Vigo: presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas

OLedicia Costas venres 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preśentase Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Helena Pérez e Antonio García Teijeiro.

Ferrol: presentación de O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca

OJorge Llorca xoves 23 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Eduardo Fra Molinero e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto mércores 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Asociación Veciñal Agra do Orzán (Rúa Entrepeñas, 38, baixo) da Coruña, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, coorganizado coa Livraria Suévia, rematará cun concerto do grupo polifónico Parabéns.

Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego no século XXI perdeu máis falantes que en toda a historia anterior”

EntrevistaXosé Ramón Freixeiro Mato a Xosé Ramón Freixeiro Mato en Radiofusión:
““A sociedade galega ten que decidir e optar: ou mantemos o galego ou o perdemos”. O dilema formúlao o catedrático das Áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. Faino tras revelar o Instituto Galego de Estatística que o galego xa non é a lingua de uso frecuente da maioría da poboación. A Xunta valora positivamente ese dato a través da lente do bilingüismo e salienta “un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia”. Porén, no que atinxe á lingua orixinal do país, o IGE informa de que en 2011 apenas o 44 por cento da cidadanía usa “sempre” o galego, cando hai dez anos ese dato era do 57 por cento. “Ás veces” fálano o 45 por cento e “nunca” o 11 por cento. Segundo Freixeiro Mato, en moi poucos anos o reparto entre galego e castelán inverteuse por completo e agora “a situación é moi preocupante e non podemos pechar os ollos á realidade”. (…)
“No mundo urbano e entre a xente nova o galego é unha lingua residual”, láisase o profesor, atribuíndo parte da responsabilidade ás políticas educativas e ao incumprimento do Plan de Normalización Lingüística por parte da Xunta. “30 anos son moitos para unha lei: a sociedade en 30 anos mudou moito”, reflexiona mentres pide que se respecte o marco lexislativo mentres se traballa por actualizalo.
Xosé Ramón Freixeiro Mato deu ao prelo con Xerais a primeira Estilística da Lingua Galega, que vén de merecer o Premio de Investigación dos Premios da Crítica 2014 pola “novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lingua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”, segundo estableceu o xurado. O volume, que xa recolleu cualificativos como “monumental”, “imprescindbile” ou mesmo “un fito dos nosos tempos”, enche un baleiro para o sistema galego, xa que a estilística “era un oco que había na nosa filoloxía”, concede o autor.
A obra, cuxa metodoloxía de traballo supuxo a lectura de centos de obras para detectar os mellores exemplos do galego, supón tamén, confesa Freixeiro Mato, un “agradecemento” particular para os escritores e escritoras no noso idioma que “en tempos complicados, sen recoñecemento social”, foron quen de conseguir “unha lingua literaria de calidade, apta para a creación artística”.”
A entrevista completa pódese escoitar aquí.

Compostela: lectura dramatizada de Somnámbulos, de Suso de Toro

OSuso de Toro Somnámbulos luns 20 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón Afundación (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar unha lectura dramatizada sobre Somnámbulos, de Suso de Toro, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Santiago, participa, xunto ao autor, o actor Federico Pérez.

Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

EntrevistaLedicia Costas de César Lorenzo Gil a Ledicia Costas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escarlatina é unha viaxe ao mundo dos mortos pensado para rapaces. Mortos cheos de humor pero que feden mal, que apodrecen. Como manexou o pudor de falar de determinados temas para o público infantil?
– Ledicia Costas (LC): Non. Non teño pudor cando escribo. Nos libros, tamén nos infantís, o único que hai que ter en conta é o respecto cara aos lectores. Non debemos pór barreiras ou limitar que temas son ou non son para nenos. Este é un libro de humor macabro. Quixen desmitificar a morte, falar dela con naturalidade e graza. Estraño aquelas historias de terror humorístico ou humor terrorífico que lía cando era pequena… O pequeno vampiro, por exemplo. (…)
– B: Como é o seu método: escribe todos os días?
– LC: Todos os días, ao redor de oito horas en cada xornada. Son moi metódica pero non escribo segundo un plan definido. Gústame ir construíndo a historia a medida que a vou escribindo. É o mellor xeito de que siga a ser divertido escribir. Pero tamén sei que o éxito para unha escritora, é dicir, conseguir escribir o libro que queres escribir, só se consegue con esforzo, con horas e horas diante do texto; primeiro creando e logo corrixindo. A corrección é o que menos me gusta do meu traballo pero é un labor ao que lle dedico moito tempo. Chega un momento no que xa practicamente sei de memoria o texto dos meus libros e até me farta telos diante e estou desexando mandalos á imprenta e esquecelos. Antes lía os libros unha vez publicados e incomodábame porque vía que aínda había cousas que se poderían ter corrixido. Escarlatina é o primeiro que non lin. (…)
– B: Tamén probou a escrita a catro mans con Pere Tobaruela. Que diferenzas encontrou a respecta da creación individual?
– LC: A principal, que non se pode improvisar nin ir creando sobre a marcha. No traballo colectivo cómpre cinxirse a un guión previo e ir cumprindo cada un a súa parte. Foi unha iniciativa de Tobaruela e prestoume bastante inventar canda el esas historias negras para rapaces.
– B: As autoras de literatura xuvenil ou infantil adoitan ter maior contacto cos lectores grazas ás visitas aos centros de ensino. Tirou ideas destes encontros para futuros libros?
– LC: Tanto coma iso non. Falar cos rapaces é moi interesante para saber por onde respiran, que lles interesa, como esperan que sexan os personaxes das novelas. Aínda así, os meus libros son bastante libres. Gústame saber que opinan os lectores pero o principal é crear sen receitas, asumindo riscos. (…)”

Vigo: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor e Manuel Bragado.