Entrevista de Montse Dopico a Xavier Seoane en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comexa xa o libro [Espiral de sombras] con títulos que conteñen termos como derrota e destrución. Hai un eu colectivo definido como “estirpe morta”. “Somos os fillos da eiruga señorial/ e a vara clientelar/ do cacique e o raposo”, di a voz poética. Todo o libro pode interpretarse, así, como unha historia de Galicia en clave épica. Era a idea?
– Xavier Seoane (XS): Quizais antes debería dicir que a poesía non é unha actividade plenamente transparente, cartesiana, cristalina… Por iso, o que eu poida dicir sobre o meu libro non deixará de ser unha certa impostura: unha reflexión racional, conceptual, sobre algo que nace de instancias agachadas da nosa psique, que o propio poeta, como calquera persoa, descoñece. E eu creo que neste libro non é precisamente escasa a afluencia do subconsciente, do instintivo… Teño a sensación de que hai moito elemento simbólico, mítico, irracional, catártico, emotivo, intuitivo… cuxa descodificación se me escapa. Por iso creo que o libro pode ter moitas lecturas.
Que trata do país, da súa historia, da súa (chamémoslle así, se é que iso existe e pode ser nitidamente perceptible) “identidade”, dos seus mitos e soños, da súa fisicidade natural, atlántica e antiga, da súa cultura, de elementos arqueolóxicos e etnográficos do seu vivir, da súa cultura popular, da dura aculturación que sufriu … é evidente. Entre outras cousas, porque eu vivo aquí, e todo penetra nun desde cativo, ou, se queremos crer no do “subconsciente colectivo”, a través do legado que nos dan no paquete xenético e vital.
Que tamén, no libro, hai, creo, bastante do que podiamos chamar arcano e auroral, e en certo modo cósmico ou cosmogónico. Pero eu creo que tamén hai moitas outras cousas. Creo que está o malestar recente polo modo en que se está realizando o proceso de globalización, ese triunfo deshumanizador do neoliberalismo, esa destrución de tantos logros históricos, sociais e culturais… E creo que tamén hai moito de min mesmo. De vivencias directas ou indirectas. Dos meus. Elementos, vivencias ou lembranzas puramente persoais E outras que proceden da experiencia tanto física como inmaterial do lugar e da cultura que un vive…. O que pasa é que me dá a sensación de que na recepción do libro vai prevalecer, con moito, a visión que ti mesma recolles e expós. (…)
– MD: Tampouco deixas de apuntar ao presente. Ao poder “da gravata rosa/ e os ollos pitoños”. Hai, neste sentido, neste poemario, con respecto aos teus anteriores, un sentido de fondo máis político? Pode que haxa unha conciencia, en poetas da túa xeración, da necesidade actual de facer máis explícitas este tipo de cuestións?
– XS: Toda a actividade humana é en boa parte filla do genius loci, é dicir, das influencias do lugar, e do zeitgeist, do espírito do seu tempo, do momento que se vive. A contrarrevolución “conservadora”, marcadamente autoritaria e retardataria, que estamos vivindo, e a crise absoluta de valores que arrastra (sociais, políticos, morais, culturais…), así como o intento de reducir o individuo a un mero produtor, a un suxeito movible e desarraigado, están a incidir na creación cultural do noso momento. Non é unha cuestión xeracional nin dunha arte concreta.
Abrangue de cheo, pola súa gravidade e transcendencia, o noso momento. Canto á cuestión xeracional que me preguntas, confeso que, malia a pertencer a unha gran xeración de poetas, adianto que non creo demasiado nas xeracións. Creo que as persoas que tenden a obsesionarse con estas cuestións son en xeral as que menos saben ou teñen que dicir poeticamente. A min, que procuro achegarme ao que me guste, veña de onde veña e de quen for, o que me atrae é ir directamente aos textos, concretos, contantes e soantes, e aos autores como tales. O das xeracións é unha convención necesaria para certas cuestións de estudo, de organización, de clasificación… Mais eu confeso ser moi huxleiano. Prefiro ir aos textos: aí é onde está, fenomenicamente, todo. O resto… quizais é o que chamamos, ou alomenos Verlaine, literatura. (…)”
Arquivos da etiqueta: Espiral de sombras
Coñécense os finalistas dos Premios Ánxel Casal da Edición de 2013
Desde a Asociación Galega de Editores:
“A Asociación Galega de Editores convoca anualmente os Premios Ánxel Casal da Edición en galego, galardóns que pretenden recoñecer o traballo realizado polos editores galegos ao longo do ano. A presentación de candidaturas e a primeira votación é realizada polos editores e, posteriormente, de entre os libros e proxectos finalistas, o xurado delibera e decide os premiados de cada unha das categorías.
O pasado día 14 de febreiro tivo lugar o reconto e traslado do resultado correspondente aos libros editados en galego durante o ano 2013 e o 17 de febreiro foille comunicado ese resultado aos editores e aos integrantes do xurado.
Do proceso resultaron finalistas:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello; O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila; O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, editados por Galaxia; O elefante branco, de Xesús Fraga editado por Tambre e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo e Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras, editados por Xerais.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013 resultaron finalistas: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos; Espiral de sombras, de Xavier Seoane, editado por Kalandraka e Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, editado por Xerais.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos; Corasons, do Colectivo Corasons, editado por Kalandraka; Historia da Música en Galicia, de Lorena López Cobas, editado por Ouvirmos; e Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais, de Antón Cortizas, editado por Xerais.
– Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia; Un ianqui na corte do rei Artur, traducido por Carlos Acevedo, editado por Kalandraka; Tonino, traducido por Yolanda Castaño, editado por OQO; A arte da Guerra de Sun Zi, traducido por Xulio Ríos e editado por Teófilo Edicións; Eneida, traducido por Xoán Fuentes Castro, editado por Toxosoutos e Astérix e os pictos, traducido por Xavier Senín e Isabel Soto, editado por Xerais.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Nicomedes o Pelado, ilustrado por David Pintor e Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editados por Kalandraka; Oliver Twist, ilustrado por Daniela Volpari, editado por Baía.
– Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013, resultaron finalistas: As dúas casas de Alicia, de Christelle Vallat, traducido por Marica Campo, e O galo Ernesto, de Mon Daporta, editados por Baía; A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos; Xogos musicais, de Luis Prego e Marta Iglesias e Tambo, de Laura García Ferro e Victor Castro Martínez, editados por Cumio; O Carnaval dos animais, de José Antonio Abad e João Vaz de Carvalho e Pan de millo, de Migallas e Dani Padrón, editados por Kalandraka; Montañas na cama, de Maricuela, editado por OQO; O elefante branco, de Xesús Fraga, editado por Tambre; Bágoa de Lúa, de Sabela González, editado por Galaxia e Un rato díxolle á Lúa, de Antonio García Teijeiro, editado por Xerais.
– Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka; Historia da literatura galega. Das orixes a 1853, de Xosé Ramón Pena Sánchez e Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editados por Xerais.
– Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Recursos educativas da Aula Virtual Baía da editorial Baía; Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais; o Proxecto Corasons, de Kalandraka e a serie de animación Cocorico, de OQO.
– Por último, na categoría ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013 resultaron finalistas Berta Dávila, Manuel Gago e Xosé Neira Vilas.
A entrega dos Premios da Edición terá lugar no Liceo de Betanzos o próximo 21 de marzo.”
A Coruña: recital de poesía e música con Correa Corredoira, Olga Patiño e Xavier Seoane
Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas de Nadal!»