Vigo: actividades destacadas do mércores 8 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 mércores 8 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 19:00 h. Fran P. Lorenzo asinará Cabalos e lobos (Premio Blanco Amor 2014), publicado por Xerais.
– 20:15 h. Marcos Calveiro presenta As palabras poden matar, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto a escritora Iolanda Zúñiga.
– 21:00 h. Ledicia Costas presenta Un animal chamado Néboa, publicado por Xerais, participará no acto Fran P. Lorenzo.

Vigo: actividades destacadas do venres 3 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 venres 3 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 13:00 h. Inauguración. Pregón da escritora viguesa Ledicia Costas.
– 18:00 h. Puri Pérez Leiros e Elena de Frutos Martínez asinarán Bouzas. Olladas salgadas, por Edicións do Cumio, na caseta de Nobel Gran Vía.
– 20:00 h. Elena Gallego Abad presenta Dragal IV. A estirpe do Dragón, publicada por Xerais. Participará no acto Manuel Bragado.
– 21:00 h. María Reimóndez presenta A música dos seres vivos, publicada por Xerais. Participará no acto Manuel Bragado, coa intervención musical de Mercedes Peón.

III Feira do Libro de Ribadeo (do 3 ao 5 de xullo)

Feira do Libro Ribadeo 2015 1Feira do Libro Ribadeo 2015 2

Taboleiro do libro galego XXXV (xuño 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Última entrega do  “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de xuño 2015, que contou coa colaboración de dez librarías galegas:  Libros para Soñar de Vigo, O Pontillón de Moaña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu,  Aira das Letras de Allariz, Lila de Lilith de Compostela, Biblos de Betanzos, Librouro de Vigo, Suévia da Coruña e mais Cartabón de Vigo. Grazas a todas elas e esta sección despídese até despois do verán..

NARRATIVA
1º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Xerais.
3º-. A música dos seres vivos, de María Reimóndez, Xerais.
4º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
5º-. Funambulistas, de Mercedes Leobalde, Xerais.
6º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
7º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
8º-. O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, Galaxia.

POESÍA
1º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
2º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, PEN Club.
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
6º-. Palavras a Espártaco, de Vítor Vaqueiro, Através.

ENSAIO-TEATRO
1º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Historia de Galicia, de David Pérez, Edicións do Cumio.
3º-. Nacionalismo galego aquén e alén mar, de Uxío-Breogán Diéguez, Laiovento.
4º-. No tempo de Follas Novas, de Pilar García Negro (ed.), Alvarellos Editora.
5º-. Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero, Xerais.

XUVENIL
1º-. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
2º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
4º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
5º-. O solpor dos deuses. As crónicas de Bran 3, de Xosé Duncan, Contos Estraños.
6º-. Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira, Urco.
7º-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.

INFANTIL
1º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. Os libros da merenda, VV. AA., Urco Editora.
3º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
4º-. Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz, Edebé.
5º-. Gatiño e as vacacións, Joel Franz Rosell e Constanze v. Kitzing, Kalandraka.
6º-. A historia de Parche, Concheiro, Os Biosbardos.

LIBROS CD-DVD
1º-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
3º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e David Pintor, Kalandraka.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Té, chocolate, café, Golfiños, Gestión Cultural.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

Radiocrítica 15-06-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 15 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva da novela O viaxeiro radical de Xerardo Quintiá (0:50); da escolma Un bosque novo. Antoloxía da poesía gaélica contemporánea, traducida por Carmen Rodríguez Alonso (7:07); do volume colectivo No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola literatura universal, coordinado por Pilar García Negro (13:18), e do relato A rula, o peluche e a nena, de Paco Martín (18:14).”

“A neve interminable. Notas dun tren”: texto de Ledicia Costas sobre a obra de Agustín Fernández Paz

DesdeLedicia Costas Xerais:
“Reproducimos o texto de Ledicia Costas que leu o xoves 18 de xuño na presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz:

“1.- A neve e os corazóns conxelados
É a primeira vez que vou nun tren destes rápidos, que fan o traxecto Vigo-A Coruña nunha hora e vinte minutos. Estou cansa de máis e só son as oito da mañá. Onte estiven en Xerais e Celia Torres cedeume un exemplar do novo libro de Agustín. Sácoo do meu bolso e ábroo coma quen abre unha delicada caixa de música. A neve interminable. Agardo a que empece a soar a música, pero en lugar diso teño frío. Leo a cita que inicia o libro, a de Lord Byron: chegou a mañá, e foise, e chegou, e non trouxo o día canda ela, e os homes esqueceron as súas paixóns ante o terror desta desolación; e os corazóns conxelarónse nunha pregaria egoísta que imploraba a luz. Reflexiono no que latexa detrás destas palabras. Todas as historias se tecen cos fíos da vida. E de súpeto hai algo que se activa no mecanismo do pensamento. De xeito inevitable penso nesa historia, que non sei canto terá de lenda. A historia que conta o naufraxio e a morte de Percy Shelley, o poeta romántico inglés. Lembro que lin nalgunha parte, non hai moito, que queimaron nunha praia o seu corpo sen vida e ardeu todo agás o seu corazón, que alguén rescatou das lapas. E finalmente, ese corazón foi parar ás mans de Mary Wollstonecraft, máis coñecida como Mary Shelley, a autora de Frankenstein ou o moderno Prometeo e parella de Percy. Contan que Mary conservou o corazón envolto nun pano de seda, no interior dun exemplar dunha das obras do seu home, e que cando o atoparon estaba completamente murcho. Daquela, o revisor distráeme. Quere picar o meu billete. Sorrí como sempre me sorrín os revisores. Entón penso en que os trens teñen a estraña facultade de facer feliz á xente. Non sei por que, o señor contáxiame parte da súa alegría. Retomo a lectura e, con ela, regresa o frío.

2.- Noite de voraces sombras.
Dispóñome a emprender a viaxe de volta a Vigo logo dun día bastante intenso. Agardo a que o tren inicie o traxecto antes de mergullarme de novo na lectura. Unha vez que empezo, non me deteño ata chegar á páxina 30, momento en que dou un chouto na butaca. Velaquí está!, penso, emocionada. Supoño que fun máis efusiva da conta. Teño dous pares de ollos á miña dereita fitándome con curiosidade. Deben pensar que estou tola. Sorríolles e volvo ao libro inmediatamente. Como se eu os tivese invocado co pensamento que me sacudiu nada máis empezar esta obra, entran en escena Lord Byron, Mary Wollstonecraft, Claire Clairmont, Percy Shelley e Polidori. Agustín rescata aquela mítica noite de 1.816, cando estes cinco amigos asumen o reto que Lord Byron pon sobre a mesa: escribir cadanseu relato de medo, a ver quen conseguía facer o máis terrorífico. Un reto que tamén asumirán os personaxes d’A neve interminable e que sei que me vai levar por unha viaxe que agardo que me deixe sen alento. Igual que me sucedeu en 1.995 cando lin Cartas de inverno, o libro que me abriu para sempre a porta da literatura galega. Curioso que xusto 20 anos despois sexa precisamente eu quen vaia presentar esta nova novela de Agustín Fernández Paz. Vou ao índice e leo o título dos contos, cousa que non fixen antes: A casa azul, Herdanza de sangue, A néboa da vinganza e Un incidente no internado. Sen poder evitalo, de novo o frío. Tápome coa miña cazadora e voume diluíndo devagariño entre as palabras da neve interminable, ata volverme folerpa.

E cae a neve
como caen as lágrimas de sono:
coa elegancia dun gato branco
que corrompe as alturas con insolencia
as folerpas descenden
a rentes da pel do frío
no chan,
pedrazo e diamantes,
flores de xeo que se abren
nun alarde de beleza
e no interior toda a neve
concentrada nun corazón
que latexa á intemperie,
que te bota de menos
neste ano sen verán.”