Marcas na paisaxe: unha historia do cinema en galego

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A editorial Galaxia publica Marcas na paisaxe, para unha historia do cinema en lingua galega, coa axuda do Grupo de estudos audiovisuais de Margarita Ledo. Son seis textos arredor do cinema galego que tratan temas como a lingua, a militancia ou a emigración. Pode verse aquí.”

Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros 2018 para o 24 de xuño

O domingo 24 de xuño finaliza a Festa dos Libros 2018, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:00 h. Os actos máis destacados para ese día son os seguintes:

11:30 h. Charla-coloquio entre Xesús Alonso Montero e Julián Rodríguez Novo, Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, finalista do Premio Nacional de literatura dramática 2017. Editorial Discursiva. ESCENARIO.
11:30 h. Ledicia Costas con Víctor Rivas e Andrés Meixide, As peripecias de Extravaganza Pérez; A señorita Bubble e Escarlatina. Xerais. Libraría Paz.
12:00 h. Kalandraka, 20 anos de Libros para soñar. Contacontos e música con Bea Campos e outras sorpresas. ESCENARIO.
12:00 h. Julián Rodríguez Novo, Unha morte Lanzal. A traxedia do Bou Eva. El Pueblo.
12:30 h. Polo Correo do Vento, A detective Peregrina e o misterio do torque; colección Mulleres galegas e Periplo Atlántico. Lela Edicións. Clip.
12:30 h. Tamara Andrés, Corpo de Antiochia, de Galaxia. Libraría Paz.
13:00 h. Pedro Feijoo, Sen piedade, Edicións Xerais. Presenta Susana Pedreira. ESCENARIO.
13:00 h. Maricarmen Cores Rey, O globiño viaxeiro. Editorial Discursiva. La Nube de Papel.
13:00 h. Rafael López Torre, Novas edicións de libros sobre Alexandre Bóveda, Daniel de la Sota e Alejandro R. Sesmero. Escolma.
13:15 h. Ismael Ramos, Lumes. Apiario. Libraría Paz.
14:00 h. Presentación do primeiro número da revista Ligeia. Tamara Andrés e Marcus-Daniel Cabada, dirixentes e responsables da dirección. ESCENARIO. Presenta Miguel Ángel Rodríguez.
14:00 h. Pedro Feijoo, Sen piedade, publicado por Xerais. Cronopios.
14:00 h. Tania Merelas Iglesias, Comezar desde cero. Edicións Embora. Libraría Paz.
18:00 h. Creando nun garaxe, 6 anos formando o futuro da BD Galega. O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada de Galicia. Presentación da novela gráfica colectica O picoto do pai, dos alumnos e alumnas do curso profesional de BD Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias e Manuel Tudela. Modera Kiko da Silva. Presentación e tertulia con Anémona de Río TAM e Fonso Barreiro Curuxa, premios fin de curso en O Garaxe Hermético. ESCENARIO.
18:00 h. Cristina Corral Soilán, De paseo con Helena. Edicións Embora. Patakafrita.
18:00 h. Loli Veloso, Siro cos nenos; Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nenos; Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Beneficios da venda destes libros destinados á investigación do cancro en pro da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e apoio a crianzas de Nicaragua. Clip.
18:00 h. Iolanda Zúñiga, Noites de safari. Xerais. Libraría Paz.
18:30 h. Adrián Morgade, Xinfu na maldición guauchuky. Xerais. La Nube de Papel.
19:00 h. Kiko da Silva e Anémona de Río. Libraría Paz.
20:00 h. Arantza Portabales, Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia. Presenta Francisco Castro. ESCENARIO.
20:00 h. Lorena Conde, Entullo. Libraría Paz.
20:30 h. Eva Mejuto, 22 seguntos. Xerais. Seijas.
21:00 h. Suso de Toro, Fóra de si. Xerais. Presenta Fran Alonso. ESCENARIO.
21:00 h. Arantza Portabales, Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia. Cronopios.

Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“A obra Os Fantom impúxose aos 39 orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.
Reunido en Santiago de Compostela a mañá do 20 de xuño, un xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Os Fantom de Patricia Mallo.
O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.
Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba en Galaxia coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para a gañadora.”

Margarita Ledo coordina Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A investigadora Margarita Ledo coordina o volume Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega: “A evolución do cinema contemporáneo defende o subtitulado para manter os idiomas orixinais e as versións orixinais e aí entra o galego sen ningunha dificultade”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Gondomar: faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares

O mércores 13 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), terá lugar un faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios de Ramón Villares, publicado en Galaxia. No coloquio participarán, a carón do autor, Emílio Xosé Ínsua e Carlos Méixome.