“”A estrea de O incerto señor Don Hamlet no Teatro Colón no 59 marcou a miña decisión de dedicarme ao teatro no resto da miña vida”, afirma o dramaturgo Manuel Lourenzo. Menos decisiva foi a influencia que a obra deixou en Ánxeles Cuña quen dirixiu a adaptación que Sarabela Teatro fixo tempo atrás desta obra, unha das máis destacada da literatura galega. Todos eles, xunto con Laura Tato e Euloxio Ruibal falarán mañá da obra dramática de Álvaro Cunqueiro, nun acto coordinado por Henrique Monteagudo, co que se pretende homenaxear ao escritor mindoniense co gallo do centenario do seu nacemento. Culturagalega.org falou con algúns dos presentes nesa mesa redonda para que sinteticen as ideas principais que abordarán nese coloquio (…)”. Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Euloxio R. Ruibal
A Coruña: exposición No niño novo do vento, e faladoiro sobre A obra dramática de Álvaro Cunqueiro
A Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina. A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.
Roteiros literarios por Compostela: Euloxio R. Ruibal
O martes 14 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Chillida no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela, comezan os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man de escritoras e escritores. Está previsto que este Roteiro, da man de Euloxio R. Ruibal, comece no parque de San Domingos de Bonaval e remate na Praza do Toural Os participantes percorrerán as principais rúas da zona monumental (Casas Reais, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa do Vilar…), facendo paradas na praza de Cervantes, praza de San Martiño Pinario, praza da Quintana, praza do Obradoiro, praza de Mazarelos, praza da Universidade… Tamén se deterán en espazos de especial simbolismo (Panteón de Galegos Ilustres) ou diante de edificios onde residiron insignes escritores (Murguía, Bouza Brey, López Ferreiro…). Notábel presenza terán tamén escritores contemporáneos do meirande prestixio literario; xa pola súa estreita vinculación coa cidade compostelá (Lorca, Otero, Castelao…), xa por formar parte da súa veciñanza durante longo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro). Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Santiago: presentación de Labirinto da memoria, de Euloxio R. Ruibal
O mércores 2 de marzo, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Labirinto da memoria, de Euloxio R. Ruibal, publicado en Toxosoutos. No acto participan, co autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e David González Couso. Recollido en Galicia Hoxe.
Euloxio R. Ruibal: “Estamos secuestrados”
Entrevista a Euloxio R. Ruibal en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): O texto non chegou a ser representado por unha decisión pouco cultural, senón máis política.
– Euloxio R. Ruibal (ER): É unha obra [Azos de esguello]que vai máis alá do que eu pensara. Loxicamente hai unha intencionalidade na súa escrita pero pertence a unha época na que a nosa sociedade estaba en plena convulsión. Acababamos de saír da ditadura e non estaban asentados os alicerces dunha sociedade que cambiou do día para outro. Nesta sociedade había lugar para todo tipo de picaresca. Naquel momento, empezaban os negocios fáciles e pequenas corruptelas. Non está baseada en ningún caso concreto senón en moitos casos e nos distintos poderes que daquela ían collendo as rendas: era xente nova, que nunca se dedicara á política, empresarios agresivos cun espírito e unha ideoloxía liberal que se presentaban a si mesmos como demócratas…. pero realmente había moita falsidade en todo iso. Empezaba a haber pola miña parte un desconcerto e un desencanto. Despois de sufrir unha ditadura, tiñamos esperanzas pero viamos que esas esperanzas empezaban a esvaecerse. Había poderes que comezaban a degradarse. A obra foi máis alá do que eu quixen. Molestou porque estaba tocando algunhas teclas incómodas. Loxicamente, a obra gañara un premio oficial e ía ser representada pero houbo xa por parte de dous directores intentos de desbotala dalgunha maneira sibilina. Desaparecera a censura pero foise renovando: agora segue a habela e practícase doutra maneira. Non era censura oficial pero había outros medios máis sutís para evitar que se chegase a representar. Eu sabía que non ía poder ser pero protestamos para poñelo a descuberto.”
Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega
O plenario da Real Academia Galega de onte sábado 23 febreiro elixiu a directiva que gobernará a centenaria institución durante os próximos catro anos. Acompañará ao presidente Xosé Luís Méndez Ferrín un equipo composto por Xosé Luís Axeitos (secretario), Manuel González (tesoureiro), Euloxio Ruibal (bibliotecario) e Paco Fernández Rei (vicesecretario).
Na prensa de hoxe domingo podemos ler máis entrevistas co novo presidente da Real Academia Galega:
Faro de Vigo: “A situación financieira da Academia é un escándalo, vive na beneficencia”
–O conselleiro de Cultura afirma que o problema da cultura é que está acomplexada…
–Por iso está traducido Manolo Rivas a 30 linguas no mundo e Jiménez Losantos non. Cando un escritor galego está traducido en francés por Galimard non se poden dicir esas cousas.
–Que pode facer a Academia para para aumentar o prestixio social do galego?
–A Academia so é un factor. Esa tarefa non lle compete só a mundo intelectual como moitos pensan. Na sociedade hai algo máis que intelectuais, e o galego está asumido hai anos polo sindicalismo, por exemplo. Hai unha toma de conciencia contraria a ese desprestixio, pero isto compételle á totalidade da sociedade.
[Ler entrevista completa]
La Voz de Galicia: “A Real Academia Galega é un tanque de intelixencia”
-Vostede chega coa idade e a experiencia axeitadas para o cargo, e con ganas de traballar por unha Academia, moi limitada de medios, da que nalgún momento foi crítico.
-As críticas non foron nunca sobre a Academia ou a súa existencia, senón puntuais por algunha actuación. Non me estraña que a RAG teña un pasado con moitos altos e con moitos baixos na súa historia centenaria porque nunca tivo independencia económica. Sempre viviu de favores e de beneficencia, en realidade. Se conseguísemos saír desa situación sería magnífico, pero non o sei. Faremos todo o posible por persuadir á Xunta de que sería ben que deixase instituído un orzamento para sempre, á marxe dos cambios políticos.
-Non sei se é o mellor momento para acadalo, e non por estar o PP na Xunta, senón por toda a tensión que se está a crear na sociedade desde dentro e desde fóra.
-Tampouco ten por que ser necesariamente un mal momento. A RAG acaba de revelar na sociedade galega, dun día para outro e cunha contundencia notable, a súa existencia e a súa autoridade cun documento clave para cambiar a cousa. A RAG está nestes días máis presente do que estivo nunca no resto do Estado. O noso punto de vista consiste en pedir que a subvención da RAG figure nos orzamentos da Xunta e acadalo non depende de nós. O bipartito anterior non quixo. Non sei agora.
-Que pode facer a RAG?
-A RAG é un suxeito colectivo formado por individualidades moi fortes. Podía ser máis numerosa, porque Galicia é un país moi culto e nada ensimesmado… pero os académicos que existen son un grupo de intelectuais moi forte. E a evidencia está na análise que fixo das bases. Non hai nin un só colectivo en Galicia que puidese ter feito nada semellante, salvo o de xuristas, que coincidiu coa Academia nas partes que facían referencia ao campo legal.