O xoves 15 de novembro, ás 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado e o músico Mig Seoane.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Lugo: concerto O meu primeiro Celso Emilio
O venres 9 de novembro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, terá lugar o concerto O meu primeiro Celso Emilio, baseado no libro do mesmo título publicado en Xerais, en que actuarán María Manuela, Mini e Mero e Xiana Lastra. O acto está patrocinado polo Concello de Lugo.
Gondomar: María Xosé Queizán falará sobre o seu libro Meu pai vaite matar
O martes 6 de novembro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas que mantén a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. A actividade comeza ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia autora achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.
Marcos Calveiro: “Eu non elixín África como marco da novela: foi ela a que me elixiu a min”
A edición viguesa de La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Jorge Lamas a Marcos Calveiro, Premio Merlín 2012 por Palabras de auga. Nela, o autor do Premio Merlín asegura que: «eu non elixín África como marco da novela: foi ela a que me elixiu a min». E logo engade: «Naceu nunha nova que lin nun xornal. Contaba que no Sahel, unha zona de moita fame, as mulleres non tiñas outra que procurar nos formigueiros os grans recollidos polas formigas. Pareceume unha imaxe tan impactante da condición humana que naceu esta historia». Marcos Calveiro observa o futuro con optimismo e asegura que «lectores sempre haberá e libros hai moitos na historia da literatura».
A entrevista completa pódese descargar aquí.
Santiago: presentación de Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro
O martes, 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ana Salgado e Manuel Bragado.
Gondomar: Ramón Caride participa na sesión do clube de lectura Lendo contigo
O sábado 27 de outubro, ás 12:00 h., na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar unha nova sesión do Clube de Lectura compartida Lendo contigo, dirixido a nenas e nenos de 7 a 11 anos, xunto aos seus pais e nais. Nesta ocasión falarase sobre o libro Andanzas de Xan Farrapeiro, de Ramón Caride, publicado en Xerais. Na primeira parte comentarase o folleto preparado para esa lectura e logo manterase un encontro coa presenza do propio autor.
Arzúa: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes
O sábado 27 de outubro, ás 21:30 horas, na Capela da Magdalena de Arzúa, terá lugar a presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Pablo Vaamonde García e Che Turnes.
Vigo: presentación de Palabras de auga, de Marcos Calveiro
O venres 26 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o libro Palabras de auga, de Marcos Calveiro, publicado en Xerais. No acto participarán Agustín Fernández Paz, Ramón Trigo (ilustrador do libro) e Manuel Bragado, xunto ao propio autor.
Celanova: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás
O xoves 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala da Lareira da Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, terá lugar a presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola propia editorial e a Fundación Curros Enríquez, intervirán, xunto ao autor, Luís Ferreiro, José Luís Ferro e Manuel Bragado.
Xosé Ramón Pena: “Cando fago ficción, o que máis me interesa son as emocións”
Entrevista a Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Sorprende, de primeiras, que, para argallar unha ficción, parta Vde. dun debate político-ideolóxico real tan concreto como foi o do que facer que se plantexou no galeguismo nos anos 60. ¿Por qué esta elección?
– Xosé Ramón Pena (XRP): A idea inicial da novela [Como en Alxeria] naceu dunha serie de reportaxes que o Faro de Vigo me encargou sobre a figura do histórico galeguista Ramón Piñeiro. Daquela, a base de consultar todo tipo de documentación, batín no só coa “historia obxectiva” dos feitos, senón tamén con cartas, documentos e testemuñas persoais que, máis aló desa “historia oficial”, interesáronme moitísimo porque reflectían a parte humana e afectiva de todo o que se estaba a vivir naqueles anos. A partires da confluencia deses dous aspectos comecei a confeccionar o meu relato, un relato que, sen faltar á realidade e poñendo por diante todo o que atingue as emocións humanas, puidese ao mesmo tempo permitirme a licencia de inventar feitos e personaxes que só existen na miña imaxinación. (…)
– FdV: Queda claro que, agás o que atingue ao debate político, Como en Alxeria é unha ficción, pero como Vde. acaba de confesar que no seu traballo de documentación atopou moitas historias persoais ¿Esta novela tamén conta esas historias reais ou, cando menos, perfís persoais auténticos aínda que anónimos?
– XRP: Os personaxes de Como en Alxeria non son trasuntos de persoas reais, porque iso sería contar unha farsa. Agora ben, o que si é certo que tanto a ficción dos acontecementos como a ficción dos personaxes están construídas partindo de referentes reais porque ésta é unha novela realista e polo tanto precisa ter verosimilitude interna. De maneira que, xuntando o que lin co que me contaron, a documentación publicada coa inédita e as testemuñas privadas coas públicas, creei un feixe de personaxes que, si, teñen que ver con xente real, pero que están construídos con trazos da procedencia máis diversa. E o que pasa cos personaxes acontece do mesmo xeito coas cousas que conto na novela. (…)”.