O
xoves 10 de xaneiro, a partir das 19:30 horas, na FNAC (Praza de Lugo, s/n) da Coruña, Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas, publicada en Xerais.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Reliquias e paixóns de Agustín Fernández Paz: os seus pasos, por Santiago Jaureguizar
Desde
Xerais:
“El Progreso e Diario de Pontevedra publicaron unha reportaxe de Jaureguizar sobre Agustín Fernández Paz seguindo as pegadas de O rastro que deixamos:
A mocidade en Vilalba non se mide por anos, senón por muíños. O río Madanela rodea a vila nunha aperta que nunca dá pechado, polo que os veciños aproveitaron para ubicar muíños: Os Novos, Os Pasos, O Rañego e Os Freires. Os nenos aproveitaban o lecer do verán para bañárense nos Novos. Logo de cambiarlles a voz, obtiñan o permiso dos maiores para frecuentar Os Freires nas tardes de calor.
Agustín Fernández Paz aprendeu a nadar no río, algo que prepara para a vida, porque se consegues manterte a frote sen axuda do sal mariño tes avanzado grandes pasos na madureza. (…)
Autor de máis de cento e medio de novelas e ensaios comenta divertido que «ás veces» todos estaban na casa lendo, «os pais e os tres fillos». Especialmente lector era o proxenitor de Agustín Fernández Paz, quen «chegaba da carpintería e collía o libro, de xeito que sentaba con el na mesa tendo que escoitar a rifa da miña nai». Tan feroz era a súa paixón pola letra impresa que Fernández Paz aínda conserva «un exemplar de Cien años de soledad con manchas de sangue», porque o pai estaba lendo «no momento que morreu de leucemia». (…)
Dende hai décadas, Agustín Fernández Paz organiza a súa sesión de cinema na casa de Vigo para as dez da noite. Ese rito correspóndese cunha paixón prendeu nel na infancia, cando empezou a frecuentar as salas da Vilalba natal e quedou fascinado pola sétima arte. Paseando agora pola vila, párase diante dun edificio con grandes cartelóns, coma aqueles que anunciaban as grandes producións do cinema clásico, aínda que agora soamente se laie: «É ridículo mirar este cine», asegura ollando un edificio de nova fábrica e de varios andares no que se convida a facerse coas últimas ofertas e oportunidades en pisos. O escritor explica que alí estaba o Cine Vilalbés. (…)”.
O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, traducido ao coreano
Desde Xerais:
“A editorial Booklight acaba de publicar a tradución ao coreano de O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz.”
Vídeos da presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, no Ateneo de Ribeira
Desde Xerais:
“Reproducimos os vídeos da presentación de novela Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011, no Ateneo de Ribeira, este pasado 5 de xaneiro de 2013.”
Manuel Rivas: “A nosa tradición é máis erótica que fúnebre, aínda que ás veces pareza que o país anda un pouco zombi”
Entrevista
de Montse Dopico a Manuel Rivas en Praza:
“(…) – Praza: As voces baixas comeza lembrando “o primeiro medo” teu e máis de túa irmá María, do que xa falaras no relato A leiteira de Vermeer. En realidade, a túa infancia está presente en boa parte dos contos de Que me queres, amor?, de Ela, maldita alma ou de As chamadas perdidas. Sitúase neles a orixe de As voces baixas?
– Manuel Rivas: Hai retallos, trazos que aparecen xa neses libros, si. O que ocorre é que o que conto neles non son experiencias biográficas no sentido literal. Hai, si, unha fonte de experiencias que agroman nestes libros e tamén en Os libros arden mal, pero iso non significa que o que aparece nos relatos me pasase necesariamente a min, no sentido máis inmediato. A escrita ten, para min, o xeito dun fío que cose moitas cousas. É como unha ponte entre un nós e un eu, ou entre un eu e un nós. Hai unha sorte de memoria colectiva que herdamos e incorporamos á nosa memoria individual. Así, o de A leiteira non era un relato da miña vida, senón dun personaxe que si tomou cousas prestadas da miña memoria.
A orixe de As voces baixas sitúase, propiamente, na serie Storyboard, que se publicou no suplemento Luces de El País, e que supón como unha cuarta parte do contido do libro. Antes eu non me planteara escribir sobre a materia da infancia e das lembranzas. Cando Xosé Hermida, o coordinador de El País Galicia, recibiu o primeiro artigo, levou unha sorpresa porque, claro, eu escribía sobre temas de actualidade, cuestións conflitivas, polémicas, de crítica cultural e social…
Eu penso que As voces baixas é un proxecto que foi nacendo a medida que o fun escribindo. Acabei decatándome de que era para min como unha estraña obriga en marcha. En realidade non traballo cun esquema estruturado. Só parto de mapas xeográficos que despois moitas veces quedan en mapas ilusorios, porque acabo tirando por outro lado. Se cadra debería escribir en braille, porque escribo como un cego. Con esa conexión entre os dedos e o maxín. É unha escrita moi sinestésica… e non me sae doutra maneira. Un xeito de escribir menos “poético” non sería o que eu quero. Por iso a imaxe do cego, ou a do vagabundo, resúltanme moi acaídas para explicalo. (…)”.
Entrevista a Manuel Rivas sobre As voces baixas en Onda Cero
Desde Xerais:
“Reproducimos unha entrevista en Onda Cero a Manuel Rivas, realizada durante a presentación da última novela As voces baixas“:
Más audios en Onda Cero
Pemón Bouzas: “O que me traian os reis magos vai ser marabilloso”
Entrevista
a Pemón Bouzas en Sermos Galiza:
“Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar A estrela de Oriente (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.
– Sermos Galiza: Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
– Pemón Bouzas: Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! (…)”.
A Coruña: sinatura de libros de A noite branca, por Francisco X. Fernández Naval
O
luns 31 de decembro, a partir das 12:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, Francisco X. Fernández Naval asinará exemplares da súa novela A noite branca, publicada en Xerais.
O Temple, Cambre: presentación de Dark butterfly, de Rexina Vega
O
venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2) do Temple, Cambre, A Coruña, preséntase Dark butterfly, de Rexina Vega, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Begoña Paz e Dores Tembrás.
Redelibros: Os máis destacados de 2012
Desde
Redelibros:
“Un ano máis, tras votación popular, toca facer a solemne proclamación dos que son, para todos vos, os máis destacados deste 2012. Grazas a tod@s por participar e parabéns aos seleccionados, de seguro teñen méritos dabondo!
– Editorial galega: Contos Estraños Editora.
– Obra literaria en galego: Os abismos da noite eterna I. O morador da fenda, de Roberto A. Rodrigues.
– Libro infantil e xuvenil en galego: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila.
– Obra non literaria en galego: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás.
– Banda deseñada en galego: Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Banda deseñada en castelán: El héroe 2, de David Rubín.
– Autor en galego: Agustín Fernández Paz.
– Autor en castelán: Miguel Otero Furelos.
– Ilustrador: Iván Valladares.
– Tradutor: Tomás González Ahola.
– Libro mellor editado: Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo (Xerais).
– Mellor proxecto ou evento cultural: Contos Estraños.
– Libraría: Cartabón (Vigo).
– Blog: Criticalia, de Armando Requeixo.
– Crítico máis destacado: Armando Requeixo.”
