Extraordinario, de Antón Lopo, primeira novela en galego nas recomendacións do Pen

Desde Sermos Galiza:
“A editorial Galaxia vén de facer público que a novela Extraordinario, de Antón Lopo, se converteu na primeira obra deste tipo en lingua galega en entrar nas obras recomendadas polo Pen de Estados Unidos de América, unha das organizacións máis prestixiosas do país. O recoñecemento chega a través da tradución de Jacob Rogers, que lle valeu a bolsa anual que outorga esta institución xunto coa Fundación Heim.
A iniciativa do Pen traballa pola promoción da recepción de obras traducidas ao inglés, co obxectivo de aumentar o pouco número de traducións que aparecen nesta lingua. Foron máis de 260 os proxectos presentados este ano, dos que o xurado seleccionou 11 de dez idiomas diferentes.
Entre as autoras seleccionadas figuran Fabio Morabito, a cineasta Natalia Meshchaninova, Cristina García Morales, a activista africana Monique Ilbouopo ou Sandra Petrignani, unha das máis famosas escritoras italianas actuais.
O xurado destacou de Extraordinario o “vívido retrato” que Lopo realiza sobre a Galiza actual e a dos últimos anos da ditadura franquista. Trátase tamén, engaden, dun “entrañable relato” sobre un rapaz de orientación queer que medra nunha sociedade represiva e que se converte nun bisexual que traballa como acompañante. Da novela salientan o abano temático que aborda, desde a emigración, a inmigración, o cambio de clima e a distancia entre o urbano e o rural na Galiza.
Jacob Rogers asegura que a novela o atrapou “desde a primeira páxina”. “O que me pasou con esta novela é unha das mellores guías que teño como tradutor: máis que gozar dela, quedei totalmente abraiado ante ela, de maneira que a miña única resposta foi un desexo intenso de traducila”, declara.”

Xaquín Núñez Sabarís gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019

Desde Galaxia:
“A obra Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o 27 de decembro de 2019, ás 12:30 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
O xurado valorou moi especialmente o achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e a cultura de grande difusión. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcofición.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona África López Souto, Don Luís Alonso Girgado, Dona María López Sández, Dona Anna R. Figueiredo e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Xaquín Núñez Sabarís é doutor en Filoloxía Hispánica e Profesor Associado (Titular) do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho. Desenvolve a súa investigación no Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, no grupo de investigación “Identidade(s) e Intermedialidade(s). Ademais, integra o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, dedicado ao estudo da obra de Valle-Inclán.”