Os escolares galegos premian ao muxián Rivadulla Corcón

Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla Corcón en La Voz de Galicia:
“”Este premio debe considerarse para todos os muxiáns de ben, porque está escrito coa inspiración da lenda da Furna da Buserana, a lenda nacional dos muxiáns, e porque está tecido cos vimbios da cultura propia de Muxía, e por suposto de toda a Costa da Morte». Desta forma tan poética e tan propia del, agradecía o escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón as primeiras felicitacións polo seu novo premio literario, o Frei Martín Sarmiento, que acadou pola novela O noso amor será eterno. Un galardón que gaña por cuarta vez e que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. «Este tipo de recoñecementos son moi satisfactorios, porque están referendados polos propios lectores, que amosan deste modo que lles gusta o que escribiches», explicaba o autor, que recibiu o premio na Festa da Lingua, celebrada o mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Rivadulla Corcón, que acadou a recompensa na categoría de 3.º, 4.º e Bacharelato, amosouse especialmente contento porque, segundo explicou, O noso amor será eterno, incluído na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais e publicado a finais do 2011, é a súa obra máis muxiá e persoal. «É unha novela moi especial para min, porque está baseada na cultura da miña vila. Parte da lenda da Furna da Buserana e fala da forma de ser e da cultura muxiá, o mar e algo central na historia e incluso penso que ten certo valor etnográfico, porque recolle, por exemplo, xoguetes da miña infancia, a importancia do máis alá na cultura galega o a importancia da solidariedade entre as xentes do mar», contaba Rivadulla Corcón. (…)”.

Gondomar: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Rosa Pascual.

Coñécense os gañadores da 4ª e 5ª categoría do Premio Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Martín Sarmiento:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:
4ª categoría: 1º e 2º de ESO: Ledicia Costas e Pere Tobaruela, por Mortos de ningures, publicado en Everest.
5ª categoría: de 3º a 4º de ESO e Bacharelato: Xosé Henrique Rivadulla Corcón, por O noso amor será eterno, publicada por Xerais.”

Carballo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 19 de abril, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo (Rúa Vázquez de Parga, 1), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e o Instituto de Estudos Bergantiñáns, coa colaboración da Libraría Brañas, participan, xunto ao autor, Xan Fernández Carrera, Xosé Manuel Varela e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (VII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos máis vendidos na última quincena segundo os datos ofrecidos por dezaseis librarías galegas: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais e A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais.
5º-. As crónicas de Bran, de Xosé Duncan. Contos estraños.

POESÍA
-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.

ENSAIO-TEATRO
-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.
3º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
4º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Amor de serea, de Santiago Jaureguizar, Edicións Xerais.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
-. Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
4º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
3º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.
3º-. Os días do cometa, Manolo López Poy e Miguel Fernández, Demo Editorial.

LECER
-. De roda en roda. Música e danzas do mundo, VV. AA., Galaxia.

Canido, Ferrol: presentación de Tastarabás, de Antón Cortizas

O mércores 17 de abril, ás 18:00 horas, no IES Canido (Rúa Navegantes, s/n), de Ferrol, preséntase Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, de Antón Cortizas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Carmen Cuesta, Paco Veiga e Manuel Bragado.

Redondela: actos destacados na Festa das Palabras

A FESTA DAS PALABRAS_Bibliotecas de Redondela (V semana do libro) - copiaEsta é a crónica da última das actividades levadas a cabo, desde o espazo na rede das Bibliotecas de Redondela.

Un día das Letras anovado?

Reportaxe en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”