Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 1

O xoves 1 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:00 h. Presentación de José Ángel Valente. Cantigas de Alén, por Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
21:00 h. Celia Díaz presenta Unha verdade amarga, publicada por Galaxia. Estará acompañada por Xulio L. Valcárcel e Malores Villanueva.

“O interior das casas”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Nas habituais disquisicións sobre a literatura galega que adoito presenciamos, unha das ladaíñas recorrentes é a de que este é “un país moi pequeno”, onde todo o mundo se coñece, onde non é posible facer un traballo crítico “rigoroso” precisamente por exceso de proximidade. Sen entrar agora a debater o errado que me semella, dende a epistemoloxía feminista, entender o “rigor” como distancia, nin as raíces e consecuencias que este tipo de pensamento trae para as autoras e críticas, querería utilizar o tropo do “país pequeno” para falar en positivo. Os países pequenos (os literarios, cómpre non enganarse, todos o son) acaban sendo coma as casas, lugares que teñen o potencial de nos encerrar ou de nos axudar a coñecer e a coñecernos, a crecer no literario e no humano grazas á presenza tanxible doutras escritoras nas nosas vidas. A proximidade aumenta tamén, é obvio, o noso potencial para crear comunidade.
Entendo, pois, como unha vantaxe da proximidade, do país pequeno, da casa, ter tido ao longo de toda a miña vida como escritora a posibilidade de compartir espazos con Marta Dacosta, espazos que transcenden as páxinas dos libros, mais que fican prendidos a eles indefectiblemente. Ás veces os contactos son meros comentarios ao aire que sen saber alguén recolle. Hoxe, para falar de Na casa da avoa, debo por forza volver a un deles, aquel no que Dacosta comentaba con ironía que a súa escrita quedara atrapada no caixón desleixado da “escrita de/por/para mulleres”. Para aquelas que canonizaron as poetas dos oitenta e noventa, a súa voz semellaba non encaixar no agardado, non seguir os patróns predeterminados. Quedou relegada a ese espazo que pecha as portas a un achegamento crítico (agora si) rigoroso, é dicir, complexo, intelectualmente competente e respectuoso, da súa obra. É hora de sacar a escrita de Dacosta do –con perdón- rocho onde foi confinada. E para iso vou comezar virando a chave polo final, por esta a súa última obra. (…)”