O
luns 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase Vic e Bombona, de Sara Barreiro, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Eva Millán e o Francisco Castro.
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Iván García Campos: “Un libro está vivo cando o lector ten aínda máis preguntas e incertezas despois de lelo”
Entrevista
de Montse Dopico a Iván García Campos en Praza:
“(…) – Praza (P): A vida é dona de nós. Non temos o control sobre ela. É unha das ideas máis presentes en Cuestións vitais secretas. Por que?
– Iván García Campos (IGC): Podería ser unha das ideas, si. Mais o que máis me interesaba salientar é que o coñecemento que temos da realidade é parcial, fragmentado. E a partir dese ínfimo coñecemento temos que tomar decisións. Con ese entendemento parcial, nada se resolve definitivamente. Vivimos na incerteza. E mentres agardamos que as cousas se resolvan, a vida vai pasando… Este é un libro que fala do presente. Hai moita literatura de ficción que fala do pasado ou do futuro.
Pero o que eu quixen foi pensar o presente e máis nun momento histórico tremendo como o que vivimos. Tamén quería falar desde a perspectiva das persoas, dos individuos. Non do grupo. Para min iso é o máis interesante para facer literatura, e non a intriga, a acción…, que tamén están nos relatos, pero creo que non é o obxectivo. Quero dicir, que tamén é importante ter o lector nesa incomodidade de que sabe que algo vai acontecer… En calquera caso, o que trato é de suxerir preguntas que, na maioría dos casos, non se resolven. Hai moitas omisións, porque a vida tamén é así. Cada persoa vive a súa vida e o resto son como actores secundarios e non sabemos nin de onde veñen nin onde van… (…)”
– P: Falabas antes de que che interesaba a persoa e non o grupo. Ou de que a literatura debía facer emerxer o oculto. Son ideas moi presentes desde hai moito tempo no discurso literario, sociolóxico…
– IGC: Interésame os individuos, as persoas concretas, e non o grupo. Sempre digo que o importante de alguén que escribe non é a súa vida, senón o que escribe. Pero as circunstancias persoais inflúen no que escribes. Eu traballo rehabilitando persoas que teñen enfermidades e lesións. Persoas que senten dor, medo, incertidume. Acompáñoas en todo o proceso e iso faime vivir cada día o valor das persoas. Pero insisto: a miña vida non ten importancia. Non me gusta falar de min. Hai editoras que utilizan o status profesional do escritor para promocionalo. Iso non me gusta. Que máis dá que sexas catedrático ou que non teñas carreira. Creo que o importante é o que escribas. Da mesma maneira que penso que como se coñece ás persoas é no cara a cara.
– P: As ideas do éxito, da felicidade… tamén se cuestionan no libro.
– IGC: Cando somos novos pensamos que a felicidade é que sexa todo perfecto. Ao medrar, decatámonos de que non é así. De que felicidade é estar co teu fillo, por exemplo. E de que a “felicidade” é unha entelequia. Como a “humanidade”. Non existe a humanidade. Só as persoas. O concepto da felicidade vai mudando ao longo da vida. A vida non acontece de modo ordenado, como nos contan. Non saen as cousas como as tiñamos planeadas. Mais a cuestión é como nos adaptamos. Porque, ata que punto temos o mando da nosa vida? Saber vivir a vida tamén é saber adaptarnos ao que nos vai traendo a vida. (…)”
Booktrailer de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila
Miguel Anxo Fernández fala sobre O espido de Gina
A Coruña: presentación, monólogo e coloquio arredor de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda
Taboleiro do libro galego XXXVI (setembro 2015), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Tras o período vacacional retorna a sección do “Taboleiro” a este blog. Grazas á participación destas catorce librarías colaboradoras: Libros para Soñar, Andel, Librouro, Casa del Libro e Cartabón de Vigo, O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Aira das Letras de Allariz, Lila de Lilith e Couceiro de Compostela, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Suévia da Coruña e Paz de Pontevedra.
NARRATIVA
1º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia, e Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Xerais.
3º-. A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, Galaxia.
4º-. Xeixos, de Suso Lista, Embora.
5º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
6º-. O frío azul, de Ramón Caride, Urco.
7º-. O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, Galaxia.
8º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
9º-. A verdade nos espellos, de Pablo Rubén Eyré, Sotelo Blanco.
10º-. Agosto de memoria e morte, de X. Fernández Leiceaga, Xerais.
11º-. Muros de aire, de An Alfaya, Xerais.
POESÍA
1º-. A boca da terra, de Manuel Rivas, Xerais.
2º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
3º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, PEN Club.
4º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, Deputación de Pontevedra.
5º-. Advento, de Manuel María, Fundación Manuel María.
6º-. Dominio público, de Ramón Neto, Caldeirón.
ENSAIO-TEATRO
1º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos, de Julia Fernández Rodríguez, Galaxia.
3º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
4º-. As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán, Galaxia.
5º-. Nacionalismo galego aquén e alén mar, de Uxío-Breogán Diéguez, Laiovento.
XUVENIL
1º-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.
2º-. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
3º-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
4º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
5º-. Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira, Urco.
6º-. Feitizo de sangue, de Sabela González, Galaxia.
7º-. Madonna e outros contos de inverno, de Manuel Rivas, Xerais.
INFANTIL
1º-. Onde viven os monstros, de Maurice Sendak, Kalandraka (tradución de X. M. González Barreiro).
2º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
3º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
4º-. O meu pesadelo favorito, de María Solar, Galaxia.
5º-. Once damas atrevidas, de Oli e H. Thomassen, Kalandraka.
6º-. A historia de Parche, Concheiro, Os Biosbardos.
LIBROS CD-DVD
1º-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. A nena e o grilo, Magín Blanco e Iván Prieto, OQO.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Aventura no Camiño de Santiago, de Primitivo Marcos, El Patito Editorial.
Entrevista con Marcos Calveiro, gañador do Premio Repsol 2015
Desde
Galaxia:
“(…) – Editorial Galaxia (EG): Un premio sempre é unha inxección de enerxía, non si?
– Marcos Calveiro (MC): Por suposto e máis para min que levo de seca cretiva dous anos, agardo que o Repsol me dea pulos para retomar a escrita.
– EG: Se tivese que resumir Fontán en cinco liñas, que nos diría?
– MC: A medida do Mundo, Galicia, a tenacidade, a honradez intelectual e idielóxica. Fontán é un galego esquecido polo gran público que precisamos reivindicar polo orgullo do noso país e da ciencia galega que sempre estivo en primeira liña. Un adiantado ao seu tempo.
– EG: Por que escolleu un personaxe como Domingo Fontán para a súa historia?
– MC: É unha figura que me obsesiona dende que na adolescencia lin a Pedrayo: Eu, coma Adrian Solovio quedei deslumbrado polo seu mapa e pola súa figura, levo moitos anos tras a súa sombra.
– EG: A novela histórica non é algo que non teña tratado con anterioridade. Tenlle querenza ao xénero…
– MC: Teñolle querenza ao meu país a sacar á luz aquela parte da nosa historia que foi agochada polo poder e polos vencedores. Reinvidicar o pasado do noso país para darnos azos para mirar cara adiante, cara ao futuro con orgullo e afouteza.”
Unha obra sobre Domingo Fontán de Marcos Calveiro gaña o Premio Repsol
Desde
Sermos Galiza:
“O vilagarcián Marcos Calveiro vén de gañar a IX edición do Premio de Narrativa Breve Repsol en lingua galega grazas a unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista ao ilustrado galego Domingo Fontán.
Trátase dunha novela biográfica de fondo histórico que se basea na vida de Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado destacou da obra que “relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos”.
En Fontán xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.
Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.
O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia. (…)”

