Cuestionario Proust: Estevo Creus

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Estevo Creus:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de poñerse en dúbida e rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Cariño e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– O meu excesivo hedonismo?
5.– A súa ocupación favorita?
– Practicar o White Techín (mirar ao teito). Disciplina acuñada polo amigo Arturo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pasar a vida viaxando. Aprender un cento de cousas. Amar?. Compartir corpos…?
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a capacidade de abraiarme. Non sentir amor por nada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Viaxeiro a tempo completo/no seu defecto, escultor preto do mar.
9.– En que país desexaría vivir?
– Occidente non. Nun país bonito, he, …anarquía e mar?
10.– A súa cor favorita?
– A cor laranxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A margarida.
12.– O paxaro que prefire?
– No mar o corvo mariño cristado…, na terra o paporrubio…, non podo escoller entre os dous.
13.– A súa devoción na prosa?
– …Cortázar?
14.– E na poesía?
– Uf… Ultimamente aquela que se rebela contra a propia proposición lingüística como formato do saber/coñecemento. Aquela que di sen dicir e sabe sen saber. Por nomear unha das mellores experiencias poéticas, dicir que tiven a sorte de escoitar/viaxar na voz de Carlos Oroza. Habería tanta xente á que admiro…, ai!!
15.– Un libro?
– O que acabo de ler: Realidad y Mundos posibles. Los Actos de Imaginación que dan Sentido a la Experiencia. Bruner, Jerome. Un ensaio científico sobre os formatos da memoria, a persoa (identidade) como texto de ficción científica, e de como o relato constrúe a experiencia e os significados. Somos textos literarios? A deriva sería pensar quen constrúe o texto e quen impón o texto… Quizais Foucault poida dar algo de luz…, ou non…, non o sei…, moitos libros habitan este corpo e andan.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes. Tampouco procuro salvadores.
17.– Unha heroína?
– A mesma que arriba.
18.– A súa música favorita?
– Son moi eclético… algo que influíu moito en min foi a experimentación de Steve Reich (LP: Different Trains) acompañado por Pat Metheny e a Kronos Quartet.
19.– Na pintura?
– Toda a pintura…, pero un cadro que segue a obsesionarme é Retrato duplo dos duques de Urbino de Piero della Francesca. E xa van anos. Habería moita máis pintura. Pintar a mona por exemplo penso que é preciosísimo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ningún e ningunha en particular. Calquera persoa boa e xenerosa…, o que signifique iso pois…., é outra leria.
21.– O seu nome favorito?
– Un topónimo: A derramada.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de xulgar e aconsellar cando ninguén pediu nin xuízo nin consello.
23.– O que máis odia?
1) A ausencia do azar nas ecuacións.
2) Que deter o sufrimento humano non sexa a nosa maior prioridade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Gusto máis da intrahistoria. O abusón.
25.– Un feito militar que admire?
– Creo que ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A valentía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquilo, sen dor, e a poder ser nun día soleado na praia de Carnota ou no mar do Rostro, en Fisterra.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O estado… tranquilo/intranquilo felizmente borroso?
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Uf…, cada defecto é unha virtude, cada virtude é un defecto (penso eu). Supoño que NON sería indulxente coa ausencia de dúbidas.
30.– Un lema na súa vida?
– Van dous: 1) O mapa non é o territorio e a palabra non é. 2) Amar sempre.”

Entrevista a Estevo Creus no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Sigo mantendo esa idea dunha poesía máis da imaxe. Ao final de achegar tanto o foco as cousas producen monstruos”. De Teoría do lugar a O lugar que non hai. Revisamos dúas décadas de escrita con Estevo Creus Andrade, que vén de gañar o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Pode escoitarse aquí.”

Estevo Creus gaña o Lorenzo Baleirón cun libro sobre a dimensión fantasmal da realidade

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A práctica poética de Estevo Creus (Cee, 1971) vén delimitando un territorio singular, estrañado. A súa mirada entende a realidade como algo á marxe da percepción común. O mundo revela as súas outras verdades grazas ao poema. O lugar que non hai titúlase o libro co que vén de gañar a 30ª edición do premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel investiga a dimensión fantasmal do real e os baleiros do idioma.
“A obra fala fundamentalmente sobre lugares que non existen”, explica ao teléfono. A imposibilidade da propia percepción, cómo se constrúe a forma de mirar ou os ocos da linguaxe son eixes polos que discorre a escrita de Creus. Que para esta ocasión, seis anos despois de Balea2, desprégase por páxinas “moi descritivas”. É dicir, a obxectivos en aparencia abstractos chega por vías concretas.
“Intento nomear as cousas coas cousas”, di, “e debuxo paisaxes surrealistas co que hai”. O deambular pola cidade proporciona a materia dun traballo “un pouco filosófico”. Pero son esas “cousas” descritas o que produce “fantasmas, esperpentos”. “A xente nas rúas da cidade, por exemplo, ten unha aparencia fantasmal”, engade. Dalgún xeito, a poesía como mecanismo de desvelamento, aínda que sen invocacións á epifanía.
Por idade e experiencias compartidas, Estevo Creus aparece adoito adscrito á Xeración dos 90. A súa obra, porén, foise afastando de formulacións iniciais –Poemas da cidade oculta (1996), Areados (1997)- e adquirindo forte conciencia da crise da linguaxe. En O lugar que non hai, esta é elemento central. “Hai unha crítica feroz á linguaxe proposicional”, esténdese, “a linguaxe é un cabalo de Troia no ser, a linguaxe impide”. O poeta enfróntase a unha ferramente incerta, “inimiga”, nun libro “bastante contemplativo”.
Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite. Que devolve a Estevo Creus ás librarías logo dun demorado silencio. “A razón”, expón divertido, “é que non lle atopaba moito xeito ao que estaba facendo”. O seu método, ademais, contribúe a estes longos períodos sen publicar: “Escribo de cando en vez, e dun tirón. Obedece tamén ao azar”. (…)”

Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”

Compostela: presentación de De baleas, de Eduardo Estévez

O venres 17 de novembro, ás 20:30 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase De baleas, de Eduardo Estévez, publicado por Caldeirón. Trátase dun traballo composto por un libro de poemas + un cómic + un cd con música de baleas + unha balea de papel. O cómic está debuxado por Tokio, e no cd participan Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz.

Con barqueira e remador. VI Obradoiro Internacional de Tradución Poética, do 16 ao 21 de outubro

Cita xa consolidada desde hai seis anos, baixo a dirección de Yolanda Castaño, o Obradoiro Internacional de Tradución Poética acolle neste 2017 unha edición excepcional e única no mundo. O evento de tradución plurilingüe, colectiva e recíproca da illa de San Simón, que durante as cinco edicións anteriores empregara o inglés como lingua franca de comunicación entre poetas/tradutores chegados de catro continentes, encara o reto expresivo de desprazar o punto de apoio cara a un novo idioma: o portugués.
Desafiando a anglófona hexemonía lingüística global, Con barqueira e remador desprega un proxecto que fai da nosa lingua irmá vehículo de comunicación internacional, e faino mesmo fóra das fronteiras portuguesas. Así, este vello idioma demostra servir de ponte entre autores/as que nos visitan desde América, Asia e Europa. Falarase en portugués nese simbólico berce fundacional da lírica galegoportuguesa que é a illa de San Simón, para traducir poemas ao italiano, ao chinés, ao asturiano, ao croata, ao finés e ao galego.
O obradoiro desenvolvido entre estas seis magníficas plumas e mais os seus expansivos froitos daranse a coñecer en cadanseu territorio de orixe. Será tamén o xeito de que floreza máis alá aquilo que xermole en Galicia, ao abeiro da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Concello de Redondela, como entidades colaboradoras principais.
Os traballos de tradución entre o grupo residente na illa enriqueceranse, un ano máis, cun programa de actos que conectará os e as participantes co rico tecido cultural da Galicia sur. Poderán amosar o seu traballo en Pontevedra, en Vigo e en Redondela, en colaboración con concellos, asociacións gremiais, centros culturais e festivais de poesía. Será un xeito de non deixar pasar a magnífica oportunidade de que os e as amantes da poesía coñezan de preto algunhas das poéticas actuais máis interesantes do mundo, en moitos casos vertidas ao galego por primeira vez.
A AELG colabora canda o Concello de Pontevedra no acto do mércores, 18 de outubro, ás 20:00, na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra).
Vexa aquí o informe de prensa das actividades.

Recitais poéticos multilingües
Mércores 18 | 20 h
Casa da Luz. Praza da Verdura. Pontevedra
En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra.
A mellor mostra tanto do traballo poético dos autores/as participantes coma do labor de tradución (ao galego) durante o proxecto.

Xoves 19 | 20 h
Instituto Camões. Casa Arines, Praza Tenente Almeida, s/n. Vigo
En colaboración co Festival Kerouac Vigo de Poesía e Performance e co Centro Cultural do Camões.

Venres 20 | 20 h
Casa da Cultura. Praza de Figueroa, 3. Redondela
En colaboración co Concello de Redondela.
Peche do obradoiro no que cada poeta recita no seu idioma orixinal, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.

Miro Villar: “O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa”

Entrevista a Miro Villar en Sermos Galiza:
“Este ano cúmprense 20 anos da publicación do primeiro número de ‘Feros Corvos’, a revista do Batallón Literario da Costa da Morte que se fundara un ano antes. E quixemos lembrar aqueles tempos de axitación poética cun dos seus protagonistas, o poeta Miro Villar, que ademais foi tamén presidente da primeira xunta directiva da asociación.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu o Batallón?
– Miro Villar (MV): Xa había un humus, un caldo de cultivo, unha serie de colectivos que xa funcionaban na Costa da Morte, entre eles o colectivo “Un Medio” de Cee e o “Arre Sentelha” da Terra de Soneira, que estaban a funcionar de maneira autónoma. En determinado momento viuse que podiamos confluír e ampliar a base destes colectivos. E así naceu o Batallón Literario da Costa da Morte en maio de 1996.
– SG: E a idea de crear un medio de expresión como ‘Feros corvos’?
– MV: – Os primeiros meses de vida do Batallón eran moi intensos. Faciamos recitais en lugares de todo tipo, mesmo campos das festas, en bares ou alí en onde se nos convidase, en festivais antimilitaristas, onde cadrase naqueles momentos… E vimos unha necesidade de potenciar todo isto e dotarnos dun medio de expresión, polo que creamos un díptico, con catro páxinas, feito con escasos medios, en multicopia, a cor, que se distribuía de balde alá por onde iamos e nos bares da Costa da Morte. Esa era a nosa intención, chegar á maior xente posible, porque o obxectivo último do Batallón era levar a poesía a pé de rúa. Basicamente a poesía, porque a maioría eramos poetas, aínda que tamén había narradores. E aí confluiamos xente que xa tiñamos publicado, como eu mesmo, o meu irmán Rafa ou Marilar Aleixandre, con xente que non tiña nada na rúa e que, curiosamente, anos despois ten libros publicados. Fáloche de Modesto Fraga, os irmáns Creus –Estevo e David-, Alexandre Nerium, Xaime Trillo…
– SG: O Batallón trouxo un esplendor da poesía en movemento.
– MV: Si, aquela era unha época -a mediados dos 90- no que non era doado publicar poesía. Era un momento similar ao de hoxe, pecháranse coleccións e non era doado conseguilo, fóra de Espiral Maior. Entón aquela era unha maneira de levar a poesía a outros lugares onde nós criamos que tiña que estar, máis a pé de rúa. Pero non era algo que inventasemos nós. Collemos experiencias anteriores doutras épocas para buscar un maior contacto co público lector.
– SG: Coa perspectiva que dan os anos, cal cres que foi a incidencia do Batallón na vida cultural galega de hoxe?
– MV: Non creo que teña que ser eu quen calibre iso. Deberían ser persoas que non participaran da experiencia. Hai varios traballos sobre o Batallón que o calibran, pero na miña opinión serviu para dar voz a moita xente que estaba empezando a publicar os seus textos en follas voandeiras que con posterioridade se incorporaron ao discurso literario galego. E despois a darlle unha maior visibilidade á poesía cara ese público lector. Eu creo que eses son os dous principais éxitos do Batallón. Eu, desde logo, considérome satisfeito con que varias das persoas que participaron chegasen a ter unha obra propia consolidada. Para min iso xa xustifican os esforzos que tivemos nesta angueira.
– SG: E como ves o estado actual da poesía na Costa da Morte?
– MV: Nin mellor nin peor que noutras zonas do país. Hai iniciativas igual que noutros lugares e a poesía tamén está na rúa, como no Festival do Condado. É unha experiencia que é exportable e que hoxe podería ter un sentido tamén. De todas formas, eu observo que están a xurdir proxectos dun tempo a esta parte moi interesantes, como editoriais como Apiario ou Chan da Pólvora, que son pequenos pero teñen xa unha traxectoria e creo que un futuro de moita forza. Penso que é un momento moi bo para a creación poética no país, a pesar de que as grandes editoriais lle continúen a dar as costas. Por exemplo, Sotelo Blanco desapareceu do mapa e Xerais e Galaxia publican a ‘contagotas’. Pero hai xermolos de actividades, outra vez, en lugares pouco habituais coma naquela época. Por tanto, eu son optimista neste momento.”

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 9

O venres 9 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

18:00 h. Tradución das clásicas ao galego, de Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf. Celia Recarey Rendo e Antía Veres.
18:30 h. Recital de poesía: Charo Lopes, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.
19:00 h. Marilar Aleixandre presenta Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, publicado en Galaxia. Intervirán, xunto á autora, Ismael Ramos e Malores Villanueva.
19:00 h. Presentación cruzada das novas publicacións de Isidro Novo: David Cortizo, editor de Urco, quen presentará CO2, poemario publicado por Edicións Positivas, e Francisco Macías, editor de Positivas, presentará O tabú na traslenda, publicado no selo Alcaián de Urco.
20:00 h. Ariel Ninas e a sanfona: recital Entre baleas, poemas de Estevo Creus: Balea2, e Eduardo Estévez: Baleas.
20:00 h. Inma López Silva firmará exemplares de Aqueles días en que fomos malas, publicado por Galaxia.