Carballo: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns 13 de maio, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños.

Vimianzo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O sábado 11 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Vimianzo e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, participan, xunto ao autor, Manuel Antelo, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.

Corcubión: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O domingo 12 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Corcubión, preséntase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto organizado pola Universidade Popular de Corcubión e a editora.

Baio, Zas: conferencia de Xosé María Lema Suárez

O luns 13 de maio, ás 10:45 horas, Xosé María Lema, autor de Costa do Solpor, impartirá a conferencia D’A Illa do tesouro á Costa do Solpor aos alumnos e alumnas do IES Maximino Romero Lema de Baio en Zas. Esta conferencia é o acto inaugural da Semana Cultural das Letras Galegas 2013 neste centro escolar.

A Coruña: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O venres 10 de maio, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Sánchez Rei, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

Lugo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O xoves 9 de maio, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, xunto ao seu editor, participa María Xesús Nogueira.

Premios AELG 2013

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2013, que premian as mellores obras editadas en 2012, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ensaio: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais).
Literatura Infanto-xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais).
Xornalismo Cultural: Ana Romaní.
Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia).
Poesía, ex-aequo: Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos); e Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros).
Teatro: Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento).
Tradución: Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa).

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.