Ramón Nicolás: “Sorprendeume a monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo”

Radiofusión publica unha entrevista en audio con Ramón Nicolás polo seu libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Esta biografía, en palabras do seu autor, é o resultado de moitos anos de investigación da vida e obra de Celso Emilio Ferreiro, botando man das fontes máis importantes. Ramón Nicolás declárase sorprendido pola «monumentalidade do quefacer intelectual, literario e político de Celso Emilio Ferreiro e o seu optimismo». A entrevista completa pode escoitarse ou descargarse aquí.” Desde Xerais.

Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.

Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.

Pontevedra: presentación de 15.724, de Xesús Constela

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Padre Sarmiento, 51), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o libro 15.724, de Xesús Constela. No acto, xunto ao autor, participan Adolfo Caamaño, Xaime Toxo, Ana Isabel Vázquez Reboredo e Manuel Bragado. Posteriormente terá lugar unha actuación musical do Grupo de Pandeireteiras A Buxaina de Coruxo.

Marcos Calveiro: “Palabras de auga transcorre nun non lugar, no medio dunha sabana erma e seca”

Entrevista a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): E grazas a literatura hoxe é todo o que non puido ser…
– Marcos Calveiro (MC): Todo. Sendo escritor podes ser calquera cousa que non fuches quen de ser.
– DP: Tamén lle permite viaxar: á Venecia do século XVIII, ao México de Pancho Villa, a Irak… e, no último, Palabras de auga, a África.
– MC: Si, para min escribir unha novela non deixa de ser unha viaxe. Mentres escribes tamén es lector, documéntaste, les un montón de información, etc. Ese proceso é do que máis me gusta da novela e normalmente é moito máis longo que o proceso de escrita. E logo eu, ademais, son dos que non tomo notas. Leo todo o que cae nas miñas mans, métoo aí no disco duro da miña cabeza e logo vouno soltando. Eu non puxen un pé en Venecia, non coñezo o medio oeste americano onde está ambientado Rinocerontes e quimeras e México, cando escribín Centauros do Norte, non o coñecía. Tampouco África, onde transcorre Palabras de auga. Se tivera que escribir unha novela ambientada nun instituto de aquí, resultaríame moi complexo imaxinar ou fabular, incluso enganar ó lector, porque a ficción non deixa de ser un engano, xogar un pouco co lector e facerlle trampas. (…)
– DP: Moitas das súas novelas céntranse no tránsito da adolescencia á vida adulta e levan mensaxe…
– MC: Si, pero iso non é intencionado. Hai quen di que a literatura infantil e xuvenil ten que educar en valores e mesmo quen di, erroneamente, que non é literatura. Eu fago literatura. Cando comezo unha novela non teño nin a máis remota idea de se vai ser para adultos, para nenos máis pequenos ou unha novela para adolescentes. Escribo a historia como me pide o corpo e logo ó final decido. (…)”.

Pezas para armar a vida de Celso Emilio Ferreiro

Reportaxe-entrevista de Daniel Salgado a Ramón Nicolás en El País:
““A Celso Emilio recoñéceselle o valor de clásico; niso, a posteridade foi xusta”, considera o biógrafo, “pero talvez falta ir máis alá de cuestións ideolóxicas”. Nun diagnóstico apurado, Nicolás avisa dos Ferreiros menos transitados e reclama atención para o narrador —“Os relatos d’A fronteira infinda forman un libro moi interesante”—, o xornalista de opinión que vive soterrado nas hemerotecas ou o divulgador da cultura galega “cando podía e como podía, e tamén cando non podía”. E iso malia que, explica, o escritor revitalizouse criticamente despois de atravesar certo deserto cando a dialéctica literaria, nos oitenta, o considerou a antítese do que debía facerse.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro emerxe dunha década de asexos e dous anos de labor intensivo. “Cousas da providencia laica”, chacotea o autor, “e de que me convenceron Luís Ferreiro [fillo do poeta] e do editor Bragado”. E irrompe nunha paisaxe, ao seu ver, “moi necesitada de biografías”. Ben pola dedicación que precisan, ben polo imán que supón o Día das Letras Galegas, o xénero non despega. “A min servíronme moito cousas como as de Marcos Calveiro ou Iago Martínez sobre Lois Pereiro e a de Murguía de Barreiro é moi interesante”, conclúe, “mais ¿para cando biografía de Rosalía, Curros ou Pondal?”.”

Ribeira: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, na Aula Multiusos da Confraría de Ribeira, preséntase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Elvira Blanco, Rosana Pérez, Luís Pérez, María Torres e Manuel Bragado.

Crónica posterior en La Voz de Galicia.

Vigo: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar

O xoves 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Fran Alonso e a rapeira Aid.

Xesús Constela: “Na miña novela 15.724 quero provocar que o lector se vaia posicionando”

Radiofusión publica unha entrevista en audio con Xesús Constela, autor da novela 15.724. O autor declarou que a patria que se describe na súa novela é, aparentemente, un lugar de conto de fadas, idílico, pero pouco a pouco o lector vai descubrindo que a patria agacha territorios moi sórdidos e que non é o que parece. O título, segundo ao autor, fai referencia a un número que está intimamente ligado a un dos personaxes pertencente a unha familia que sofre unha serie de desgrazas familiares. Esas desgrazas desencadean a historia da novela. «Eu quería –asegura Xesús Constela na entrevista– que o lector se vaia posicionando e que saque as súas propias conclusións; non dar nada feito». A entrevista completa pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.