V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”

Pontevedra: xornada do sábado 21 no PontePoética 2

O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do sábado 21 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).

17:00 horas. Recital dos poetas Estíbaliz Espinosa, Veronika Dintinjana e Nuno Júdice.
18:30 horas. Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética: María Eloy-García, Eduard Escoffet, Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Edorta Jiménez, Estevo Creus, Veronika Dintinjana, Estíbaliz Espinosa e Nuno Júdice.

Pontevedra: xornada do venres 20 no PontePoética 2

O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do venres 20 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).

18:30 horas. Recital dos poetas Dores Tembrás, Edorta Jiménez e Xosé María Álvarez Cáccamo.
20:00 horas. Recital dos poetas Estevo Creus, María Eloy-García e Eduard Escoffet.

A Coruña: obradoiro Xeitos de ler, impartido por Dores Tembrás

Durante os meses de maio, xuño e xullo de 2012, os martes entre as 18:00 e as 20:00 horas, desenvolverase na Librería Cascanueces da Coruña o obradoiro de poesía Xeitos de ler, dirixido por Dores Tembrás. Máis información, horarios, prezo, matrícula…..no seguinte contacto:
LIBRERÍA CASCANUECES
Rúa Cordonería, 10, baixo – 15001, A Coruña
Teléfono: 881887939
Correo electrónico: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.

A Coruña: recital poético en homenaxe a Alfonso Abelenda

O venres 9 de decembro, ás 20:00 horas, no Hotel Hesperia (Rúa Juan Flórez, 16) da Coruña, no marco da inauguración da IV Feira de Arte Galega, terá lugar unha homenaxe poética a Alfonso Abelenda, na que participan Pablo Bouza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores TembrásXulio L. Valcárcel, Diana Varela e Eva Veiga.

Santiago: recital poético Picaversos, con Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz

O martes 8 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Inocentes, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz. A entrada custa 2 euros.

A Coruña: presentación de Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín. No acto, acompañando ao autor, participan Dores Tembrás e Eva Veiga, e os músicos Benxamín Otero (oboe) e Carlos Quintá (acordeón diatónico).

Fene: o venres 7 de outubro remata o prazo para participar no obradoiro literario da Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez

Até o venres 7 de outubro está aberto o prazo de matrícula para participar na edición 2011-2012 do obradoiro literario que coordina o poeta Eduardo Estévez na Biblioteca Municipal de Fene.
Este obradoiro comezou a súa andaina hai xa máis de once anos cun grupo que medra e se renova cada ano. Nestes anos, contamos como propios diversos premios literarios obtidos polos participantes do obradoiro no Francisco Añón, nos relatos de verán da Voz de Galicia ou no Avelina Valladares. Dúas participantes do obradoiro publicaron o seu primeiro libro individual e outros dous están a agardar no prelo.
O traballo desenvólvese en sesións semanais nos que os participantes amosan o seu traballo para propiciar, arredor del, un debate literario. Froito do debate vanse poñendo sobre a mesa os diferentes aspectos técnicos da construción do texto. Non se trata, xa que logo, de sesións teóricas senón dun traballo eminentemente práctico. Ademais, contamos coa visita de escritores e escritoras que se achegan ao obradoiro para compartir a súa experiencia.
Este ano, asemade, o obradoiro contará coa participación de tres escritoras que colaborarán na coordinación de algunhas das sesións: Antía Otero, Dores Tembrás e Elvira Riveiro Tobío.