Cuestionario Proust: Francisco Castro

Desde o blogue de Ramón NicolásCaderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Castro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Teimosía e capacidade de traballo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa capacidade para rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran a pesar de min mesmo.
4.– A súa principal eiva?
– Que me custa moito aceptar que as teño.
5.– A súa ocupación favorita?
– O meu fillo e a miña filla.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Deitarme cada noite sabendo que aproveitei o día.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Quen son.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. En Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Roxo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Non son moi de flores…
12.– O paxaro que prefire?
– A cacatúa. Por iso de ter con quen falar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Borges, Roth…
14.– E na poesía?
– Celso Emilio Ferreiro.
15.– Un libro?
– Calquera dos da miña colección dos Beatles.
16.– Un heroe de ficción?
– Supermán.
17.– Unha heroína?
– Supergirl.
18.– A súa música favorita?
– Rock and roll.
19.– Na pintura?
– A miña filla de cinco anos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Gandhi.
21.– O seu nome favorito?
– Francisco, por suposto.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– Os prepotentes con impunidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ningún. Estou ben como son.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama. Pero non durmindo. Ti xa me entendes. E de vellísimo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do entusiasmo.
30.– Un lema na súa vida?
– Téntao de novo.”

O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro

Entrevista de Nacho Alonso a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Dous anos despois da publicación dese libro [In vino veritas] retoma o xénero neste O corazón da Branca de Neve.
– Francisco Castro (FC): Expresaba Walt Whitman: “Contradígome! Si, contradígome!” (risos). Cando aseguraba que non volvería escribir este tipo de novela estaba totalmente convencido diso, pero O corazón da Branca de Neve naceu pegada –e non o oculto- ao premio de novela por entregas do xornal La Voz de Galicia. Por mor das características dese premio, onde case que tes a obriga de manter intrigado ao lector ao longo de trinta e un capítulos, a escrita que mellor lle acae a ese xénero seguramente sexa a novela negra.
E aparte do propio premio, estaba o personaxe do inspector Hermida, que levaba tempo roldándome polo meu maxín. Hermida trátase dun policía entrañable, real, que o lector pode identificalo doadamente… Da conxunción de todo iso que acabo de comentar naceu O corazón da Branca de Neve. Polo tanto, desdíxome do dito hai dous anos. E aínda digo máis… O inspector Hermida terá continuidade en futuras novelas.
– FL: Con esta novela acadou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Unha das características dese certame é a estrutura que ha de ter a novela: trinta e un capítulos de 3.500 caracteres cada un deles. Foille un reto cinguirse a unha estrutura tan ríxida?
– FC: Eu sentíame, á hora de escribir O corazón da Branca de Neve, como eses operarios que fan albanelería fina. Foi un reto, a verdade. O meu obxectivo era cumprir formalmente cos 3.500 caracteres por capítulo establecidos nas bases do premio; de feito, os trinta e un capítulos do libro teñen exactamente eses 3.500 caracteres, nin un arriba nin un abaixo.
Cando tes que facer unha novela cunha estrutura tan ríxida sempre está a tentación de non complicarte e darlle á historia unha estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. Porén, eu quería ofrecer ao lector, a pesar do formato tan ríxido, unha novela coral, onde apareceran varios personaxes con cadansúa historia, non só a pesquisa de Hermida.
Iso axudoume a introducir unha denuncia sobre varias cousas, como o feminicidio de xénero que estereotipa ás rapazas a ter un corpo determinado ou unha crítica social sobre as mulleres ás que lles rouban os bebés.
Ao final, se vas sumando cousas, os retos eran moitos. Debía cumprir cos caracteres por capítulo, estaba a necesidade de manter a intriga ao longo do mes no que se publicou a novela en La Voz de Galicia e, por suposto, estaba o reto literario.
– FL: En O corazón da Branca de Neve vostede abarca un tema que está de fonda actualidade, como é o roubo de meniños para entregalos a familias que non poden ter descendencia. É doado ficcionar a realidade?
– FC: Aínda que soe a tópico coido que a novela negra ten a obriga de estar pegada á realidade, ha de retratar a época na que vive. O escritor Dashiell Hammett debuxaba nas súas novelas aquela América de finais dos 40 e comezos dos 50. Aos que facemos novela negra hoxe tócanos reflectir o que está a acontecer na actualidade. Polo tanto, no meu caso, non foi difícil. (…)”

Culturgal, a feira da imaxinación

Desde Sermos Galiza e Praza:
“Son tempos de agudizar o enxeño para sobrevivir ou buscar novas vías no mundo da cultura e en Culturgal xuntáronse unha morea de iniciativas que sorprenderon a un público que asistiu de forma masiva á feira. Con poucos medios, agudizar o enxeño, era a consigna que se apreciaba en moitos dos proxectos, talvez como a propia organización da feira, que conseguiu manter o nivel de actividades e público cun 55% de apoio institucional. (…)
Cada edición con máis forza, as industrias culturais agardan por Culturgal para mostrar as súas novas producións. Desta maneira, á feira chegaron recén saídas do prelo, algunhas novidades editoriais agardadas e tamén discográficas, en especial para público infantil, aproveitando as datas próximas ao Nadal nas que a Feira se desenvolven. Por Culturgal pasaron nestes días Manuel Rivas -con dobrete coa Revista Luzes, recén impresa e coa venda do primeiro exemplar no Pazo da Cultura, e co seu novo libro para a infancia O raposo e a mestra-, Anxos Sumai, Berta Dávila, Francisco Castro, Manuel Gago, Luís Rei Núñez, Manuel Lourenzo González, Marcos Calveiro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijóo, Anselmo López Carreira e Diego Ameixeiras. Da música fixéronse públicos os novos discos de Caxade, Lydia Botana, o CoraSons promovido por Uxía, o de 2naFronteira ou o novo espectáculo de Davide Salvado (…)”

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.

Compostela: presentación de O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro

O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Solar.

Vigo: presentación de O corazón de Branca da Neve, de Francisco Castro

O martes 19 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Ramón Nicolás.

Francisco Castro: “Oxalá tivesemos un país forte ao que non lle houbese que explicar constantemente por que escribimos en galego”

Entrevista de Alberto Ramos a Francisco Castro en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica social da que fala é unha constante en toda a literatura, pero tamén en concreto do xénero negro. Ademais non é a primeira vez que se achega vostede ao xénero, por exemplo en In vino veritas xa tiñamos un detective, aínda que nesa obra todo tiña un trazo máis paródico…
– Francisco Castro (FC) O corazón da Branca de Neve é un libro máis clásico. In vino veritas si que tiña ese aquel de parodia de novela negra. Pero sendo unha parodia, era tamén unha novela negra. E tiña o seu detective, tiña a súa muller fatal, a súa trama corrupta, a denuncia social… Todos eses tópicos. Pero tamén pretendía ser unha reflexión sobre o propio xénero. Neste novela, pola contra, estiven máis contido.
Sobre a primeira parte do que dicías, a min gustaríame que cando se falase da miña obra, dentro de 100 ou 200 anos e eu morra, se dixese que os meus libros quixeron retratar o seu tempo. En Xeración perdida falaba da miña xeración e de como a droga a machucou. No caso de Spam, trataba o tema de internet e de como a rede comezaba servilles ás empresas para o controlarnos. Chamádeme Simbad fala dunha das pragas do século XXI: o alzheimer. Sempre intento que cada obra sexa unha pintura da realidade e, ao tempo, unha pintura crítica. (…)
– P: E como editor, voulle preguntar pola crise. Como ve que está a sufrir a crise o mundo editorial?
– FC: Vou dar unha resposta longa. O primeiro que hai que dicir é que a situación editorial en Galicia é exactamente que o da literatura en galego. Sempre dixen que a literatura galega non é mellor nin peor ca outras, é unha literatura normal. Facemos libros bos, regulares e malos. No caso da edición, diría exactamente o mesmo. A edición galega é moderna, está a altura da que se fai no mundo occidental. Eu vou a encontros internacionais e vexo o que se fai por alí fóra. E podo dicir que estamos á mesma altura, ás veces moi por riba. Nese sentido, o nivel da edición en Galicia é óptimo e profesional. Podemos estar orgullosos de como editamos.
Outra cousa é a parte económica do asunto… Loxicamente nun lugar do mundo como no que estamos, con cinco millóns de parados, a xente reduce o seu gasto en libros e en cultura. A xente non pode deixar de mercar mortadela, pero si pode deixar de ler ou pode ler doutra maneira. Comentábame hai pouco a directora dunha biblioteca que cuadriplicaran no último ano os carnés de socios. Isto quere dicir que hai moito lector que non quere deixar de ser lector e que, por fortuna, neste país aínda temos bibliotecas. Creo que este dato ilustra bastante ben cal é a situación.
A situación que vivimos lévanos a editar, a controlar máis as tiraxes, hai que ser máis conservadores. A edición é un traballo fermosísimo, pero ten un aquel arriscado. A min pódeme gustar moito unha novela, penso que vai ser un exitazo e, ao final, non lle fai caso ninguén. E ás veces pasa todo o contrario. O mercado é así e é difícil de prever… En calquera caso, creo que agora nos toca ser conservadores. (…)
– P: Vou facer unha pregunta tópica sobre a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Segue a manterse o prexuízo de que é de segunda división, de que non é relevante e esas cousas?
– FC: Evidentemente o prexuízo segue. Menos que hai unha década, sobre todo por autores como Fernández Paz, que é premiado polo mundo adiante, ou pola facilidade dos autores da LIX de seren traducidos dende o galego. Todo iso fai que se nos respecte un pouco máis. Pero o prexuízo existe… E debo ter o día moi politicamente incorrecto, pero teño que dicilo: o prexuízo está moi instalado en moitos escritores e escritoras da literatura adulta. Moitos deles pensan que iso o pode facer calquera. E pensan iso cando a LIX -e non falo como presidente da Galix nin como escritor, falo como pai e lector- é tremendamente importante para a formación lectora. Non se pode desprezar así.
De cando en vez, hai que ler columnas de opinión e voces autorizadas que deitan así como unha mirada case de perdón sobre a LIX. Conviría lembrarlles que quen sostén no conxunto do estado a edición é, precisamente, a LIX. E para formar lectores é importante facer unha literatura infantil e xuvenil de calidade. Merecemos o respecto que non sempre se nos dá. (…)”