Letras en familia, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”

Ars dedicandi: Fermín Bouza-Brey

DesdeFermín Bouza Brey o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fermín Bouza-Brey naceu o 31 de marzo de 1901 en Ponteareas. Alí residía a familia de súa nai e alí pasou curto tempo ata que, sendo aínda neniño, marchou a Vilagarcía de Arousa, de onde era a familia paterna e onde pasou o resto da infancia e primeira mocidade.
Logo de cursar o bacharelato en Pontevedra e Ourense, chegou a Compostela, onde estudou Filosofía e Letras (sección Historia) e logo Dereito. Foi nese tempo cando comezou a actividade literaria e galeguista pública, que non abandonou nunca.
E tamén foi nesa época cando, xunto a outros amigos, asistiu aos faladoiros do Derby e o Español e coñeceu, entre outros, un mozo delgado e de longo nariz que viña dende Mondoñedo e facía versos: Álvaro Cunqueiro. Naceu alí unha amizade que continuou sempre e que aínda os houbo xunguir en común andaina nas xornadas da Real Academia Galega, á que ambos pertenceron.
Bouza-Brey tivo unha evidente querenza pola Galicia do Sur. Aos nosos irmáns lusos foinos coñecer con intensidade e cordialidade xa en 1931, ano no que recibiu unha bolsa do Centro de Estudios Históricos de Madrid para viaxar ata Portugal e ampliar coñecementos nos eidos da Prehistoria e a Arqueoloxía. A partir dese momento, estableceu con aquela terra unha fraterna admiración que o levou, en 1955, a publicar, en ortografía portuguesa, Seitura, poemario que apareceu na Coleccão 4 Ventos da Livraria Cruz de Braga cunha cuberta de Roby Amorim.
Fica aquí testemuña dun grande do neotrobadorismo a outro señor da nova poesía cancioneiril nesta dedicatoria estampada no que foi o volume testamentario do poeta e etnógrafo.”

ars_dedicandi_fermin_bouza_brey

Manuscritos: Fermín Bouza Brey (poema á memoria de Rosalía)

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Hoxe volve Fermín Bouza Brey, nun día que festexamos o nacemento de Rosalía de Castro, coa composición titulada “Na visita de doña Gala Murguía ao mausoleo de Rosalía, sua nai, en 10 de Setembro de 1950″, no que apela á autora de Cantares gallegos como “verso de amor, estrofa de tormento”. O poema viu a luz en Seitura (1955), como primeiro poema da sección “Sonetos” baixo o título de “A Rosalía”. Beizón á Fundación Penzol pola cortesía e feliz día rosaliano (abaixo incorporo a transcrición do poema desde a versión testamentaria do autor).”

bouza-brey

Cuestionario Proust: Carlos Callón

DesdeCarlos Callón o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Callón:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sempre é difícil responder estas cousas. Supoño que certo optimismo que tenta estar advertido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Como universal, a cordialidade. Canto máis próximas as persoas, máis agradezo tamén a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Das amigas e dos amigos, comprensión, apoio (aínda que sexa crítico) e confianza. Das amizades, a cordialidade xa dita e algo de compañía mutua.
4.– A súa principal eiva?
– Seica dicía Cunqueiro que os galegos temos un sentido árabe do tempo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Entusiásmanme os pequenos traballos intelectuais en que a curiosidade carbura a plena potencia. Ademais, gusto de lle dar á cabeza por volta da intervención social nas causas en que estou máis implicado.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Desentronar a felicidade como ideal e orientarme polo desexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non poder buscarlle un sentido á vida. Por exemplo, pola perda das persoas que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Chegar de pleno ás miñas vocacións sería abondo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, con mellores condicións. Gusto tamén da idea de pasar un tempiño de xeito en varios lugares de Francia e Italia, porén regresando aquí.
10.– A súa cor favorita?
– Talvez a verde clara.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os campos de chuchameles son tan evocadores!
12.– O paxaro que prefire?
– Estou entre os periquitos e as píllaras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Castelao, Cunqueiro, Marguerite Yourcenar, Borges, Pascal Quignard, Antón Lopo… Se hai que escoller un nome, hoxe diría… Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Lupe Gómez, Benedetti, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Rosalía, Pessoa, o trobadorismo galego, Fermín Bouza Brey… Non, non podo escoller un. Xa bastante é non pasarme citando, he he he.
15.– Un libro?
– O que máis veces lin e relín desde a puberdade até hoxe é Follas Novas. Un clásico dos que palpitan, aínda que hai quen o preferiría momificado.
16.– Un heroe de ficción?
– Estou entre o magnífico Hadriano que nos retrata Yourcenar e o Neville Longbottom da saga de Harry Potter (defendo que el debería ser o verdadeiro protagonista).
17.– Unha heroína?
– Tamén estou entre dúas respostas: ou a viúva do Eleuterio das Cousas de Castelao ou calquera das mulleres afoutas a quen dá voz Rosalía.
18.– A súa música favorita?
– No meu carro os que máis están a soar nos últimos meses son Stromae, Caxade e Els Amics de les Arts. Miña nai dicía de min de pequeno: “a Carlos na música gústalle de todo”. Pois iso.
19.– Na pintura?
– Atrápame O neno das piñas de Castelao e podo pasar horas mirando reproducións de miniaturas medievais.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Daniel Castelao. O seu papel no exilio para que permanecesen vivas as reivindicacións nacionais galegas –non só fronte á destrución fascista, senón tamén ante a incomprensión e os paus nas rodas do republicanismo español e do piñeirismo– é un testemuño que nunca deberiamos esquecer.
21.– O seu nome favorito?
– Éme moi difícil seleccionar un. Vénme á cabeza o hipocorístico Porfica, que era como lle chamaban a unha das avoas da miña queridísima avoa Pepa (ou sexa, que era miña tataravoa). Porfica fai serie con moitos nomes familiares de noso que non deberían esmorecer, como Lela, Carmucha, Mingos, etc.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Supoño que, coma todos, aqueles en que vexo reflectido algo de min que me desagrada. Por dicir algo en que claramente non estou metido: non aturo a xente que fai ruído no cinema.
23.– O que máis odia?
– A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Moitas do pasado e do presente. Polas súas fondas ramificacións nos nosos días direi o repugnante nome de Francisco Franco Bahamonde.
25.– Un feito militar que admire?
– A perseveranza da guerrilla galega, que batallou contra o franquismo canto puido, mais sen ter o apoio exterior con que contaron as resistencias antifascistas doutros países.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O canto, mais acaparou miña irmá toda a capacidade melódica da familia, e o do debuxo, mais iso repartírono entre todos os meus irmáns precedentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Como Emiel Pauwels: con 95 anos, preparado para recibir a eutanasia após darlle á champaña coa xente que amo. Supoño que hai niso tamén algo da ansia de Hadriano: saber despedirse, entrar na morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Talvez enérxico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Remítome á resposta vinte e dúas e doulle a volta. Por continuar no mesmo exemplo, son indulxente coa xente que por fin para e che deixa ver o resto do filme en paz.
30.– Un lema na súa vida?
– A frase de Lacan que máis ecoa en min nos últimos tempos é que un só pode sentirse culpábel de traizoar o seu desexo. Se se matinar algo nela, verase que hai aí un compromiso ético que se alicerza no individual mais que o trascende.”

Ourense: curso A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, coordenado por Carlos Callón, do 29 de novembro ao 2 de decembro

Crónica posterior en Galicia Hoxe.