbeis. Estamos a turrar de todos os carros que sexa preciso, pero á hora da verdade non se nos ve. Iso necesariamente ten que mudar, sen nós o libro galego non existiría. Mais esta ausencia é unha cousa que vén de vello. Na (boa e incumprida) Lei do libro a palabra ‘escritor’ non está como tal, cando debería ter visibilidade propia, pois tena á hora de construír a cultura.
– ND: Achegámonos a unha data fundamental para a visibilización das escritoras galegas como é o 17 de maio. Que significa o recoñecemento de Carvalho?
– CS: Eu agardo, como reclamamos á Academia, que sexa prolongado a 2021 para que estea nas mesmas condicións que tiveron todos os anteriores nomeados, que poida ter unha vida normal dentro do ensino. Carvalho é o noso socio de honra desde a fundación da AELG, hai xa 40 anos. Eu fun presidente da A. C. Alexandre Bóveda, asociación que o rescatou e reivindicou publicamente na Coruña, pois tivemos a fortuna de coñecelo a través de alumnas e ex alumnas súas (na directiva estaba María Pilar García Negro). Soubemos así da súa altura intelectual e da súa dimensión humana, que foi moi importante para min, non só pola súa xenerosidade, senón polo respecto e a comunicación que tiña cos que aínda estabamos aprendendo o oficio de poeta. Ao mesmo tempo, o gran legado de Ricardo Carvalho Calero foi a súa altura ética. Creo que á parte da dimensión lingüística, ás veces esquecemos que foi tamén marxinado polo seu pensamento político. No fondo el defendía que a Galiza tiña que ter forzas políticas propias e a capacidade de construír o seu futuro por si mesma, naquel tempo o piñeirismo sempre lle negou o pan e o sal. Á parte, foi un escritor inmenso como demostra a relectura, por exemplo, da antoloxía feita por Pilar Pallarés, mais tamén un investigador, filólogo… e para min tamén un importante referente humano, ese foi o grande agasallo que me fixo a min e á miña xeración.
– ND: Algunha mensaxe para este Día das Letras confinado?
– CS: Ler a don Ricardo Carvalho Calero, isto axudaranos a cumprir os desexos del porque, como dicía Uxío Novoneyra “sabemos que ti [Galiza] podes ser outra cousa”. Os seus textos concienciarannos de que podemos chegar a ser unha sociedade normal cunha lingua e unha historia e construír o noso futuro con normalidade. Os escritores sempre estaremos aí, especialmente nestes tempos nos que somos construtores de esperanza. E, desde logo, nunca ninguén vai derrotar a esperanza nun escritor galego.”

Proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai pública a carta que dirixiu ao presidente da Real Academia Galega, coa seguinte proposta sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

“Sr. Presidente da Real Academia Galega,
Prezado Sr. D. Víctor Freixanes,

A situación de excepcionalidade sanitaria, social e cultural que está a vivir a Galiza, levou a anular toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación da figura do narrador, poeta, ensaísta, lingüista, profesor e pensador don Ricardo Carvalho Calero, no ensino e nas diversas actividades de concellos e outros colectivos culturais.
Despois de se reunir o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, acordou trasladarlle á Real Academia Galega, institución que vostede tan dignamente preside, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, no pleno da RAG para tal fin, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.
A RAG, como consecuencia desta grave situación, decidiu adiar ao 31 de outubro -data próxima ao aniversario do nacemento no noso escritor- os actos de celebración das Letras Galegas deste ano 2020. A celebración do seu nacemento xustificaría de por si tan importante acto a celebrar pola RAG e toda a cidadanía na súa cidade natal.
Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural.
Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos.
Por todo o antes exposto, agradeceríamos tomase en consideración a nosa proposta, arriba desenvolvida, para que sexa posta en valor a figura de D. Ricardo Carvalho Calero e a súa tan importante obra para a nosa literatura e a nosa cultura.

Reciba os cumprimentos do Consello Directivo da AELG e, no seu nome, o afectuoso saúdo de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”

Bernardo Máiz: “A dirección actual da RAG entendeu que Carvalho Calero é un xigante intelectual e que non podía ser mantido no ostracismo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Bernardo Máiz en Praza:
“(…) – Praza (P): Falas dun “período espiñento”, eses anos nos que [Ricardo Carvalho Calero] volve a Ferrol, sufrindo a represión polas súas ideas e non podendo dar clase. Como foi ese tempo e esa represión?
– Bernardo Máiz (BM): El era un home da esquerda do Partido Galeguista e loita para que o PG se integre na Fronte Popular. A sublevación franquista sorpréndeo en Madrid, facendo o exame de oposición á Cátedra e alí incorpórase como miliciano ao batallón de UGT, despois intégrase nunha unidade de profesionais do ensino e finalmente nas milicias populares mandadas por Enrique Líster. Ao remate da guerra cólleno prisioneiro en Andalucía, pero a pesar do que se escribiu sobre o tema, nunca pediron para el pena de morte, caéndolle ao final 12 anos de cadea.
En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Como non tiña certificado de boa conduta, non podía solicitar praza en ningún centro de ensino, e como non lle permitían colexiarse tampouco podía dar clases de forma privada. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol. Hai un poema, no que di ”como puidemos viver e mais vivemos”, no que retrata a represión franquista do momento. Grazas a que a súa muller daba clases, entre os dous foron capeando o temporal. As cousas melloran para el grazas á súa incorporación ao colexio Fingoi, en Lugo, no que aínda que actuaba como director, aparecía como conselleiro delegado, porque non podía exercer.
– P: A partir dese momento as cousas melloran moito para el, non si?
– BM: Os anos en Lugo son moi bos e a súa vida cambia definitivamente cando marcha de Lugo para Santiago, grazas a que lle cancelaron os seus antecedentes políticos. El nunca quixo pedir a cancelación, a pesar da insistencia de persoas como Filgueira Valverde, que lle dicían que só con que o pedise o réxime llos cancelaría. Porén, el negábase, porque dicía que el non fixera nada mal. Cando por fin llos cancelan, pode por fin presentarse a unha praza de profesor de instituto, á vez que o decano da Facultade de Filosofía e Letras lle ofrece a posibilidade de ser catedrático de Lingua e Literatura galega, unha praza que ían crear.
– P: Neses anos aínda asinaba como ‘Carballo’ e aínda non defendía un achegamento da norma do galego á norma portuguesa. Cando se produce ese cambio?
– BM: Si, Don Ricardo era o único titulado para elaborar unhas normas para o galego. E elabóraas no ano 1971 para a Real Academia Galega, unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que son reeditadas en 1977. Porén, contra 1973 prodúcese un conflito con Manuel Rodrigues Lapa, que publicara un artigo en Portugal defendendo que o galego debía achegarse na súa norma culta ao portugués. Houbo unha resposta moi dura de Ramón Piñeiro en Grial. Piñeiro quería que Carvalho a asinase, pero Carvalho negouse. Este episodio levouno a interesarse máis polo asunto e iniciou un achegamento a esas posicións.
Xa en 1975 Carvalho publica un artigo en La Voz de Galicia defendendo que non hai que innovar sen tradición, que hai que ir ás raíces históricas e que o portugués é fillo do galego. A partir de aí Carvalho comeza a publicar en editoriais que non son Galaxia. En resposta comezan a utilizar o Instituto da Lingua Galega contra el, e pouco a pouco vese sometido a unha marxinación por parte de determinados sectores.
A partir de 1981 comeza a asinar como ‘Carvalho’ e pouco a pouco vaise distanciando máis dos organismos oficiais. De feito, cando lle propoñen entrar no CCG non quere. Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG.
– P: Na túa opinión, cal é a razón de que ata agora a Real Academia Galega non accedera a dedicarlle o Día das Letras Galegas?
– BM: Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que “a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario, mentres que a autodeterminación prantexa o problema dende o propio país galego, unha forma de organización de Galiza que pode chegar desde a separazón total do País con relazón aos circundantes ate a Federazón ou Confederazón”, como dixo en 1989.
Foi expulsado do trato respectuoso que merecía. Con retranca el mesmo afirmou en 1986 que “certas elites entenden que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”. (…)”

“As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”

Entrevista en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Xa está na rúa o libro Hei de entrar no meu povo. Como se xestou o traballo?
– Resposta (R): Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollese as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que “representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivesse chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.
– SG: Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
– R: Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción. (…)
– SG: Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
– R: A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político… Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura. (…)”

Ricardo Carvalho Calero, Día das Letras Galegas 2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de D. Ricardo Carvalho Calero como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2020 por parte da Real Academia Galega.

Membro de Honra da AELG desde a súa fundación, as súas achegas ao sistema literario galego son fundamentais para unha visión máis completa da nosa lingua e literatura, desde a súa condición de ensaísta, poeta, narrador e dramaturgo.